O Compos sumou unha nova derrota nun dos campos máis complicados para os nosos. Un primeiro tempo pésimo, con moitos erros en defensa e no que os locais aproveitaron ben as súas características para deixar encamiñado o triunfo antes do tempo de lecer. A peor primeira parte, en canto a resultado, en moito tempo e a primeira vez neste curso na que os nosos encaixan tres goles. A segunda, un pouco mellor e que mantivo viva a unha Esedé que puido, incluso, puntuar. Hai que engadir, tamén, unha actuación do colexiado mellorable e que deixou un penalti, de catro máis que posibles, e dous expulsados.
A primeira parte comezou co Compos metendo unha marcha máis. Non obstante, esa marcha durou quince minutos, o mesmo tempo que tardou en chegar a polémica cunha falta rápida que saca Jordan para Escudero, que se colaba na área e cae derrubado. O asistente sinala un suposto fóra de xogo e Rodri acaba amoestado por protestar.
Do primeiro non-penalti non tardou en chegar o primeiro pau, á contra, que sacou aos nosos do partido. Unha xogada de Remeseiro que aproveita un gran erro en defensa e asiste a Antón Escobar, que sabe á perfección o que é marcar goles ao Compos. Ese gol deixaría KO a un equipo que, con sorte, puido evitar o segundo antes da media hora... non así superado ese treito do encontro, cando Escobar volveu ampliar diferenzas. E, xa para rematar, chegou o terceiro xusto antes do tempo de lecer logo dunha man na área que non perdoou Remeseiro. Algo antes deste tanto, Salado tivo unha ocasión nun saque de esquina na que o vasco sufriu un agarrón e non foi quen de chegar ben ao balón. O colexiado non viu nada.
Faltou algo.
A segunda metade foi moi diferente. Os santiagueses saltaron ao campo crendo na posible remontada e o perigo sobre a portería de Santi Canedo non se fixo esperar cun centro de Parapar que non atopou rematador. Tampouco o tería outro centro, neste caso dende a esquerda, e que petaría en Agulló antes de entrar na portería. Un gol que servía para crer e que situaba ao equipo con opcións.
Co paso dos minutos, a superioridade branquiazul facíase máis evidente. Non obstante, faltaba, coma sempre, mandar no último cuarto de campo. Sen centros, sen disparos... Foi precisa unha xogada a balón parado para meter máis medo no corpo aos bergantiñáns. Unha falta que non desaproveitou Jordan para marcar un golazo e poñer unha diferenza mínima no marcador a vinte minutos para o final.
O partido quentouse aínda máis. Os nervios estaban a flor de pel nos xogadores dos dous conxuntos e iso trasladouse ao terreo de xogo, onde se sucederon as interrupcións por entradas fortes. Como consecuencia, Agulló tivo que irse á ducha cando restaban seis minutos para o final, Guille Torres fixo o propio no engadido e Samu tivo que retirarse lesionado. A maiores, só un intento de Jordan, dende lonxe, que se foi por un lateral da portería.
Agora, sen tempo para pensar nesta derrota, hai que preparar a cita do mércores fronte ao Salamanca nun Vero Boquete que debe ser un fortín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario