Comezamos decembro e facémolo co décimo e derradeiro derbi deste 2021. A Lomba acollerá un clásico do fútbol galego que se repetirá por cuarta vez fóra da Terceira división máis de 30 anos despois. Unha cita entre vilagarciáns e santiagueses moi igualado co que os nosos terán a oportunidade de acabar cos empates fronte a equipos galegos nesta nova tempada e sumar a segunda vitoria fóra do Vero Boquete.
Unha longa espera.
O Arosa está de volta na Segunda B, agora Segunda RFEF, despois de 27 anos pola Terceira galega e un curso na Preferente Sur. Un equipo que, ás ordes de Xurxo Otero busca a permanencia amosando un bo fútbol neste primeiro terzo de campionato pero con algún que outro problema nas áreas. A maiores, e a diferenza dos nosos, trátase dun equipo ao que non lle gusta repartirse os puntos movéndose, na meirande parte dos partidos, por resultados curtos.
A día de hoxe, o conxunto arlequinado ocupa a undécima posición na táboa con 17 puntos, só 1 sobre o posto de promoción de permanencia e a 4 do descenso, que marca o Arenteiro. A mesma diferenza tamén está cos postos de promoción de ascenso, que neste caso pecha o Bergantiños. Isto é grazas a 5 vitorias, 2 empates e 6 derrotas contando cunha diferenza de goles, entre anotados e encaixados, de 0 con 11 tantos a favor e outros tantos en contra.
Na Lomba, o equipo vilagarcián superou a Arenteiro, Navalcarnero e Salamanca repetindo sempre o 1-0 no marcador. Tampouco encaixaron no seu único empate como locais, contra o Llanera. Si serían quen de anotar Coruxo e Langreo levando así os 3 puntos diante dun rival incapaz de puntuar na casa se reciben un gol.
A nivel individual, nun bloque de xogadores co que conseguiron o ascenso e poucas incorporacións, destaca un deses recén chegados. Luismi, dianteiro vigués deixou de marcar goles no Alondras para facelo na Lomba e, de momento, é o máximo perigo dos arousáns con 5 goles igualando neste rexistro a Primo.
A evitar a remontada.
Tanto Compos como Arosa son dous equipos aos que non se lles dá mal adiantarse no marcador. Os nosos foron quen de facelo nun total de 9 partidos mentres que os de Xurxo Otero abriron o marcador nun total de 6 ocasións. Non obstante, non todos eses partidos acabaron con triunfo.
Contra Palencia Cristo Atlético, Móstoles e Segoviana, o cadro dirixido por Rodri Veiga non tivo grandes dificultades para gañar, anotando un segundo gol e dando tranquilidade ao partido. Contra Llanera e Avilés chegaría o empate rival pero o Compos sería quen de refacerse e levar os tres puntos. E contra Leganés B, Bergantiños, Arenteiro e Adarve o partido acabaría con 1-1 no marcador adiantándose sempre o equipo branquiazul no primeiro tempo e recibindo o empate no segundo. Por contra, hai que dicir que iso foi o que fixeron os nosos contra Pontevedra, Marino de Luanco e Navalcarnero, sendo os madrileños os únicos que se refixeron, e moi rápido, ao empate anotando o segundo e definitivo.
Pola súa parte, o Arosa puido rematar co 1-0 no marcador contra Arenteiro, Navalcarnero e Salamanca, sempre na Lomba. En Luanco serían quen de, ademais, anotar un segundo gol para máis seguridade. E tanto contra o Adarve coma diante do Langreo, serían os rivais os que lle darían a volta ao resultado. Algo semellante serían quen de facer en Palencia, sumando o seu único empate con goles, e en Xixón, onde asinaron a súa única remontada da tempada acabando o partido con 1-4.
O gol, case asegurado.
Dous equipos con gusto polo fútbol ofensivo, xerando boas oportunidades na portería rival e que, por algunha razón, están a ter algún que outro problema en defensa, recibindo tamén goles de xeito habitual.
Tanto nos partidos do Compos coma nos do Arosa se pode asegurar o gol. Tal é así que só un partido por cada lado no que vai de curso acabou con empate a cero. E a iso hai que engadirlle que os santiagueses anotaron en todos os seus partidos agás nesa visita ao Coruxo sumando, entre goles a favor e en contra, un total de 32 tantos en 13 partidos, facendo unha media de case 2,5 goles por partido. Unha cifra que descende aos 2 goles de media por xogo, exactos, dun Arosa que non sería quen de ver porta en 3 ocasións, deixando marchar 7 puntos.
Isto é algo que tamén se pode ver ao longo da historia entre os dous equipos, véndose as caras en 35 ocasións cun baixo número de vitorias para os que este domingo farán de locais. Nesa gran cantidade de partidos, entre Terceira e Segunda B, vivíronse ata 89 goles, 64 para os nosos e 25 para os arousáns, facendo unha media de pouco máis de 2,5 goles por encontro.
A historia, do noso lado.
Antes falamos dos goles e agora hai que falar dos partidos ao longo desta gran historia que comezou alá polo ano 1963 coincidindo, ademais, coa primeira tempada dos nosos na Terceira división, logo dun curso na Rexional sen complicación algunha. Un total de 35 partidos que non chegan a ser pares por mor da pandemia, deixando se poder xogarse o partido na Lomba hai dúas tempadas.
Nesa longa historia hai que falar dun total de 21 triunfos para os nosos, 9 empates e só 5 vitorias para os arousáns. A iso hai que sumar, como xa contamos antes, que o Compos anotou un total de 64 goles nesas citas, chegando a 5 goles en 3 ocasións, e recibindo un total de 25 sendo o segundo equipo con maior diferenza histórica de goles.
En Vilagarcía hai que falar de algo máis de igualdade. Alá, o Compos foi quen de gañar en 8 ocasións, empatar en 5 citas e perder 4. Un campo onde non se puido gañar nas 3 visitas con Yago como adestrador sumando o último triunfo ata o momento en 2009 cun contundente 2-5. Foi, ademais, a única vitoria alá no que vai de século sumando unha derrota en 2019 con gol de Sylla, agora no Arenteiro.
Con polémica.
A pasada fin de semana, Compos e Arosa viviron a cara e a cruz deste partido. O Compos, sen un bo xogo, superou ao Avilés para volver aos postos altos da clasificación mentres que o Arosa non foi quen de puntuar contra un Pontevedra moi superior pero que gañou con algo de polémica.
No Vero Boquete, dous dos grandes da categoría víanse as caras unha vez máis. Un partido onde ningún dos dous equipos se deixou nada e no que o conxunto visitante gozou de boas opcións nos primeiros minutos. Non obstante, e cando mellor semellaban estar os asturianos, chegou o primeiro gol do partido, obra de Parapar. Pablo Antas erraría un penalti poucos minutos despois e Natalio empataría antes do tempo de lecer. Na segunda parte, Baleato e Jordan farían o 3-1 e Adrián Gómez pecharía o 3-2 que non deixou nada contento aos avilesinos, con liorta no vestiario dos árbitros co presidente como protagonista.
En Pasarón, o Arosa tería uns bos minutos para, no primeiro tempo, tentar sacar algo positivo. Non obstante, pouco a pouco foi mellorando o Pontevedra co balón, con Brais Abelenda como un dos grandes protagonistas e Charles anotando o único gol. Un gol que, aínda que merecido pola superioridade granate, chegou en claro fóra de xogo do dianteiro brasileiro.
Sempre acompañadas.
5 vitorias suma o Compos no que vai de tempada e, polo de agora, as anteriores sempre chegaron acompañadas. Será que esta fin de semana tamén chegarán os tres puntos a Santiago? Nas xornadas 2 e 3, ambas as dúas no Vero Boquete de forma consecutiva, os nosos superaron a Palencia Cristo Atlético e Móstoles. 4 empates despois, a visita a Posada de Llanera deixounos o primeiro triunfo a domicilio e, só unha semana despois, quedarían os tres puntos na casa no partido contra a Segoviana.
A pasada fin de semana, os nosos superaron ao Real Avilés Industrial. Esta fin de semana podería chegar a segunda a domicilio mantendo esta curiosidade.
Só unha derrota.
Ao longo deste 2021, un ano complicado e cheo de empates, o fútbol deixounos grandes recordos e derbis galegos que serán difíciles de esquecer. O primeiro, en Riazor, cun gran triunfo. O mesmo que fronte ao Coruxo unha semana despois. Empate contra o Racing de Ferrol e vitoria, a última ata o momento contra un galego, en Pasarón. A única derrota, polo de agora, chegou na casa contra o Celta B.
Menos sorte houbo na presente campaña. Empates contra Pontevedra, Bergantiños e Arenteiro por 1 gol e sen goles contra o Coruxo. Ningún triunfo nun derbi pero tampouco se sumaron derrotas.
Falemos de ex.
Sen ningún ex Arosa nas filas do Compos, si temos que falar de dous ex do Compos nas filas do conxunto arlequinado. Mon e Róber defenden, un ano máis, as filas do conxunto de Vilagarcía de Arousa e un deles terá, se o adestrador o precisa, a oportunidade de enfrontarse ao seu ex equipo por primeira vez na súa carreira.
Mon chegou ao Compos en categorías inferiores para, en 2013, estrearse en etapa senior nas filas do Grixoa na Terceira división. Un ano de cesión e volta para estrearse na Segunda B ás ordes de Iñaki Alonso, debutando contra o Celta B. Sería o primeiro dos máis de 150 partidos que xogaría o que se convertiría nun dos capitáns do equipo antes da súa saída, en busca de minutos, en 2020 rumbo á Lomba. Alí, nos case 2 anos que leva xa asinou un ascenso e esta tempada participou en todos os partidos de liga, xa sexa como titular ou saíndo dende o banco de suplentes.
Menos sorte tivo Róber. O de Porriño chegou ao Compos procedente do Choco, co que lle fixo 3 goles en 2 partidos ao cadro de Yago Iglesias, e convertiuse nun fixo na única tempada que pasou por Santiago, gañando a liga pero quedando ás portas do ascenso compartindo vestiario co propio Mon, Primo, Casas, Samu ou Saro. Probou sorte no Ourense CF e volveu marcar aos nosos, agora como ex deixando o Couto pola Lomba en só un ano e, de novo co centrocampista santiagués, ascendendo e debutando na que ata este ano era a Segunda B. Un xogador que non sabe o que é perder contra o Compos, que lle fixo 4 goles en 4 partidos e que por mor dunha lesión non poderá estar nesta cita.
Unha baixa e dúbidas.
Para esta cita, Rodri conta coa baixa segura de Guille Torres. Non obstante, os problemas na defensa non quedan aí e, como comentou en rolda de prensa, Casas é dúbida. O central tivo que retirarse no tempo de lecer a pasada fin de semana e non puido completar a semana de adestramentos co grupo, facendo unha parte en solitario.
Pechamos a xornada.
O derbi de Vilagarcía será o último partido desta xornada 14. A Lomba, onde haberá unha gran asistencia de afeccionados chegados de Santiago, abrirá as súas portas para o partido que arrincará ás 17 horas e no que está asegurada a presenza dun centenar de compostelanistas na bancada de Preferencia grazas ás entradas anticipadas que se venderon na capital nos últimos días. Ademais, quen queira asistir pero quedara sen ela, poderá mercala nas billeteiras do estadio a 15 euros.
Por contra, para quen non asista, poderá verse a través da TVG2 e seguirse en directo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario