O Compos volve este domingo a terras madrileñas para visitar un dos campos máis complicados da categoría. O Navalcarnero chega a esta cita como un dos mellores locais e coa intención de acabar coa gran xeira de resultados dun dos tres equipos que aínda non sabe o que é perder nas catro primeiras categorías do fútbol español. Un partido que, sen dúbida, apunta a ser dos máis igualados da fin de semana.
O Mariano González, a súa chave.
O Navalcarnero pecha, a día de hoxe, ese poboado grupo de equipos con 17 puntos, ás portas dos postos de promoción de ascenso e con vistas aos primeiros escalóns da táboa. Un 9º posto conseguido, en gran parte, grazas ao seu bo facer no Mariano González, do que aínda non saíron os tres puntos e no que un visitante non anota dende o mes de abril. Un gran traballo que non se acompaña do feito a domicilio, onde os puntos se poden contar cos dedos dunha man.
Das 5 vitorias totais do equipo madrileño no que vai de tempada, 4 foron diante da súa afección. A iso hai que sumarlle 1 empate máis nas 5 citas totais que desputaron ata o momento en Navalcarnero tratándose dun dos 6 equipos do grupo que aínda non perderon na casa. Non obstante, para facer isto máis difícil, hai que engadir que anotaron 6 goles no seu templo, mentres que só puideron facer 2 a domicilio; e que non recibiron ningún, fallando en defensa cando saen.
No que vai de tempada, o xogador que máis está a destacar é Raúl Beneit. O dianteiro gaditano anotou 3 goles, todos no seu campo. Con el, pero facendo traballos defensivos, o ex do Compos David Uña. O central madrileño chegou este verán ao Navalcarnero procedente do Atlético Astorga e convertiuse nun habitual na defensa.
Invictos.
Van 11 xornadas e 11 partidos nos que o Compos descoñece a derrota. Un equipo que só sabe o que é puntuar, en gran parte das súas citas sumando de un en un, e que se vai medir con outro que non perdeu aínda na súa casa. Dúas xeiras moi positivas e que poderían rematar esta fin de semana nun gran partido.
Tempada nova. Adestrador novo. Ideas novas. E un arrinque para a historia. O Compos non puido comezar mellor esta nova tempada. Un equipo que anotou goles en case todos os partidos convertíndose nun dos equipos máis anotadores. Por contra, en defensa aumentaron algo máis os problemas con respecto a tempadas anteriores recibindo un gol en ata 8 citas, conseguindo gañar 2 delas e empatando o resto. Só un partido dos nosos acabou sen goles por parte de ningún equipo.
O Navalcarnero, que tamén asinou a permanencia o curso pasado na Segunda B, é un tanto irregular. Firmes na casa, onde só saiu un punto, pero febles en defensa, onde só conseguiron 4 puntos en total. Só o Real Avilés, un dos grandes favoritos para acabar nos postos altos da clasificación, foi quen de puntuar no Mariano González coa única cita que rematou sen goles e con David Uña expulsado nos primeiros minutos de xogo. Llanera, Coruxo, Langreo e Salamanca tamén pasaron polo feudo madrileño e ningún sacou puntos sen sequera poder marcar.
Por primeira vez.
Compos e Navalcarnero enfrontaranse por primeira vez na historia. É o sétimo equipo contra o que se verán as caras os nosos por primeira vez nesta campaña despois de Llanera, Palencia Cristo Atlético, Segoviana, Unión Adarve, Leganés B e Móstoles. Seis equipos e só dous conseguiron sacar algo positivo contra un dos equipos máis fortes do campionato.
Deses partidos, só dous foron a domicilio. En Leganés, o Compos foi quen de adiantarse no primeiro tempo grazas a un gol de Primo pero igualou o cadro local no treito final. Por contra, en Posada de Llanera chegaría un triunfo do que falar máis adiante. Un partido onde se volverían adiantar os nosos cun gol de Pablo Durán, no que empataron os asturianos e volvería marcar Durán para sumar os tres puntos.
En herba artificial, ben.
Cinco saídas suma o Compos a día de hoxe e só un triunfo. Un triunfo que, a diferenza de anos anteriores, chegou nun campo con herba artificial. O terreo que lle custaba aos equipos de Yago Iglesias e que para os de Rodri supuxo a primeira vitoria fóra do Vero Boquete.
Pasarón comezou con esta xeira nun partido discreto. Unha estrea contra un dos equipos máis fortes da categoría e que nos deixou o primeiro 1-1. Dúas vitorias na casa despois, en Leganés repetirían o mesmo resultado que o de Pontevedra. O mesmo en Espiñedo, un campo no que ás veces o resultado é o de menos e do que Jordan e Rafa Mella volveron tocados. E chegou Posada de Llanera. O Pepe Quimarán, campo de herba artificial e dimensións moi inferiores ao normal, foi o escenario perfecto para vivir o primeiro triunfo dun Compos ao que lle custaba gañar fóra dende a visita a Riazor e que en anos anteriores tiña como materia a mellorar xogar neste tipo de campos. Como curiosidade, o empate volveu, neste caso sen goles, en Pardellas.
Empate.
Tanto un equipo coma o outro chegan a esta cita despois de empatar a pasada fin de semana os seus respectivos encontros. O Compos, para manter a costume, comezou gañando no Vero Boquete ao líder cun gran gol de Matías Vesprini de falta directa. Na segunda parte, o Unión Adarve fixo o seu xogo á perfección e aproveitou un erro no centro do campo para empatar á contra un partido onde os nosos mereceron algo máis pero no que, unha vez máis, fallaron as definicións nos últimos metros.
Pola súa parte, o Navalcarnero visitou Pasarón. O Pontevedra, de novo con problemas dende a lesión de Rufo, non acaba de dar coa chave para gañar sen o dianteiro madrileño mentres que os de Pablo Álvarez non conseguiron apenas incomodar ao porteiro local. Un empate que supuxo, ademais, a cuarta xornada consecutiva do equipo navalcarnereño sen perder.
Volve o timón.
Pablo Antas, que foi baixa contra o Unión Adarve, volverá estar dispoñible para Rodri de cara a un partido difícil á par que igualado. Con el, o adestrador branquiazul podería ter á súa disposición a todo o equipo tendo que deixar en Santiago a tres xogadores para completar a convocatoria.
Sen desprazamento.
Nesta visita a Madrid, o clube propuxo unha viaxe que, por non chegar ao número mínimo de inscritos, non se levará a cabo. Non obstante, seguro que o equipo non estará so no Mariano González este domingo ás 16:30. Un partido para o que as entradas, para quen se queira desprazar, terán un prezo de 15 euros.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo en Footters, en diferentes bares da capital galega, e seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva como do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario