Segunda caída

 Xogar en Madrid non se lle dá ben ao Compos, algo que non é de agora. E este domingo non foi menos. Bo primeiro tempo dos nosos, deixando unha boa imaxe sobre o verde do Estadio de El Soto mentres que a segunda foi totalmente diferente, con remontada local incluída. Escudero, no primeiro tempo, fixo o tanto branquiazul mentres que Mantovani e Portilla asinaron a remontada dun Móstoles incapaz de facer nada no primeiro tempo e que foi claramente superior no segundo. 

 O primeiro tempo foi de clara superioridade branquiazul. Xogando en campo contrario case os corenta e cinco minutos e tentando buscar un oco nunha defensa forte que non cometeu case erros. Iso levou aos nosos a non poder ter ningunha oportunidade de perigo sobre a porta mostoleña ata mediado o primeiro tempo. Unha xogada de Parapar pola dereita, centro ao segundo pau que remata Durán e rexeita o porteiro. O propio Durán recolle de novo a pelota e asiste a Escudero, que controla e lle pega preto do pau, imposible para o porteiro. 

 Co resultado favorable, o perigo seguiu sobre a portería local. Non obstante, o porteiro estivo ben nas ocasións dos nosos evitando unha maior vantaxe antes do tempo de lecer con Parapar moi activo. Tamén Vesprini, de falta, puido sorprender ao gardameta. 

 No outro lado, Pato tivo menos problemas para evitar o gol madrileño, con só unha oportunidade clara, cun disparo desde lonxe, que petou no longueiro. Sería, por contra, moi diferente ao que pasou no segundo tempo cambiando os papeis. 

 Desaparecidos. 

 O segundo tempo foi totalmente contrario. Da superioridade branquiazul á desaparición e a incapacidade para pasar do centro do campo. Sen Parapar, substituído no tempo de lecer por lesión, tampouco os trocos serviron para mellorar a imaxe. E se no primeiro tempo hai que dicir que a defensa deixou unha gran imaxe, no segundo foi para esquecer. 

 Quince minutos pasaron dende a reanudación e nunha falta mal defendida, Mantovani fixo o tanto do empate aproveitando un erro da defensa. Un gol que non serviría para espertar a un Compos que seguiu fóra do partido e que, a cinco minutos para o final e despois de máis tempo sendo inferiores sobre o verde, encaixou o segundo gol nunha xogada na que a defensa se quedou parada reclamando un posible fóra de xogo deixando so a Portilla, que marcou sen oposición. 

 Sen tempo para máis, o Compos sumou así a segunda derrota do curso nun campo complicado contra un Móstoles que segue a sumar na casa. E agora, a pensar en superar esta mala xeira de resultados e gañar ao filial do Leganés o vindeiro domingo pola mañá. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario