Coa segunda volta máis que comezada, toca poñer fin á primeira. O partido contra o Salamanca, que debía abrir este 2022, está aquí por fin e chega cos nosos obrigados a sumar de tres unha vez máis e seguir mantendo o Vero Boquete de San Lázaro como un fortín do que non saen case puntos. Diante, un cadro salamantino que non só precisa dos puntos para saír dos postos de perigo senón que, ademais, chega a esta cita con moitas caras novas con respecto ao 9 de xaneiro, cando tiveron que deixar Santiago sen poder xogar por un gromo no clube, incluíndo ao adestrador, recén chegado e que non arrincou con mal pé.
Con marxe de mellora.
O Salamanca chega a esta cita con moitas caras novas. Un equipo que se reforzou moito no mercado de inverno, aproveitando o tempo que pasaron sen xogar e fichando case un novo once. A iso hai que sumar a saída do adestrador hai poucos días chegando ao clube María Hernández, que non puido ter unha mellor estrea.
Unha renovación obrigatoria para un equipo que segue na zona máis baixa da clasificación. Penúltimos na táboa, están agora a 4 puntos do posto de promoción de permanencia con dous partidos menos. Un equipo que gañou 5 citas, empatou 6 e caeu en 9. Un equipo cuxo fútbol consiste, en gran parte, en defenderse e iso queda demostrado cos 14 goles en contra, 6 deles encaixados nos 5 últimos partidos. Por outra parte, trátase dun rival que sabe ben aproveitar cada gol que marca, facendo un total de 7 e, agás contra o Pontevedra, supoñendo sempre puntos. A iso hai que engadir que só contan 1 dos seus empates con goles.
Lonxe do Helmántico, trátase dun equipo que foi capaz de gañar en campos tan complicados coma as Instalacións Deportivas de Butarque, o Pepe Quimarán e, catro meses despois, en Miramar. Polo medio, empates sen goles contra Coruxo e Cristo Atlético. Ademais, caeron pola mínima contra Arenteiro, Arosa e Ceares mentres que Navalcarnero e Móstoles serían quen de sacar unha vantaxe de dous tantos.
Nun equipo con tantas novidades, destacar un xogador non é o máis doado. Moitas caras novas que aínda teñen que seguir mellorando e entre os que destaca Ibán Ribeiro. O dianteiro vasco que chegou procedente da Cultural de Durango o pasado verán trátase, a día de hoxe, do futbolista máis destacado con 3 goles no peto, 2 deles anotados no último mes sendo o protagonista principal dos 4 últimos puntos dos charros.
Terceira parte.
Volve a Santiago un dos equipos que entran nunha parte negra da historia do Compos. Un equipo acostumado a superar cada unha das fases de ascenso e que en 2018, da man de Yago Iglesias, quedou, por primeira vez, sen o premio a unha longa tempada. Nese curso habería dúas bestas negras: o Espanyol B e o propio Salamanca CF UDS, daquela coñecido coma Salmantino e cuxo ascenso á Segunda B levou ao equipo a levar o nome da cidade así como o escudo da extinta Unión Deportiva Salamanca.
Despois dun empate no Helmántico, os dous equipos medíanse en San Lázaro para o partido que deixaría a un dos dous en Terceira división e ao outro na Segunda B. Aos nosos, servíalles o empate sen goles. O conxunto charro estaba obrigado a marcar e, como mínimo, asinar un empate por máis dun tanto. E serían os visitantes quen, antes da media hora, asinaron un gol que lles levaría a facer historia acadando o seu primeiro ascenso á categoría de bronce, na que se mantiveron ata o momento.
Sería na Segunda B, na derradeira tempada da categoría no terceiro nivel, cando volverían verse as caras. Compos e Salamanca pecharon a primeira fase no Vero Boquete cun empate onde Soto sería o autor do único gol branquiazul e que lles serviría para sumar un punto máis, vital para os casteláns que chegaron á segunda fase nunha posición delicada e conseguiron salvarse do descenso á Terceira RFEF xunto a Pontevedra e Coruxo.
Cun día máis.
A pasada xornada deixounos resultados moi diferentes para os dous equipos nas súas saídas a Carballo e Luanco respectivamente. Os nosos que, como todos os equipos da zona alta da clasificación, non pasa polo seu mellor momento e un Salamanca con máis problemas internos que fútbol e que quere evitar o descenso a toda costa.
En Carballo, o Compos non foi quen de amosar unha boa versión en defensa no primeiro tempo. Adiantar liñas e buscar a portería de Santi Canedo non foi a mellor idea dun equipo que chegou ao tempo de lecer con tres gol de diferenza en contra. Na segunda metade, cambiaron as cousas, os de Rodri Veiga deron un paso adiante e puxéronse a un gol, sendo incapaces de igualar o resultado e acabando, os dous equipos, cun home menos.
Pola súa parte, o Salamanca si foi quen de sacar un bo resultado da súa visita a Luanco que os mantén na pelexa pola salvación. Un partido difícil, onde cada equipo tivo opcións de levarse os tres puntos e que se definiu cun gol de Ibán Ribeiro nos primeiros minutos de xogo aproveitando un disparo previo ao pau e un erro defensivo que lle permitiu quedar só e marcar a pracer.
Unha primeira volta para enmarcar.
A primeira volta do Compos foi case inmellorable. Un equipo moi forte na casa, onde poucos puntos puideron saír, e que pelexa fóra volvendo con puntos en case todos os encontros. Só unha derrota, a falta dun partido para situar ao clube nunha das mellores primeiras voltas da súa historia na Segunda B e coa posibilidade de superar a barreira dos 30 puntos en 17 xornadas, algo que nunca puido facer dende que as vitorias contan por 3 puntos e quedando a só 2 dos que sumaría na 90/91, curso no que chegou o primeiro ascenso ao fútbol profesional co sistema de puntuación actual.
7 vitorias polo momento, 5 delas na casa e 2 a domicilio, ás que sumar un total de 8 empates máis dun equipo que só caeu nunha ocasión en toda a tempada, no partido contra o Navalcarnero en terras madrileñas. Sería, de momento, a única derrota para os homes de Rodri Veiga, debutante como primeiro adestrador no clube e que non o podería facer mellor.
Estes números si quedan superados en diferentes campañas na Terceira división, así como na Preferente, conseguindo acabar sempre nos catro primeiros postos da clasificación, sendo ás veces insuficiente para ascender polo escaso número de prazas que outorgaban isto ou ben caendo na fase de clasificación, como pasou en dúas tempadas con Yago Iglesias. Con isto, o equipo chegaría, como mínimo, á fase de ascenso que se xogará a dous partidos, semifinal e final, en sede neutral.
Tamén se chegaría a estas cifras en dúas campañas no fútbol profesional. A primeira foi na Segunda división, en 1993 e rematando a tempada cun ascenso para a historia. Tamén histórico sería o subcampionato de inverno dous anos máis tarde superando, nese tempo, a barreira dos 30 puntos. Nesa tempada, en Primeira, sería a única vez que esa puntuación non sería suficiente para acabar na zona alta, quedando décimo e conseguindo a mellor clasificación da historia do clube.
Sen puntos a Castela e León.
O Salamanca será o terceiro, e último, equipo castelán-leonés que visite o Vero Boquete esta tempada, quedando para a segunda volta as tres saídas dos nosos á comunidade veciña. E, de momento, ningún punto saiu do Vero Boquete cara alá no que vai de curso, sendo o Numancia, na segunda fase da pasada campaña, o último en puntuar e, ademais, en gañar.
O primeiro que viaxou ata Santiago foi o Palencia Cristo Atlético. O equipo palentino sufríu a primeira vitoria dun Compos que deixaba, por primeira vez, boas mostras en labores ofensivas. Tres goles, obra de Jordan, Primo e Antas, chegando dous deles a balón parado, e portería a cero para Pato, tamén por primeira vez no curso.
Contra a Gimnástica Segoviana, que tamén visitaba Santiago por primeira vez, chegaría tamén o triunfo, neste caso seguindo ao conseguido en Posada de Llanera unha semana atrás. Escudero e Beltrán farían xustiza nun partido dominado polos nosos e no que, por segunda ocasión na tempada, Pato volvería a non encaixar ningún gol.
Problemas.
Aos problemas físicos de Fer Beltrán, Pablo Antas e Pablo Durán, que foron baixa nas Eiroas, hai que sumar outras dúas posibles ausencias para esta xornada. Samu, que tivo que retirarse nos minutos finais, e Rafa Mella poderían ser baixa tamén para esta cita mentres que Guille Torres, que viu un cartón vermello en Carballo, será a única ausencia por sanción.
Non é Champions, pero si unha final.
O mércores, case en horario Champions, abrirá as súas portas o Vero Boquete para un dos partidos máis complicados do que vai de tempada, contra un duro rival que chega nun bo momento. O encontro comezará ás 20 horas e mantéñense as invitacións para socios repartidas tamén en xaneiro. Por contra, para quen non tivera a sorte de facerse con unha, as entradas estarán dispoñibles a un prezo de 10 euros en Preferencia e 15 en Tribuna, con 5 euros menos en cada caso para menores de 18 anos.
Para quen non poida asistir, poderá verse a través da web da CRTVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en directo por 'Esedé Radio', en Twitch.
Ningún comentario:
Publicar un comentario