Fútbol de salón

 O Compos recupera o partido adiado, o bo fútbol, as boas sensacións e o camiño da vitoria polo mellor camiño posible. Unha gran goleada, cun estilo de xogo vistoso, diante dun rival que non deixou un bo paso por Santiago malia dar algún que outro problema nos primeiros minutos de encontro. E se o sábado había que falar de que os nosos chegaban ao tempo de lecer con tres goles en contra, agora hai que falar de xusto o contrario, acadando un resultado inmellorable nos primeiros corenta e cinco minutos e deixando practicamente sentenciado un partido que, nun primeiro momento, apuntaba a complicado dado o estado de forma co que chegaba o conxunto charro. 

 O partido comezou cun ritmö inmellorable. Na primeira xogada de perigo, apertura para Parapar, vaise en velocidade dun rival e pon un centro á área que remata Fer Beltrán por baixo. Un minuto de partido e xa se poñía por diante o Compos. Non obstante, a ledicia durou ben pouco, cun gol de Ibán Ribeiro cunha xogada moi semellante pola banda de Salado.  

 Novo empate a un gol no marcador pero coa diferenza de que só transcorreran cinco minutos de partido. Con isto, a efectividade sobre o verde aumentou aínda máis chegando, antes dos dez minutos, o segundo para os nosos cun gran pase entre liñas de Jordan para Escudero e unha gran definición do dianteiro que sumaba o seu sexto gol do curso. E o terceiro, superados os vinte minutos no luminoso, correría a cargo de Primo aproveitando un grave erro da defensa visitante, que deixou morto un balón na frontal da área pequena, co porteiro fóra do seu posto e que non perdoou o cántabro chegando dende atrás. 

 O equipo gustouse. 

 Con dous goles de diferenza, o equipo non baixou os brazos durante os máis de sesenta minutos que había por diante. Se ben é certo que a intensidade non foi a mesma, as ocasións seguiron chegando sobre a portería salmantina e, xa no segundo tempo, Parapar acabaría por unirse de todo á festa cunha chegada pola banda, logo dunha salvada de Roque en liña de fondo, marcando un gran gol cun disparo cruzado que petou primeiro na madeira antes de entrar. 

 As bancadas do Vero Boquete eran unha festa. O equipo xogaba ben e gañaba cunha gran vantaxe. Ademais, marcaba 4 goles por primeira vez dende que deixou a Terceira división. Os 'olé' escoitábanse con cada pase e a baixada de intensidade axudou, tamén, a que se poida chegar un pouco mellor á cita do domingo fronte ao Arenteiro. Unha festa á que se quixo unir, por segunda vez, Ibán Ribeiro marcando o que sería o 4-2 definitivo cunha contra rápida semellante á que deixou dous goles de Escobar nas Eiroas. 

 Un triunfo moi cómodo e que, ademais, nos deixa a estrea no once titular de Joel. O ferrolán deixou atrás a lesión que o tivo fóra dos campos máis dun ano e gozou de 70 minutos no mellor partido do equipo, xogando o primeiro tempo como central e pasando ao centro do campo no segundo. Sen dúbida, outra gran nova que nos deixou esta noite de fútbol en horario Champions. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario