O Adarve sae vivo

 Compos e Unión Adarve deixaron unha boa actuación no Vero Boquete nun partido entre dous dos mellores equipos da categoría. Partido con goles, como se esperaba, pero escasas ocasións de perigo. Moito respeto entre os dous equipos e un empate xusto visto o xogo dos dous equipos, cun levando a iniciativa e o outro esperando ben situado sobre o verde para, á contra, crear o seu maior perigo. Vesprini, que fixo o seu primeiro gol como branquiazul, asinou un dos mellores goles da tempada na undécima xornada sen perder.

 O Compos apareceu no campo coa intención de sorprender ao rival. Só 40 segundos tardou Primo en ter a súa primeira ocasión. A segunda, superada os dez minutos de partido, tampouco quixo entrar na portería. E tería que ser, á terceira, un central o que anotara o gol branquiazul superado o ecuador do primeiro tempo.  Falta perigosa na frontal e Matías Vesprini non dubida. Balón á escadra que chega a tocar o porteiro pero non o suficiente para sacalo da portería. Un gran gol do arxentino co que, ademais, se facía xustiza sobre o verde. 

 Superada a media hora, o Compos baixou unha marcha ao xogo contra un Adarve ben posicionado no seu propio campo. As ocasións desapareceron e só os visitantes, que non chegaran antes con perigo á portería de Pato, tiveron a súa única oportunidade antes do tempo de lecer. Unha xogada que acabou con polémica e un gol anulado por fóra de xogo malia tocar o balón en Saro antes de chegar ao dianteiro. 

 Volvemos pagar. 

 Durante todo este ano xa é habitual que o equipo non poña tanta intensidade en ataque nos segundos tempos e neste caso non foi para menos. Posesión da pelota pero pouco perigo sobre a portería visitante con só un aviso, de Escudero, que marchou fóra. Do Adarve tampouco moito esperando sempre para saír á contra. E así sería como, a vinte minutos para o final, asinarían o tanto do empate que sería definitivo. Unha xogada que comeza cun roubo en campo contrario e un primeiro intento que petou na madeira, tendo a sorte de que o balón rebota cara el e pode rematar, agora si, ao fondo das redes. 

 Moito tempo por diante pero poucas forzas e ideas para superar un bloque defensivo moi forte. Un final no que faltaron as forzas e que só contou cunha opción de Matías Vesprini dende o córner cun disparo directo que a piques estivo de sorprender a todos. 

 Finalmente, un empate, e van 7, para seguir na parte alta e non permitir que o líder poña máis terra por medio. Unha xornada máis, e son 11, sen perder e volta a ver gol despois de non ser quen de facelo a pasada fin de semana contra o Coruxo en Pardellas. Agora, a pensar no Navalcarnero, un dos locais máis fortes da categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario