Sen tempo para celebrar a goleada fronte ao Salamanca que nos devolve á terceira posición, toca pensar xa noutra cita moi importante que manteña ao equipo na parte máis alta da clasificación. A terceira cita desta fin de semana, segunda consecutiva no Vero Boquete, chega fronte a un Arenteiro con numerosas baixas e a intención de sobrepoñerse sacando un bo resultado.
Con problemas.
O Arenteiro chega a esta nova cita nun momento un tanto irregular e para afrontar unha xornada moi difícil para o conxunto do Carballiño. En postos de descenso despois da goleada sufrida contra o Pontevedra, os ourensáns queren saír desa parte baixa da que conseguiron saír hai dúas semanas por primeira vez en moito tempo.
Ocupando a 14ª posición na táboa con 25 puntos, igualado a puntos coa Gimnástica Segoviana, está un Arenteiro recén ascendido e con moitas ganas de dar guerra. Un dos mellores equipos da Terceira a pasada tempada e cun equipo de grandes figuras do noso fútbol que non pasa pola súa mellor campaña con Fran Justo no banco. Son, xusto co Compos, o equipo con máis empates do grupo, cun total de 10; mentres que a diferenza cos nosos está no resto, sumando 5 vitorias e 7 derrotas. A maiores, trátase do terceiro equipo que menos goles anotou, 19, e un dos que máis encaixa, con 25 tantos recibidos.
Gran parte deses puntos chegaron en Espiñedo, campo do que sacar algo positivo non é nada doado. Non obstante, fóra da casa tampouco se trata dun equipo fácil de superar. Só un triunfo conseguido, no Helmántico, a domicilio. Contra Pontevedra, Bergantiños e Llanera adiantáronse e acabaron empatando, ao igual que en Langreo. De Móstoles e Navalcarnero volveron cun punto malia non ver portería. E de Vilagarcía, Xixón e Fragoselo non puideron sacar nada positivo.
A nivel individual hai que destacar, sen dúbida, a Renan Zanelli. O brasileiro segue a demostrar nesta Segunda RFEF o seu gran nivel e suma xa 8 goles, só un menos dos que meteu no Silva en 2016 estando moi preto de bater a súa mellor marca persoal.
Sen derrotas.
A historia dos enfrontamentos entre Compos e Arenteiro é unha das mellores para os nosos. Tres rivais, ao longo dos 60 anos de historia branquiazul, se enfrontaron aos nosos dez ou máis veces sen conseguir sumar ningunha vitoria. E o caso máis destacado é o do conxunto do Carballiño. 16 veces se viron as caras e a gran maioría de enfrontamentos houbo un bo resultado para os nosos.
Víronse as caras por primeira vez nos anos 60. Seis partidos nunha década na que os nosos foron moi superiores anotando algunhas das maiores goleadas contra os carballiñeses. Terían que pasar vinte anos para ver de novo unha cita entre ambos os dous equipos e que, ademais, remataría con dous empates volvendo ao camiño do triunfo branquiazul no 90.
Coa chegada de Yago Iglesias e a volta do Arenteiro a Terceira, en 2017, aumentou a intensidade dos partidos entre eles. Aínda así, a serie comezou con outra goleada a prol dos nosos sucedida por outra pola mínima e o único empate sen goles mentres que, no Vero Boquete, chegarían outros dous triunfos con 3-0 no marcador.
Esta mesma tempada, na primeira volta, o resultado foi de 1-1 en Espiñedo con goles de Primo e Renan e no que Jimmy e Jordan volveron moi tocados. Por outra parte, no total en Santiago, 8 enfrontamentos e, de todos eses, só un punto saiu rumbo ao Carballiño, en 1986. O Compos sempre marcou neses partidos mentres que os visitantes só o fixeron en dúas ocasións.
Boa chegada.
O Compos chega a esta cita nun bo estado anímico despois da vitoria, con goleada, fronte ao Salamanca. Recuperada a terceira posición na táboa, os de Rodri Veiga precisaban dun partido así para recuperar as boas sensacións, o bo xogo e os goles. Pola súa parte, o Arenteiro non pode falar do mesmo logo de recibir unha dura caída contra un Pontevedra que tivo a súa mellor tarde.
Comezamos co que pasou o pasado mércores no Vero Boquete. Os nosos recuperaban o partido adiado contra o Salamanca e a cousa non puido ser mellor. Un gol na primeira chegada, o empate antes dos cinco minutos, o segundo antes dos dez e a posible sentenza superados os vinte minutos. Beltrán, Escudero e un Primo que recuperou o camiño do gol nun primeiro tempo de luxo mentres que, no segundo, sería Parapar o que faría o cuarto e Ibán Ribeiro, que tamén asinou o primeiro nos seus, sumou un dobrete.
Días antes, o domingo para ser exactos, pechábase a xornada 22 en Espiñedo. Alex González e Diego Seoane puxeron ao Pontevedra por diante no primeiro tempo mentres que Rubio, Rufo e o propio Seoane pecharon unha goleada contra a que só Sobrido puido facer algo para maquillar o resultado. Non obstante, a derrota foi o de menos para un Arenteiro que saiu do partido coa lesión grave de Uxío, as expulsións de Adrián Cruz e Pol Bueso e o quinto cartón a Renan. Catro baixas moi importantes para un equipo que visitará a capital galega en cadro.
Segundo na casa.
Por segunda vez nesta tempada, os nosos terán dúas citas consecutivas na casa. Como pasou no arrinque do curso, contra Palencia Cristo Atlético e Móstoles, poderemos volver ao templo antes de tempo e, ao igual que pasou naquela ocasión, o equipo gañou a primeira cita sen grandes complicacións. Ademais, naquel momento, chegaría tamén un segundo triunfo consecutivo sendo a primeira vez que os nosos conseguirían facer isto.
A maiores, o Compos non perde no Vero Boquete dende maio do ano pasado, cando o fixo contra o Marino de Luanco pola mínima. Sería, ademais, a última vez que os nosos quedarían sen marcar na casa, nun partido sen nada polo que pelexar e que significaba a despedida de Yago Iglesias da que foi a súa casa. Por outra parte, non habería un partido sen goles en San Lázaro dende xaneiro do ano pasado.
Problemas en defensa.
Este ano, en 22 partidos, o Compos só foi quen de deixar a súa porta a cero en 7 ocasións contra as 10 da pasada tempada en 25 citas sumando as dúas fases da liga e a Copa do Rei ou as 16 dos cursos 19/20 e 17/18. Non obstante, hai que ir ata 2019 para ver dous goles encaixados en dous partidos, en un neste caso, consecutivos como leva este ano o equipo nesta dura semana. Naquela ocasión, sería o Laracha o encargado de facerlle unha 'manciña' aos nosos.
Por outro lado, e recordando máis cousas pre-pandemia, o equipo non facía 4 goles nun partido oficial de liga dende febreiro de 2020 contra o Rápido de Bouzas, fronte ao que o resultado foi de 4-1 no Vero Boquete.
Recuperando efectivos.
Se antes falabamos das catro baixas que terá o Arenteiro logo do partido contra o Pontevedra, ás que sumar as que traían xa de antes e que obrigaron a contar con 12 efectivos do primeiro equipo nalgún que outro adestramento desta mesma semana; hai que falar de que o Compos recupera a Guille Torres para esta cita. O central catalán foi baixa o mércores por sanción, cubrindo moi ben a súa baixa Joel, mentres que Pablo Antas segue a ser baixa.
E tamén, o horario.
Despois de xogar un mércores de noite, algo que non se nos deu nada mal, volve o fútbol ao seu horario habitual. O domingo ás 17 horas dará comezo o partido entre Compos e Arenteiro. Un partido para o que as entradas estarán dispoñibles nas billeteiras do estadio a un prezo de 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, 10 euros menos en cada bancada para menores de idade. Ademais, o clube propón unha iniciativa pola que os nenos que vaian disfrazados non terán que pasar por caixa e, a maiores, haberá un agasallo para o mellor disfraz.
Para quen non poida asistir, poderá verse o partido a través da G2, seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube e escoitarse en 'Esedé Radio', en Twitch.
Ningún comentario:
Publicar un comentario