O Compos asinou na Lomba un triunfo un tanto inmerecido nun partido polémico e con moi pouco fútbol. Un xogo sobre un campo en mellorables condicións por mor da chuvia e con actuacións arbitráis que non deixaron contento ao conxunto local. Polo medio, un gol de Jordan, un penalti que parou Pato e as lesións de Primo e Jimmy, ambas as dúas musculares nunha das peores actuacións do que vai de tempada sumando tres puntos moi importantes.
Con bo ritmo arrincou o primeiro tempo. E tamén cunha ocasión moi perigosa de Mon na mellor ocasión do partido para os arlequinados, cun disparo cruzado que saiu moi preto da portería defendida por Pato. Dez minutos tardaría en responder o Compos con dous pases de Samu para Fer Beltrán e resposta perfecta de Manu Táboas para evitar o primeiro tanto branquiazul. A partir de aí, unha caída de ritmo dun partido que chegou ao tempo de lecer despois dunha mala media hora.
Nese treito sen grandes opcións de perigo por ningún lado, o máis destacable foi a lesión muscular de Primo, tendo que retirarse antes de cumprir a media hora sobre o verde e unha falta perigosa de Roque, que viu un cartón amarelo polo que non poderá estar a vindeira fin de semana contra o Langreo. Por sorte, ese mal xogo mellorou cos trocos no segundo tempo, sobre todo coa entrada de Jordan pasando a xogar como segundo punta e provocando serio perigo.
Quince minutos de infarto.
Sen grandes cousas durante máis dunha hora, os quince minutos finais chegaron completos de emoción e polémica. Primeiro, cunha xogada de perigo do Arosa á que Pato tivo que intervir, tocando posiblemente o balón coa man fóra da área e que deixou seguir o colexiado. Á contra, logo dunha rápida xogada, Jordan non perdoou diante de Manu Táboas.
A reacción do cadro local foi rápida e en menos de tres minutos conseguiron marcar un gol que anularía o colexiado por falta sobre un defensa branquiazul. Non obstante, volverían intentalo uns minutos despois cunha xogada que rematou con penalti sobre Pedro Beda. Desde os once metros non sería quen de igualar a contenda o conxunto local parando a pena máxima Pato e mantendo así aos nosos por diante no marcador.
O treito final foi de gran emoción, sen oportunidades de gran perigo e moitos nervios certificando un triunfo tan importante como difícil fronte a un gran rival que fixo méritos para sacar puntos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario