A primeira viaxe

 Coa segunda volta xa iniciada e a data do partido adiado tamén coñecida, o Compos afronta esta fin de semana a primeira saída do ano. Unha visita a Palencia 12 anos despois para visitar o Nueva Balastera contra un Palencia Cristo Atlético que recibirá por primeira vez aos nosos na súa historia. Un xogo histórico e que pode supoñer a terceira vitoria a domicilio así como a primeira deste 2022 despois do empate a pasada fin de semana. 

 Na zona tranquila. 

 O Palencia Cristo Atlético pasou da Terceira división por primeira vez na súa historia e a súa primeira volta na Segunda RFEF non deixa dúbidas das posibilidades deste equipo para acabar pelexando por estar na fase de ascenso. Os palentinos pecharon a primeira volta no quinto posto, que dá opción a pelexar por ascender á Primeira RFEF, grazas, en gran parte, ao bo facer do equipo na súa casa. 

 A día de hoxe, o Cristo Atlético, que non arrincou a segunda volta con bo pé, ocupa a décima posición da táboa, caendo ata cinco postos nunha fin de semana demostrando o igualada que está a clasificación na zona media. Con 24 puntos e mirando ao quinto posto, chegan a esta cita con 7 triunfos, 8 derrotas e só 3 empates sendo o segundo equipo, igualado con outros catro rivais, que menos repartos de puntos fixo. En canto aos goles, suman 22 a favor sendo un dos equipos con máis acerto do campionato e, por contra,  encaixaron 25, contando coa cuarta defensa máis feble do grupo. 

 Na Nova Balastera, os números melloran. De 9 partidos xogados diante da súa afección, só o Real Avilés foi quen de saír cos tres puntos nun partido que gañaron os asturianos pola mínima e no que chegaron ao tempo de lecer por diante no luminoso. Unión Adarve, Arosa e Salamanca saíron tamén vivos, con empates; mentres que Coruxo, Navalcarnero, Langreo, Ceares e Gimnástica Segoviana non correron coa mesma sorte cos vigueses adiantándose no marcador. 

 A nivel individual, está a destacar cos seus goles Álvaro. O ex do Langreo suma 6 goles en liga e outro máis na Copa, chegando a esta cita despois de ver potería nos tres partidos anteriores. Cabe mencionar tamén que 4 deles foron contra equipos galegos. 

 As remontadas non son o seu. 

 Seguimos falando do Cristo Atlético para falar agora de remontadas. É, sen dúbida, a materia pendente deste equipo e máis se falamos de facer o traballo duro no segundo tempo. Trátase dun equipo que se ve incapaz de remontar os partidos se chega ao tempo de lecer por debaixo no marcador sendo así a única forma na que perdeu como local este curso. 

 Á derrota así consumada contra o Avilés hai que sumar moitas outras nos últimos anos. De feito, pasaron máis de 5 sen que o equipo palentino consiga darlle a volta a un resultado adverso na segunda parte, sendo en Tordesillas, en 2016, a última vez que o fixeron. Na casa, o dato é aínda peor tendo que botar a vista máis atrás, ata 2012. Hai hoxe 10 anos que o equipo conseguiu remontar un partido no segundo tempo por última vez, fronte ao filial do Burgos e acabando 1-3. 

 Neste sentido, o Compos non leva tanto tempo sen facer algo así. Un equipo que nos últimos anos dominou aos seus rivais e que encaixou moi poucas derrotas tanto da man de Yago Iglesias como agora de Rodri Veiga, co que só caeu nunha ocasión. Sería co actual adestrador do Zamora co que chegaría esa última remontada na liga e que data de febreiro de 2019, na Grela contra o Silva nun partido polémico grazas aos goles de Aythami e Alex Ares. Por contra, o Compos non recibe unha remontada nas mesmas condicións dende o mes de xaneiro do mesmo ano, contra o Ourense CF e pasando do 1-0 no tempo de lecer ao 1-3 definitivo.

 12 anos despois. 

 Se ben é certo que esta será a primeira vez que o Compos visite ao Cristo Atlético, xa foron moitas as visitas a terras palentinas para enfrontarse ao Palencia ao longo da historia e con resultados que deixaron moito que desexar.

 Comeza esta serie de encontros en 1973 cunha derrota dos nosos por 2-0. Mesmo final, pero con 2-1 e 5-0 no marcador, no 78 e 84 para dar lugar ás dúas únicas ocasións nas que o Compos foi quen de puntuar alá, gañando 1-2 en 1986 e empatando 1-1 catro anos despois. Xa neste século, os nosos volverían con outras dúas derrotas por 1-0 e 2-0 sendo a última, en 2010, con Jimmy no equipo titular. 

 Si será a segunda vez que se enfronten Compos e Cristo Atlético se temos en conta a primeira volta no Vero Boquete. Un partido que supuxo non só a primeira vitoria dos nosos senón que, ademais, deixou unha moi boa imaxe do equipo de Rodri Veiga na estrea oficial no Vero Boquete. E aos goles de Jordan, Primo e Pablo Antas hai que sumarlle, ademais, que foi a primeira vez no curso que Pato deixou a súa porta a cero. 

 Gol sen vitoria. 

 Tanto Compos coma Cristo Atlético puideron marcar a pasada fin de semana mais ningún dos dous equipos foi quen de rematar cos tres puntos na estrea da segunda volta. Os nosos non foron quen de pasar do empate diante dun Pontevedra superior por moitos momentos do partido mentres que os casteláns non foron quen de sumar na súa visita a Fragoselo, onde o Coruxo se está a facer forte na espera de que rematen as obras no Vao. 

 No Vero Boquete, o Pontevedra fixo valer a súa superioridade ofensiva contra un Compos que deixou o balón ao rival. Superados os vinte minutos, e despois dun balón ao pau, Alberto Rubio anotou un gran gol para adiantar aos seus. E despois de varias oportunidades nas que os granates puideron ampliar a vantaxe, chegou un penalti sobre Pablo Durán que non perdoou Samu asinando o seu primeiro gol do campionato. 

 En Vigo, o Coruxo non deu opción aos palentinos. Antón de Vicente abriu a conta nos primeiros minutos de xogo e Chiqui, algo antes do tempo de lecer, fixo o segundo que deixaba clara a superioridade verde. Álvaro, xa case sen tempo, anotou o gol visitante intentando meter aos seus no partido mentres que Silva, só uns segundos despois, pechou o terceiro triunfo consecutivo coruxista na casa.

 Beltrán, baixa para esta fin de semana. 

 Fer Beltrán será baixa segura para esta fin de semana. O do Saviñao viu un cartón vermello a pasada fin de semana e, por sorte, só terá que cumprir sanción esta fin de semana. Xunto a el, Pablo Antas será baixa tamén unha semana máis, e sen data de regreso ao equipo, e Saro. Escudero e Pablo Durán, que tivo que ser substituido o domingo, serán dúbidas ata última hora. 

 Comezamos un sábado. 

 A primeira viaxe deste ano chega un sábado. Será mañá que os nosos teñan que defender as cores no Nueva Balastera a partir das 17 horas. Partido no que xa se sabe que haberá un grupo de afeccionados chegados de Santiago para animar ao equipo nesta primeira saída das dúas consecutivas, sendo a seguinte en oito días a Móstoles. 

 Para quen poida e queira asistir, as entradas estarán dispoñibles nas billeteiras do estadio a un prezo de 12 euros. Por contra, para quen non poida, o encontro será emitido en directo por Footters e, coma sempre, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario