O Compos sumou un novo triunfo, o primeiro deste 2022, nun bo partido do conxunto dirixido por Rodri Veiga contra un Leganés B que, malia ter boas oportunidades para sacar un mellor resultado, non deixou unha boa imaxe sobre o verde. Partido moi trabado, con demasiadas interrupcións e algunha que outra decisión do colexiado que puido cambiar o sino do encontro. Os trocos, unha semana máis, serviron e moito a un equipo que atopou en Escudero ao asistente e en Rafa Mella ao goleador no segundo tempo.
A chuvia e o vento quixeron ser protagonistas nunha fría mañá en San Lázaro na que, nas bancadas, se puido ver a peor entrada do que vai de curso. Xunto ao tempo, un árbitro que perdoou o primeiro cartón a un xogador visitante nos primeiros intres, no primeiro intento branquiazul de sorprender pola dereita. Non sería, a defensa madrileña, o único inimigo nos primeiros corenta e cinco minutos, xa que o vento axudou, nesta metade, aos visitantes perxudicando á nosa zaga buscando sacar o balón por alto.
Entre faltas, e non poucas, intentou xogar un Compos moi superior pero incapaz de achegarse á portería contraria. As ocasións, escasas, fixeron traballar aos porteiros nas dúas portas con Pato evitando un disparo desde lonxe, axudado polo vento, mentres que Ofoli Quaye, que puido ser expulsado no primeiro tempo, e o porteiro visitantes evitaron o posible gol compostelanista.
Os trocos, de novo, importantes.
O segundo tempo, co vento a favor, foi aínda mellor. Moi superior o Compos, moi seguro e firme en liñas xerais e sen cometer erros que puideran facer pensar nun novo triunfo leganense. O problema era que en ataque non se definía correctamente con Primo perdoando unha ocasión moi clara na reanudación.
Co paso do tempo, mellorou aínda máis un equipo que tivo en Parapar outra oportunidade de facer xustiza e adiantarse no marcador. Non obstante, sería Escudero, quen na xogada anterior errou un control cando podía quedar so diante do porteiro, o que acabaría poñendo un centro medido para Rafa Mella, que non perdoou cun gran testarazo.
Xa por diante no marcador, os quince últimos minutos, máis un engadido que se fixo eterno, foron de clara superioridade branquiazul. Escudero e Roque estiveron a piques de sorprender ao porteiro rival e, xa fóra do tempo regulamentario, chegou a mellor oportunidade dun Leganés B que non tivo o seu día de cara a portería perdoando o que podería ser un novo empate.
Agora, os nosos terán que preparar o seguinte derbi, o sábado nas Eiroas, e unha semana complicada con tres partidos en oito días, incluíndo o adiado contra o Salamanca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario