Chega a terceira cita dos nosos, e a segunda saída consecutiva, na que buscar a primeira vitoria deste 2022. Unha saída complicada, fronte a un rival que aspira a meterse nos postos altos da clasificación por segunda vez no que vai de curso. Un Móstoles que na casa se convirte nun conxunto forte e complicado e que quere privar aos nosos, unha vez máis, de volver de Madrid cos tres puntos.
De menos a máis.
O Móstoles, que se estrea na Segunda B para celebrar o seu primeiro cuarto de século de vida, non tivo un bo arrinque de tempada. Tres xornadas sen gañar, facendo 1 punto de 9, facía pensar que a tempada do conxunto madrileño non sería doada. Pasaría un mes máis para ver o segundo triunfo, primeiro a domicilio, dun equipo que entraría nunha boa dinámica de resultados pasando de ser o penúltimo clasificado a mediados de outubro a facerse un oco entre os postos privilexiados en só un mes, volvendo caer unha semana despois pero sen quitarlle ollo a esas primeiras posicións.
A día de hoxe, meses despois, o equipo mostoleño suma un total de 27 puntos que o sitúan na sétima posición, a só 1 punto dun Leganés B que marca os postos de promoción de ascenso e que visitará a vindeira fin de semana o Vero Boquete. Como curiosidade, gañaron e perderon o mesmo número de partidos, 8, e empataron 3 sendo un dos equipos que menos veces acabou con empate de puntos. A maiores, é o quinto equipo con máis goles, cun total de 23, mentres que tamén se sitúan como o equipo da zona media-alta que mais goles encaixou, cun total de 21.
En El Soto, convertíronse nun dos equipos máis fortes. Un total de 18 puntos de 30 posibles para o equipo azulón diante da súa afección. Campo do que saíron só dúas vitorias pola mínima, de Navalcarnero e Arosa, e no que os empates, os tres que sumaron en total, chegaron con moita emoción ata o final, igualando un 1-2 contra o Pontevedra no engadido e outro tanto, 2-3 neste caso, contra o Leganés B. Ata cinco equipos non puideron sacar nada positivo sendo o Palencia Cristo Atlético o único que marcou pero non puntuou sendo, ademais, a única vitoria que conseguiron pola mínima.
A nivel individual, está a destacar Álvaro Sánchez. O dianteiro madrileño, que conta cunha boa experiencia na categoría de bronce, suma xa 10 goles, un deles no Vero Boquete, convertíndose nun dos máximos goleadores do grupo por detrás de Montejo e Charles.
Madrid non se nos dá ben.
Se ben é certo que nos últimos anos non houbo moitas visitas do Compos a terras madrileñas, hai que botar a vista atrás, ata o século pasado, para ver o último triunfo branquiazul na capital española. Sería, ademais, contra un filial, algo que agora non se lle dá ben aos nosos. Contra o Atlético de Madrid B, Changui, Díaz e Viedma anotaron os goles do triunfo mentres que Raúl Molina intentou manter vivo ao equipo, sen sorte.
Deste mesmo curso hai que falar de dúas saídas. A primeira, a Leganés, rematou con empate nun partido moi igualado no que Primo adiantou aos nosos e que empatarían os locais nos minutos finais. E menos sorte habería na visita a Navalcarnero, onde Meseguer fixo o primeiro local, empatou Escudero e Marcos Mendes asinou o segundo tanto que deixou ao Compos coa súa primeira, e única ata o momento, derrota.
Pola súa parte, ao Móstoles non se lle dá mal recibir a equipos galegos na súa casa. Pasaron por El Soto Pontevedra, Arenteiro, Coruxo e Arosa e só os arlequinados sacaron os tres puntos. O equipo granate, ao que lle custou arrincar, e os do Carballiño non foron quen de gañar, malia chegar con opcións ao final os de Ángel Rodríguez. E o Coruxo, que fóra da casa non carbura, caeu por 2-0, resultado repetido ata en tres ocasións.
A primeira, foi boa.
Xa é máis que coñecido que este ano é a primeira vez que os nosos se enfrontan a moitos dos rivais cos que comparten grupo. É o caso, tamén, co Móstoles. O equipo madrileño recibirá, por primeira vez na súa historia, a un Compos que xa sabe o que é gañarlles na casa.
Na primeira volta, no Vero Boquete, chegaba a segunda vitoria consecutiva. Pablo Antas fixo o primeiro, dende os once metros, antes de alcanzar os dez minutos de xogo. Tamén no primeiro tempo chegaría o gol de Primo e xa no segundo, sen tempo para reaccionar, sería Salado o encargado de anotar o terceiro. Álvaro Sánchez, no treito final, fixo o 3-1 definitivo nunha vitoria cómoda dun Compos incapaz de volver gañar con esa autoridade.
Camiños diferentes.
O comezo de ano está a ser un tanto diferente para Compos e Móstoles. Un sumou 2 puntos de 6 posibles mentres que o outro, co obxectivo de achegarse á zona alta, fixo 6 de 9. Dous camiños moi diferentes e que deixan, a día de hoxe, aos dous equipos con só 4 puntos de diferenza.
O Compos arrincou suspendendo, no último momento, o seu partido contra o Salamanca, que se xogará en menos de tres semanas. Despois, repetiu resultado contra o Pontevedra no Vero Boquete e fronte ao Cristo Atlético en Palencia, en dous partidos nos que se chegou ao tempo de lecer por debaixo no marcador e que se igualaron dende os once metros grazas aos goles de Samu e Escudero.
Pola súa parte, o Móstoles superou os seus dous partidos na casa, ambos os dous de forma consecutiva, contra Ceares e Salamanca cun total de 5 goles a favor e ningún en contra. Non obstante, a sorte cambiou en Pasarón. O Pontevedra pasou por riba do equipo madrileño cos goles de Charles, Brais Abelenda, Álex González e Iñaki, mentres que Alexander asinou o tanto dos visitantes.
Dúas baixas no centro do campo.
Cunha ausencia máis que se confirmará antes de viaxar, Rodri conta con dúas ausencias seguras para esta nova saída. Jordan será baixa por sanción, logo de ver o quinto cartón a pasada fin de semana en Palencia. Pola súa parte, Pablo Antas seguirá unha semana máis fóra dos terreos de xogo e sen unha data marcada para a súa volta ao verde.
Primeiro madrugón do ano.
Xogar contra equipos de Madrid significa, en moitas ocasións, madrugar un domingo. E esta fin de semana non vai ser menos, ao igual que a que vén. Ás 12 comezará en El Soto o partido destacado da fin de semana entre cuarto e sétimo clasificados e poderá verse unicamente por Footters ou no propio estadio con entradas a 15 euros, agás para menores de entre 13 e 3 anos, que estarán a 3 euros.
Quen, por contra, non poida achegarse, poderá verse o partido, como xa dixemos antes, por Footters. Tamén se poderá seguir polas contas de Twitter da Curva e do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario