Esquezamos todo o malo

 Nova xornada e nova cita no Vero Boquete. O Compos, en horas baixas, buscará este sábado volver ao camiño da vitoria nunha cita moi complicada fronte a outro rival da zona baixa. O Llanera, que visitará o feudo branquiazul por primeira vez na súa historia, chega, ademais, coa vista posta nos postos de permanencia, a tiro nunha clasificación xa actualizada. 

 Moi vivos. 

 O Llanera afronta este último terzo do campionato con moitas esperanzas postas nunha permanencia que semellaba case imposible para un equipo que caeu aos postos de perigo na xornada 6 e non saiu deles aínda, téndoos a día de hoxe a só 2 puntos e sendo a diferenza máis curta dende outubro. Non obstante, trátase dun equipo que fóra da casa non é quen de sacar uns resultados esperanzadores. 

 A día de hoxe, o equipo de Posada de Llanera ocupa o 16º posto, superando a Salamanca e Ceares, con 27 puntos. Un equipo que gañou 7 partidos e empatou 6 para acadar esa puntuación. Por contra, 11 derrotas, chegando a maioría fóra do Pepe Quimarán. Por outro lado, con 25 goles a favor, trátase dun equipo con tanto acerto como mala sorte igualando neste sentido ao Bergantiños. Isto débese tamén aos 35 goles encaixados que os sitúan como os segundos que máis goles reciben, só superados polos seus veciños de Xixón. 

 A domicilio, só Ceares e Gimnástica Segoviana conseguiron menos puntos no que vai de tempada. Un total de 8 puntos en 2 triunfos, na Cruz e nas Eiroas, e outros tantos empates, na Lomba e no Ramón Suárez Puerta en partidos sen goles. A maiores, 7 derrotas nas que non marcaron ningún gol. 

 A nivel individual, está a destacar, con 5 goles, Javi Sánchez. O dianteiro ovetense está nun gran momento de forma e anotou todos os seus goles nos 6 últimos encontros, todos eles na casa. Con el, Saha e Junior Romaric suman 3 goles cada un sendo uns grandes perigos a balón parado e á contra. 

 Na casa é diferente. 

 O Compos suma xa tres saídas nas que non chegan os puntos. Non obstante, en San Lázaro as cousas son moi diferentes. En Santiago, só o Arenteiro foi quen de deixar a súa portería a cero e cinco equipos saíron con puntos. Aínda así, o equipo segue sen saber o que é perder como local na casa convertindo, como debe ser, nun fortín inexpugnable o Vero Boquete. 

 Tres derrotas consecutivas fóra da casa e 8 dos 12 puntos xogados nela no que vai de ano incluíndo a cómoda goleada fronte ao Salamanca sendo, ademais, a primeira vitoria por máis dun gol de vantaxe dende outubro. Con isto, hai que falar de algo negativo, e é que Pato deixou a súa porta a cero dúas veces no que levamos de 2022, ambas as dúas na capital galega e sumando así 4 puntos. 

 En canto a derrotas, hai que mirar a maio do ano pasado para atopar a última, superando xa os 300 días sen perder na casa chegando a última contra o Marino de Luanco na segunda fase do curso pasado. 

 Só un punto a Asturias. 

 No que vai de tempada, só un punto saiu de Santiago rumbo a terras asturianas. Pasaron Marino de Luanco, Langreo e Avilés e só os primeiros, aos que non se lles dá mal xogar contra os nosos nestes últimos tempos, foron quen de puntuar. Os outros dous non foron quen de sacar nada positivo caendo, nos dous casos, pola mínima. 

 Menos sorte tivo o Llanera nas súas visitas a Galiza. Si ben é cero que sacaron 4 puntos en terras galegas, nas súas visitas a Vilagarcía e Carballo, non correron con tanta sorte en Fragoselo e Pasarón, de onde saíron cun 2-0 e un 3-0 respectivamente. 

 Se temos en conta o único partido ata agora entre os dous equipos, o xogado na primeira volta, hai que falar de que o Compos si conseguiu un grandísimo resultado nun dos campos que está a ser dos máis difíciles da categoría. Poucos puntos saíron do Pepe Quimarán e o Compos é un dos catro equipos que puido facerse co triunfo, nunha cita moi difícil, onde houbo que tirar do xogo directo e no que Roque e Pablo Durán demostraron a súa calidade. 

 Cara e cruz. 

 A pasada fin de semana, os dous equipos conseguiron resultados moi diferentes nos seus partidos que, curiosamente, medían a galegos e asturianos, a equipos da zona alta con outros da zona baixa. O Compos non foi quen de volver con nada positivo de Luanco, nunha cita moi difícil e nun campo que deixaba moito que desexar. Pola súa parte, o Llanera asinou un triunfo importantísimo contra un dos grandes da categoría e que o axudan a fuxir do máis fondo. 

 En Miramar, o Compos non foi quen de facer nada bo. Un partido malo, onde houbo poucas oportunidades de perigo e do que os nosos desapareceron á media hora de partido para nunca máis volver. Visita mala, un ano máis, e que se decantou cun gol de Borja Álvarez logo dunha internada pola banda esquerda do ataque local.

 No Pepe Quimarán, o Llanera recibía ao Pontevedra. Partido moi difícil para o Pontevedra de Ángel Rodríguez e que deixou claro o mal momento que tamén atravesa o conxunto granate, sendo o equipo en peor dinámica da categoría no último mes e medio. Un gol de Javi Sánchez no minuto 5 foi suficiente para que os pontevedreses non puideran dar a volta ao resultado. 

 Chega a gripe. 

 A covid, os problemas físicos e agora a gripe acusan a este Compos que non hai maneira de que poida estar tranquilo. O equipo de Rodri Veiga, que apunta a que recuperará a Baleato e Samu, baixas nas últimas semanas, contará con varias dúbidas, a estas alturas descoñecidas, por mor deses problemas coa gripe ao longo desta última semana. Non obstante, o adestrador deixou claro que non haberá problemas para confeccionar unha convocatoria. 

 Volvemos aos sábados. 

 Como xa pasou contra o Real Avilés Industrial e o Bergantiños, o Vero Boquete abrirá as súas portas un sábado pola tarde para unha boa sesión de fútbol e goles, algo que se ve de xeito habitual nun campo que apunta a ser complicado para o cadro asturiano, acostumado a xogar nun terreo moi diferente. O partido arrincará ás 17 horas e, coma sempre, haberá entradas dispoñibles para os non abonados a 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, 10 euros menos en cada bancada para menores de 18 anos. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da TVG2, seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio' en Twitch. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario