O Compos segue sen levantar cabeza. Nova derrota do equipo de Rodri Veiga e a fase de ascenso está máis en perigo que nunca. Un equipo que hai pouco pelexaba por ser segundo e que agora ten aos de abaixo achegándose a gran velocidade. Unha derrota, e van tres seguidas, para un equipo que leva unha segunda volta para esquecer e que hoxe sufriu a súa segunda remontada en contra nun partido onde a imaxe foi de mellor a peor xogando un segundo tempo no que faltou sangue e no que os trocos non serviron para nada.
O partido non puido comezar mellor. Dous minutos e chegaba o primeiro gol do encontro. Un barullo na área, centro de Escudero ao que non chega Primo pero si o fai pablo Durán. O tomiñés non perdoou para deixar atrás unha xeira de tres partidos sen marcar do equipo e facer o quinto na súa conta particular. Semellaba chegar a luz despois de moita escuridade. Tampouco tardou en ter o segundo nas súas botas logo dunha falta botada por Samu.
E se contra o Llanera, despois de perdoar, houbo que pagar, contra a Gimnástica Segoviana non foi para menos. A defensa branquiazul estivo moi frouxa durante todo o partido e Llorente demostrou ter unha gran efectividade de cara a porta no primeiro tempo. O madrileño asinou o empate aos dez minutos e só quince despois sumou o segundo co que darlle a volta ao resultado aproveitando un erro defensivo. Con ese segundo gol, noso equipo desapareceu ata o tempo de lecer quedando sen ideas nun partido que, en liñas xerais, non foi malo.
Insuficiente.
A falta de ideas reapareceu no segundo tempo. O Compos foi totalmente incapaz de meterse ben no partido. Co resultado en contra, o equipo volveu ser frouxo en ataque, sen ideas na zona de creación e feble en defensa, aínda que sen ter que falar de oportunidades claras sobre a portería defendida por Pato.
Na portería de Carmona, case sen perigo. Só Pablo Antas, no treito final, puxo perigo sobre a porta defendida polos segovianos deixando mostras do mal momento polo que pasa, animicamente, este equipo.
Agora, queda preparar a final contra o Coruxo nun partido chave se o obxectivo segue a ser o da fase de ascenso. Un partido moi duro o que se vén nun Vero Boquete onde o ambiente non apunta a ser o mellor despois das últimas semanas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario