Novo adestrador, mesmo bloque de xogadores e novos reforzos para un Compos que inauguraba a Segunda RFEF no mes de setembro e que pecha este 2021 con só unha derrota no que vai de curso. A iso hai que sumarlle o gran traballo que están a realizar os homes de Rodri Veiga, manténdose na zona alta da clasificación malia os numerosos problemas físicos que non permiten ao equipo amosar o seu mellor xogo. E así foi, mes a mes, o feito polos nosos.
Vitoria na casa, empate fóra.
A liga comezou contra o rival máis complicado do grupo: o Pontevedra. Un equipo moi ben reforzado e que chegaba sen Rufo a esta primeira data do campionato. Non obstante, sería o seu compañeiro no ataque, Charles, o que se encargaría de adiantar aos seus nun primeiro tempo con clara cor granate. Logo do paso por vestiarios mellorarían moito os nosos e o tanto do empate chegaría nas botas de Pablo Durán, certificando así o seu debut soñado.
Unha semana despois, volvía o fútbol a Santiago. O Palencia Cristo Atlético visitaba por primeira vez na súa historia o Vero Boquete e sairía coa primeira goleada branquiazul. Jordan, Primo e Pablo Antas sumarían un gol cada un, dous deles a balón parado, demostrando unha gran eficacia dos nosos de cara a portería.
Esa efectividade mantívose para a semana seguinte, de novo en Santiago, contra o Móstoles. Pablo Antas, de novo desde os once metros, Primo e Salado puxeron o 3-0 no marcador por segunda xornada seguida pero, xa sen tempo de remontar nin tampouco para igualar as contas, Álvaro Sánchez fixo o único gol para os seus, desfacendo así o bo facer da defensa liderada por un Álvaro Casas que está a deixar unha versión inmellorable, sendo o mellor do equipo neste primeiro treito da tempada.
Chegaría tamén en setembro o primeiro pau. Primeira saída fóra de Galiza, visita a terras madrileñas, e Primo sería quen de adiantar ao Compos nos primeiros minutos de xogo nas Instalacións Deportivas de Butarque. Non obstante, o filial do Leganés tomaría o mando do partido no segundo tempo e, despois de moito insistir, conseguirían o tanto do empate nos minutos finais, xa case sen tempo para os nosos para volver poñerse por diante.
Outubro, con gol.
Catro partidos no mes de outubro e os nosos asegurarían o gol, non así a vitoria. Un total de cinco partidos, sendo o mes con máis minutos de xogo, e tres nos que se repetiría o mesmo resultado comenzando coa visita do Bergantiños a Santiago. Escudero asinou o seu primeiro gol co Compos contra os carballeses e Remeseiro, cumprindo a tan famosa 'lei do ex' fixo o empate na volta ao campo logo do paso por vestiarios no intermedio.
Tamén faría o propio Primo en Espiñedo. Un gol no primeiro tempo co que inaugurar o marcador pero que non serviría para sumar de tres por mor do empate de Renan Zanelli no segundo tempo, xusto na reanudación. Un empate que tería un prezo engadido coas lesións de Jimmy, este ano acusando moitos problemas físicos, e Jordan, aínda incapaz de asentarse no equipo titular polas lesións.
E como non hai tres sen catro, a visita do Marino de Luanco a Santiago tampouco deixou o triunfo para os nosos. Steven Prieto, que tería que deixar o partido no primeiro tempo, anotaría o gol máis rápido en contra dos nosos mentres que Primo, xa no segundo tempo, igualaría o resultado. Cuarto empate consecutivo e, por cuarta vez, repetindo o empate a un gol.
Esa xeira de empates, así como a mala sorte lonxe de Galiza sen gañar dende 2018, acabou en Posada de Llanera. Nun campo onde semellaba esta todo en contra, con medidas moi inferiores ao habitual e herba artificial, o xogo directo apareceu e, ao igual que en Pontevedra, Pablo Durán fíxose protagonista. O dianteiro de Tomiño anotou o primeiro antes da media hora logo dun saque de banda de Roque mentres que o segundo significaría a vitoria sobrepoñéndose ao empate de Saha minutos antes do tempo de lecer.
O mes remataría con algo de tranquilidade. De novo no Vero Boquete, Escudero e Fer Beltrán serían os encargados de impartir xustiza contra a Gimnástica Segoviana, que pouco puido facer ante a superioridade dos nosos sobre o verde.
Chegaron os problemas.
Se ben é certo que o equipo non estaba a facer un fútbol vistoso, co paso dos partidos e a aparición dos problemas físicos, o Compos pasou de facer un xogo de posesión e toque a un fútbol máis directo á par que efectivo. Non obstante, iso non se puido ver en Ponteareas onde, contra o Coruxo, non houbo sequera oportunidades de perigo nun partido que o empate sen goles foi o máis xusto.
Na visita do líder a Santiago, bo partido dos nosos pero un premio insuficiente. Matías Vesprini fixo o primeiro, cun golazo para inaugurar a súa conta, de falta directa mentres que Channarong igualou o marcador para o Unión Adarve, que marchou sen facer un gran fútbol pero, unha vez máis, demostrando unha gran eficacia de cara á portería rival.
Tamén en novembro chegou a primeira derrota do curso, única ata o momento. En Navalcarnero, o Compos non foi quen de facer un bo partido e impúxose o conxunto local grazas aos tantos de Meseguer e Marcos Mendes, chegando este segundo só dous minutos despois de que Escudero igualara o resultado dando algunha esperanza ao conxunto galego.
A derrota non pareceu afectar demasiado e o equipo pelexou nun duro partido contra o Real Avilés Industrial no último do mes. Parapar asinou o seu primeiro tanto como xogador branquiazul mentres que Natalio, aínda no primeiro tempo, fixo o empate. Baleato e Jordan, entrando os dous desde o banco de suplentes, encamiñaron un triunfo que a piques estivo de poñer en perigo o cadro asturiano, que puido recortar a vantaxe no engadido cun gol de Adrián Gómez.
Outro mes invictos.
O ano rematou con outro bo mes en canto a resultados, non así no xogo. Un triunfo en Vilagarcía abría decembro para os nosos. Un partido igualado, no que ningún dos dous equipos fixo grandes méritos para sumar de tres e que rematou con polémica e un agasallo para os nosos en forma de gol que non debía subir ao marcador. Unha xogada que comeza con polémica, cunha man de Pato fóra da área que non ve o árbitro, e que remata con gol de Jordan. Minutos despois, o Arosa tivo a oportunidade de facer xustiza cun penalti que parou Pato.
Pouco mellor foi o derradeiro partido do ano no Vero Boquete. Contra o Langreo, volveu faltar o bo xogo para os nosos. Si apareceu, por sorte, a eficacia para superar aos asturianos. Un gol de Pablo Durán nos minutos finais foi suficiente para encadear o terceiro triunfo consecutivo por primeira vez no ano.
E un final para esquecer. En La Cruz, en Xixón, un partido malo contra o Ceares, case tanto como o estado do terreo de xogo. Sen goles. Sen ocasións. Sen perigo. Sen nada. O mellor chegou nos minutos finais, unha semana máis, cun gol do Compos que anularía o árbitro por falta sobre o porteiro rival. Acabaría así unha xeira de tres vitorias consecutivas, a mellor de todo o ano.
Agora, chega un 2022 con moito en xogo e unha pelexa por ascender á Primeira RFEF no horizonte sendo o obxectivo principal dun Compos moi ben situado na clasificación, con vantaxe cómoda sobre o sexto clasificado, pero con opcións moi reducidas de pelexar pola primeira posición.
Este ano, pola súa parte, péchase despois dun total de 32 partidos oficiais ao longo destas 52 semanas. Un total de 10 vitorias, 16 empates e 6 derrotas chegando a contar por empate a metade dos partidos xogados. Ben é certo que estes números cambian algo máis cando falamos dos partidos xogados en Santiago, onde os nosos foron quen de gañar en 6 ocasións, empatar 6 e perder 3.
Se falamos de goles, Primo é o máximo goleador do ano con 5 tantos, todos eles nesta nova tempada, seguido por Pablo Durán e Miki, sumando 4 goles cada un en media tempada. Por outra parte, baixo paus, o nome propio foi o de Pato Guillén, xogando ata 30 partidos oficiais encaixando 29 goles. O uruguaio, ademais, pechou o 2021 cunha ampliación de contrato ata 2023 confirmando así a súa presenza xunto a Pablo Durán, Jordan, Beltrán, Borja Rey, Pablo Antas e Álvaro Casas, renovando os dous últimos ata 2024 nos últimos días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario