Case un mes despois

 Baixo a chuvia e con moito frío, o Compos sumou a súa quinta vitoria da tempada contra un Avilés que puido gozar de grandes oportunidades para sacar algo mellor da súa visita ao Vero Boquete, onde aínda nunca gañou. Un triunfo merecido á par que moi sufrido nun partido con dúas partes moi diferenciadas. Na primeira, os visitantes levaron o peso do encontro mentres que, á contra, foron os nosos quen tiveron as mellores oportunidades. Na segunda, superioridade total dun equipo que acabou pasándoo peor do que debería. Parapar, Baleato e Jordan anotaron os tres tantos branquiazuis mentres que Antas errou un penalti que puido supoñer o 2-0 na primeira metade cambiando moito o que sería o transcurso do xogo.

 O encontro comezou coa primeira chegada local antes dos cinco minutos, cunha ocasión que perdoou Escudero. Un aviso do que chegaría minutos despois... No outro lado do campo. O aviso non foi máis ca unha oportunidade illada dun equipo que perdeu a posesión e, por moito tempo, a capacidade de provocar perigo.

 O Avilés meteu unha marcha máis e pasou por enriba do centro do campo compostelán, totalmente superado. Xogaron en campo contrario e obrigaron tanto á defensa como a Pato a estar alerta, evitando o uruguaio unha clara oportunidade ao cuarto de hora.

 Non obstante, cando mellor parecía estar o conxunto asturiano, chegou unha contra máxica do Compos coa que encamiñar o encontro diante dun rival que se vía superior. Xogada que comezou pola esquerda e, logo de varios pases nas inmediacións da área visitante, acabou na dereita con Parapar anotando o seu primeiro tanto grazas a unha gran definición. E iso non sería todo xa que en menos de cinco minutos chegaría a segunda oportunidade clara para poñer máis vantaxe no marcador. Un penalti sobre Escudero que non foi quen de transformar Antas cunha mala definición, mandando o balón brando ás mans do gardameta.

 E, seguindo o guión habitual nos partidos do Compos... Dunha ocasión perdoada ao gol visitante logo dun erro na saída de balón de Pato que poñía a igualada escasos minutos antes do tempo de lecer.

 Os trocos cambiaron o partido. 

 O segundo tempo comezou coa entrada de Baleato por Casas por precaución logo dun golpe recibido polo central. A entrada do dubrés cambiou ao equipo en todas as liñas aparecendo en defensa, controlando o xogo no medio e sumando, moito, en ataque nas xogadas a balón parado. Sería así, ademais, como chegaría o segundo gol logo dunha carambola que materializaría o ex do Somozas cun centro previo de Samu, outro dos recén entrados ao terreo de xogo no segundo tempo.

 A mellora do Compos era evidente e o triunfo pasaba por defender ben a vantaxe e intentar aumentar a conta, algo que conseguiría facer outro dos trocos no segundo tempo. Jordan asinou o terceiro gol que, agora si, semellaba ser suficiente para encamiñar un triunfo moi traballado e complicado diante dun rival de nivel semellante e ao que, polo de agora, nunca lle meteran máis de dous tantos.

 Pero, que sería deste Compos sen emoción ata o final? Nos minutos finais, un novo córner a prol dos avilesinos, un testarazo e recortaron a vantaxe a un co tempo engadido por diante, no que xa non se xogou practicamente máis.

 Agora, de novo nos postos privilexiados da clasificación, o equipo terá oito días para preparar a súa vistita á Lomba para verse as caras cun histórico do fútbol galego, un Arosa con intencións de poñer distancia con respecto ao lume do descenso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario