Volve o fútbol ao Vero Boquete, nun mes que chegará ben servido de fútbol na capital galega, e farao con varias cousas pendentes para un Compos que, de momento, segue sen gañar neste novo ano. Haberá que recibir ao mellor visitante da categoría, que só perdeu un partido lonxe da súa casa, e que, ademais, é o único filial do grupo, algo que non se lle dá demasiado ben aos nosos nos últimos anos. Unha loita, contra o Leganés B, polo máis alto dunha clasificación que cada día está máis igualada tanto na parte alta como na baixa.
Mellor, lonxe da casa.
O Leganés B non puido comezar mellor este ano. O filial pepineiro chega a esta cita sendo un dos únicos equipos, xunto co Arenteiro, que non sabe o que é perder neste 2022, algo totalmente contrario ao que lle pasa ao Compos. Un equipo que, malia non ser un exemplo de regularidade, demostrou ser forte tanto na casa coma, sobre todo, lonxe dela.
A día de hoxe, o único filial do grupo ocupa a cuarta posición na táboa, superando a pasada fin de semana aos nosos, cun partido menos e igualados a 31 puntos. Un equipo que suma un total de 8 triunfos, 7 empates e 5 derrotas. A iso hai que engadir que se trata do terceiro equipo con máis goles a favor, só superado por Adarve e Pontevedra, e o cuarto que menos encaixou, sendo superado neste caso por Salamanca, Coruxo e Compos.
Se ben é certo que como locais non sacan grandes resultados, chegan a esta cita confirmándose como o terceiro equipo que máis puntos fixo fóra da casa. Sumaron de tres en campos complicados como La Cruz, Pasarón, o Pepe Quimarán ou o Mariano González. Atoparon tamén o camiño do gol, non así do triunfo, en Móstoles, Vigo, Vilagarcía e Salamanca. E só sumaron unha derrota lonxe da súa casa no que vai de tempada sendo, ademais, a única saída na que non conseguiron marcar gol: en Espiñedo.
A nivel individual, contan con xogadores que xa saben o que é adestrar no primeiro equipo, así como debutar no fútbol profesional. Xogadores como Javi Rubio, Cissé, Naim ou Campos saben, ademais, o que é ser titulares no fútbol profesional, xa sexa na Segunda división ou ben na Copa do Rei cos maiores. A parte, co filial, está a destacar Mario Rivas, habitual tamén co primeiro equipo e autor de 7 goles no que vai de tempada.
Os filiais, conta pendente.
Moitos foron os filiais que se cruzaron, e non para ben, no camiño do Compos nestes últimos anos destacando, en gran medida, o paso de Espanyol B, Alavés B e Celta B. Tres equipos que, se ben é certo só un puido gañar, sacaron uns resultados inmellorables, acadando os seus obxectivos pouco despois.
Comezamos esta lista co filial catalán. Primeira fase de ascenso con Yago ao mando e chegaba o campión do grupo 5. En San Lázaro, na fase de campións, non se pasaría do empate sendo incapaces os nosos de gañar en Barcelona e quedando ás portas do ascenso, que se complicaría pouco despois contra outro dos rivais que pasarán polo Vero Boquete nas vindeiras semanas.
Outro que tampouco foi quen de gañar, mais si sacar un resultado suficiente para acadar o seu obxectivo, foi o Alavés B de Iñaki Alonso. Unha derrota pola mínima en Vitoria e un triunfo local en Santiago con gol dos vascos no engadido deixando, un ano máis e de xeito inmerecido, ao Compos fóra da Segunda B.
E rematamos a lista recente co Celta B de Onésimo e, sobre todo, de Sequeira. O porteiro costarricense fíxose grande baixo a portería e evitou que o Compos puidera darlle a volta aos dous goles de Manu Justo nos primeiros minutos de xogo, nun gran despregamento ofensivo dos nosos con Miki sendo o único autor dun tanto insuficiente. Con esa vitoria, os vigueses deixaban a 4 puntos ao Compos a falta de 6 en xogo e evitaban, con case total seguridade, a presenza dos nosos na pelexa pola fase de ascenso ao fútbol profesional, asegurando así a Primeira RFEF.
Non son, eses tres, os únicos filiais que pasaron polo Vero Boquete nos últimos anos, visitando o estadio branquiazul outros coma Fabril, Lugo B, Sporting B e Valladolid B, entre outros anos antes. A iso hai que engadir que se o Compos puntúa fronte aos filiais na casa, o ascenso é máis que probable.
A primeira vez.
Por primeira vez na súa historia, o Leganés B visitará o Vero Boquete. O filial madrileño chegará ao estadio santiagués como xa o fixo o seu primeiro equipo en diferentes ocasións entre a Segunda B e a Segunda división. Unha cidade onde, ademais, nunca serían quen de gañar.
As primeiras visitas serían a Santa Isabel. Na Segunda B, o Leganés chegou para visitar ao líder e marchou sen nada, en 1990, grazas aos goles de Moure e Toñito no segundo tempo. Tres anos despois, aínda no campo céntrico pero xa na Segunda división, sería Fabiano o autor dos dous goles que deixarían aos pepineiros, unha vez máis, a cero. Manuel Mosquera, na Copa do Rei, aumentaría esta xeira de vitorias, neste caso pola mínima, eliminando da competición aos madrileños, que en 1998 volverían á casa despois dun 4-1 con dous goles de Sion e con Prieto e Mauro completando a goleada. Nas dúas seguintes visitas, tamén na categoría de prata, chegarían os dous empates, sen goles no 99 e a uns, obra de Ohen o local, na seguinte campaña. E as vitorias volverían en 2003 con Maikel e Fidalgo nun partido no que Rodri tería uns minutos no treito final.
Si houbo xa un enfrontamento contra o filial en Leganés, o da primeira volta. Butarque sempre foi un campo complicado para os nosos, do que só chegou un triunfo a Santiago, e as Instalacións Deportivas de Butarque non foron menos na primeira visita branquiazul. O partido acabou con empate a un tanto con Primo adiantando aos nosos nos primeiros minutos do encontro e Iker Muñoz asinando a igualada a cinco minutos para o final.
Cambio de posicións.
A pasada fin de semana deixounos máis claro aínda que aquí ninguén se pode durmir, que calquera pode gañar. Adarve, Pontevedra, Navalcarnero e Compos chegaban á xornada ocupando os catro postos da clasificación... e todos perderon. O Leganés B, pola súa parte, perseguía ese tren e non só foi quen de gañar senón que, ademais, superou na táboa aos nosos.
En Móstoles, o Compos buscaba o primeiro triunfo do ano. As cousas non empezaron de todo mal, cun gol de Escudero. Chegouse así, por diante no marcador, ao tempo de lecer e, incluso, á hora de xogo. Pero Mantovani e Portilla, a cinco minutos para o final, deron a volta ao resultado significando a segunda derrota branquiazul da tempada e, para máis, a segunda en terras madrileñas.
En Leganés caería o Pontevedra despois de moito tempo. O cadro granate visitaba as Instalacións Deportivas de Butarque e caeron nun partido moi incómodo fronte a un Leganés B que buscou o fútbol directo para gañar con goles de Mourid, que sería expulsado minutos despois, e Javi Rubio no engadido.
Xa sen sancionados.
Para esta fin de semana, Rodri non terá que contar con baixas por sanción. Recuperado Fer Beltrán a pasada fin de semana e Jordan para ésta, as posibles ausencias pasan polos problemas físicos. Pablo Antas, que xa leva varias semanas fóra do equipo, podería entrar na convocatoria logo de adestrar parte da semana co grupo sendo a súa a dúbida máis clara.
Hai que madrugar.
Por terceira vez nesta tempada, o Vero Boquete abrirá as súas portas pola mañá. Este domingo, despois do triunfo contra a Segoviana e o empate fronte ao Adarve, o Compos volverá recibir a un rival ás 12. Un bo partido para o que as entradas terán un prezo de 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, 10 euros menos en cada zona para os menores de 18 anos e de balde para abonados.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido pola segunda canle da TVG, seguirse en Twitter nas contas da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio, en Twitch.
Ningún comentario:
Publicar un comentario