O Compos sumou unha nova derrota e unha nova semana sen marcar na súa visita a Luanco. Un moi mal partido dos nosos marcado polo mal estado do terreo de xogo e as pésimas tomas de decisións nos metros finais, tendo opcións para, como mínimo, sacar un empate dun campo difícil. Segundo partido consecutivo sen ver portería e, de novo, sen gañar contra un rival da zona baixa da clasificación.
Nos primeiros corenta e cinco minutos, os dous equipos amosaron un nivel semellante, sen un dominador claro pero con ocasións nas dúas porterías. Primo avisou e Fer Beltrán tivo unha ocasión clarísima que se foi por enriba da portería. Iso antes de que se cumpriran os primeiros dez minutos de partido. Tamén Pablo Durán tivo ata dúas oportunidades de abrir a lata nun primeiro tempo no que os nosos gozaron de boas ocasións.
Na portería de Pato, chegadas sen gran perigo durante os primeiros trinta minutos, con corners que puido sacar ben a defensa branquiazul, e unha oportunidade moi clara nun man a man con Pato que salvou á perfección o gardameta uruguaio.
Unha marcha menos.
Co paso dos minutos, o estado do campo foi empeorando e, con el, un Compos sen ideas. Os primeiros cinco minutos contaron con dous saques dende o curruncho que non levaron ningún perigo sobre a porta local e, a partir de aí, o Marino demostrou ter máis ganas de ir polo partido con trocos que non serviron para mellorar a imaxe.
O ataque do Marino de Luanco convertiuse nun constante perigo sobre a portería de Primo tendo máis ou menos sorte. Primeiro, un gol anulado a Steven Prieto por fóra de xogo e, minutos despois, salva Salado na liña de gol unha picada de Borja. Á terceira si chegaría o gol do lateral nunha xogada que comeza pola banda dereita e que remata cun disparo a pracer na área.
Lonxe de mellorar, os problemas aumentaron nun Compos frouxo. Nos dez últimos minutos, Escudero convertiuse no nome propio. O dianteiro de Simancas perdoou a primeira nun tres para un tomando unha mala decisión, fallou unha ocasión clara logo dun rexeite co porteiro no chan e, no engadido, fóiselle o control na área e acabou no chan nunha xogada insuficiente para o colexiado.
Finalmente, o equipo volve de Luanco, unha vez máis, sen ver portería e a terceira derrota fóra da casa consecutiva dun equipo que lonxe de San Lázaro non atopa o camiño bo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario