Novo ano, mesmo resultado

 O Compos comezou tarde o 2022 e fíxoo do mesmo xeito que rematou o ano anterior: cun empate. Un partido moi difícil, contra un Pontevedra superior e no que os nosos souberon esperar, sufrir e aproveitar cada oportunidade para crear perigo sobre a portería rival. Ademais, unha semana máis, serían os trocos os que darían unha mellor imaxe ao equipo de Rodri Veiga con Samu como autor do único gol branquiazul. Alberto Rubio anotou o gol granate. 

 O primeiro tempo foi para o conxunto visitante, moi ben acompañado na bancada. Manexando a posesión do esférico, contra un Compos que esperou ben situado sobre o verde intentando evitar as acometidas pontevedresas. Non obstante, na primeira clara que tiveron, os de Ángel Rodríguez non perdoaron. Un disparo de Alex Gónzález que petou nos dous paus e no rexeite non perdoou Alberto Rubio mandando o balón directamente ao fondo das redes. 

 Pontevedra superior e xa mandando no luminoso con algo máis de vinte minutos cumpridos no Vero Boquete. Un resultado que puido ser moi diferente co paso dos minutos, cos nosos incapaces de xerar ocasións de perigo e con Pablo Durán sendo o único autor dunha ocasión antes do tempo de lecer, levando o mesmo guión que no partido da primeira volta. Quen tamén perdoou, e neste caso sendo unha oportunidade moi clara, foi Brais Abelenda. O dubrés volvía á que foi a súa casa e non puido atopar o camiño do gol malia contar con algunhas das mellores oportunidades. 

 Os trocos melloraron a imaxe. 

 O segundo tempo comezou cun Compos mais atrevido. Tentando ter posesións longas, freando o ritmo dun Pontevedra con dúas marchas máis, o premio tardou moi pouco en chegar. En menos de dez minutos, entrada de Pablo Durán na área e penalti de Churre que deixou, ademais, ao de Tomiño fóra de xogo, sendo o primeiro troco. Dende os once metros, e sen Pablo Antas no verde, sería Samu o encargado de inaugurar a conta goleadora do Compos neste ano. 

 Co empate e a entrada dos primeiros trocos, mellorou a imaxe do Compos. Non obstante, seguiría sendo o conxunto contrario o que sumaría as ocasións máis claras con Brais Abelenda como autor das mesmas, perdoando outra oportunidade moi clara e vendo como lle anulaban incluso un gol por fóra de xogo. O dubrés, mentres estivo no campo, foi un pesadelo para Pato igual que o foron Charles e Rufo, autores dunha dobre ocasión ante a que o gardameta interviu á perfección poñendo en pé á bancada. 

 Sobre a portería de Cacharrón sería Parapar o único capaz de crear perigo real, aproveitando a súa velocidade pola banda esquerda para combinar de marabilla con Jimmy, o mellor do partido. Entre os dous construirían a que puido ser a oportunidade de remontar o partido cun disparo que sacou con algo de problemas o gardameta. 

 No treito final, cos dous equipos sen forzas, chegou unha complicación máis: a expulsión de Fer Beltrán. Ademais, ao de Saviñao podería caerlle máis dun partido de sanción por protestar. Aínda así, o equipo foi quen de aguantarlle a un dos conxuntos máis fortes da categoría malia sumar máis dun mes sen competir, tendo un gran mérito o partido feito polos de Rodri. 

 Agora, se non hai cambios, chegan dúas saídas consecutivas para tentar asegurar algo máis os postos de privilexio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario