Despois de dúas semanas un tanto confusas, onde a saúde estivo por diante de case todo o demais, chega a estrea do Compos neste 2022. Non obstante, crucemos os dedos porque todo pode pasar. Un domingo máis, o primeiro do ano con fútbol, no que recibiremos a un dos equipos máis fortes de toda a Segunda RFEF e, con el, a volta de dúas pezas fundamentais no último ascenso dos nosos. Partido no que se espera un gran ambiente de fútbol, de derbi, e marcado como 'medio-día do clube' na Esedé.
O equipo máis en forma.
Malia non poder comezar o curso da mellor maneira, o Pontevedra meteu xa a directa e chega a esta segunda volta como un dos grandes favoritos para acadar o ascenso á Primeira RFEF. Un equipo que non perde dende novembro e que conta por vitorias os dous últimos meses de liga, nun estado de forma inmellorable e con Charles facendo uns números envexables.
Segundos na clasificación, seguindo a estela do Unión Adarve, o cadro de Pasarón sumou na primeira volta un total de 35 puntos. 10 triunfos, 5 empates e 2 derrotas para un equipo habituado a marcar en practicamente todos os seus partidos, quedando sen ver portería só nunha ocasión. Trátase, ademais, do equipo con mais goles da categoría, cun total de 34, mentres que encaixaron un total de 16, deixando a súa porta a cero en 6 ocasións.
Un equipo moi forte, que na primeira volta fixo case os mesmos números tanto na casa como a domicilio, facendo un punto máis como local xogando un partido máis en Pasarón. Fóra de Pontevedra conseguiron o seu primeiro triunfo, con goleada en Luanco e, agás en Madrid, non volverían deixar o camiño da vitoria. 5 triunfos, 2 empates nos que se repetiu o 2-2 no marcador e só 1 derrota para un equipo que marcou en todas as súas saídas.
A nivel individual, hai moitas pezas que se poderían destacar no cadro granate. Liña por liña, contan con grandísimos xogadores. Non obstante, o forte do equipo está nun tridente ofensivo que, cando cheguen ao seu mellor nivel físico, será aínda máis diferencial. Rufo, que pasou mais tempo lesionado que xogando; Charles, que está nun estado de forma insuperable, e Brais Abelenda, que está a ser das grandes pezas do equipo na segunda liña.
Volven á que foi a súa casa.
Nova cita e, de novo, teremos un regreso á que foi a súa casa de ata dous xogadores. Dous futbolistas, David Soto e Brais Abelenda, que foron pezas fundamentais no ascenso á Segunda B do Compos ás ordes de Yago Iglesias así como na permanencia do equipo na categoría. Agora, os dous son titulares indiscutibles no conxunto pontevedrés sumando entre os dous case 3.000 minutos ás ordes de Ángel Rodríguez, uns números semellantes aos feitos a tempada pasada.
Nas filas do Compos tamén se atopa un ex Pontevedra. Jimmy pasou polo cadro granate alá por 2017 para xogar unha tempada que quedaría marcada polos problemas físicos. Aínda así, completaría un total de 1.400 minutos defendendo ao equipo de Pasarón e marcando 1 gol. Despois chegaría ao Arenas de Getxo, antes de sumar a súa terceira etapa no Compos.
Empate.
É imposible falar do Compos e non facelo de empates. Así acabaron dúas das tres últimas citas contra o Pontevedra, a da primeira volta e a desputada no Vero Boquete o curso pasado. Un final que foi, ademais, o máis repetido entre os dous equipos ao longo da historia.
Na primeira volta, en Pasarón, Charles adiantou aos seus nun primeiro tempo para esquecer dun Compos descoñecido. Por sorte, os trocos cambiaron o xogo dos nosos e Pablo Durán asinou unha estrea oficial inmellorable, cun gran gol nun dos campos máis difíciles.
Máis emoción habería a pasada tempada no Vero Boquete. Brais Abelenda adiantou aos nosos nos primeiros intres de partido, Jorge asinou o empate rápido e Primo devolveu a vantaxe xusto antes do tempo de lecer. Imanol, nos primeiros minutos do segundo tempo, faría o 2-2 definitivo con Primo falto de sorte nos minutos definitivos perdoando o que puido ser o gol do triunfo.
Historicamente, pouca diferenza. 10 partidos xogados en Santiago con ata 5 empates, só un deles sen goles. 4 triunfos para os nosos e só 1 para os pontevedreses que data de 2009. Nese partido que rematou con vitoria para os granates, Jimmy sería titular no Compos mentres que Charles tería minutos no segundo tempo.
Máis dun mes despois.
O 18 de decembro do xa pasado 2021, o Compos visitaba Xixón. O Ceares recibía aos nosos na que sería a derradeixa xornada do ano. Un partido malo, sen case ocasións e no que non se puido ver sequera un bo partido sobre o "verde" de La Cruz, con mais lama que herba. Empate sen goles válidos e un anulado aos nosos no treito final.
O 9 de xaneiro estaba marcado o partido contra o Salamanca en Santiago e o virus fixo que tivera que adiarse. O clube castelán, ademais, evitou que se xogara tamén esta semana.
Si xogou hai dúas semanas o Pontevedra. Recibiron ao Palencia Cristo Atlético na despedida da primeira volta e o cadro palentino foi quen de adiantarse algo antes da media hora de xogo. Un gol que serviría para activar aos locais, capaces de empatar antes do tempo de lecer grazas a un gol de Brais Abelenda. Alberto Rubio, Charles e o propio Brais, por segunda vez, asinaron unha das grandes goleadas desta tempada, sendo a primeira vez que o conxunto granate anotaba 4 goles dende 2020.
Crucemos os dedos.
A estas alturas, Rodri podería contar con todo o equipo, a falta de saber se hai algún posible positivo nos test que se realizarán antes do partido. Cos positivos anteriores xa recuperados e co resto do grupo, ao igual que Pablo Antas e Guille Torres, todo apunta a que as baixas que haxan serán por decisión técnica.
'Medio-día do clube'.
Este primeiro partido do ano, un dos máis esperados da tempada, entre dous dos equipos máis grandes do fútbol galego, está marcado polo clube como 'medio-día do clube' polo que os abonados locais teñen que pasar polas billeteiras, unha medida xa anunciada a comezos da presente semana e con diferentes sitios onde recoller as entradas. 7,50 euros en Preferencia e 10 en Tribuna para os adultos mentres que os menores de 18 anos seguirán tendo a entrada de balde co abono.
Para quen non sexa abonado, as entradas mantéñense aos prezos habituais de 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna para adultos e 10 euros menos en cada zona para os menores de 18 anos. Ademais, todo apunta á chegada de afeccionados pontevedreses.
E para quen non poida asistir, o partido poderá verse a través da TVG2 así como seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse a través de 'Esedé Radio', en Twitch.
Ningún comentario:
Publicar un comentario