Repetimos

 As costumes non cambian e o Compos segue abonado ao empate. Unha nova igualada fóra da casa, e xa van seis, contra un Palencia Cristo Atlético que tivo contra as cordas ao equipo santiagués durante varios treitos dun partido tolo, que non tivo un dominador claro ata a última media hora e no que os trocos foron determinantes para sacar este resultado. Frodo adiantou aos seus mentres que Escudero, dende os once metros, fixo o empate no treito final. 

 O partido arrincou co Compos metendo unha marcha máis, presionando a saída de balón do cadro palentino e, sobre todo, avisando con Primo moi activo en traballos ofensivos. Sería o cántabro o autor das dúas primeiras chegadas, perigosas, dos nosos mais sen ter a sorte e a puntería precisas para aumentar a súa conta goleadora, freada hai tres meses. Outro que, logo de rematar o bo momento inicial dos galegos, puido ter o gol nas súas botas foi Josiño cun disparo que sacou o porteiro cunha gran intervención. 

 Se falamos de Guille, porteiro do Palencia Cristo, hai que falar tamén de Pato. O uruguaio foi fundamental para que a vantaxe local non fora superior, aparecendo por primeira vez ao cuarto de hora. Menos puido facer no gol palentino, logo dun roubo e unha fermosa xogada colectiva que finalizou Frodo á perfección cando o encontro estaba tolo. O propio Frodo tería, pouco despois, o segundo cun disparo que petou no pau e ao que respondeu, na seguinte xogada, Guille Torres cun disparo cruzado que se foi fóra. 

 Mellor, cos trocos. 

 O Palencia volveu saír mellor ao segundo tempo. Os primeiros minutos foron de clara superioridade local con ata dúas oportunidades perigosas nos dez minutos iniciais, obrigando a Pato a estirarse na primeira e petando na cruceta na segunda. 

 Pouco a pouco, esa enerxía foise apagando e a entrada dos trocos axudou a que o Compos collera peso no partido. Jordan e Escudero incomodaron á defensa e con Rafa Mella chegaron as mellores ocasións dun Compos que, malia non saír das inmediacións do área, non foi quen de transformar ningunha oportunidade en gol. 

 Estaba a merecer máis o cadro dirixido por Rodri Veiga e, aínda así, o gol chegou nun córner que peinou Baleato e a pelota petou no brazo dun contrario. O colexiado non tivo dúbidas para sinalar a pena máxima e Escudero tampouco para transformala e facer xustiza. Un empate que serviu para dar folgos aos nosos, con Rafa Mella como peza fundamental no ataque e creando, unha vez máis, ocasións de sobra para sacar un resultado mellor nunha visita moi difícil. 

 Agora, con outro empate no peto, o equipo xa pensa na visita a Móstoles da vindeira fin de semana. Outra saída complicada e na que se buscará a vitoria por primeira vez en tres xornadas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario