Algún día tiña que chegar a primeira derrota do Compos e no Mariano González, onde ninguén fora capaz de marcar no que vai de tempada, chegou. Un partido onde os nosos tiveron oportunidades para sacar vantaxe no primeiro tempo e que se decidiu no segundo con ata tres goles en moi pouco tempo. Escudero, dende os once metros, anotou o tanto branquiazul que servía para empatar momentaneamente.
O partido comezou cos dous equipos buscando un fútbol semellante, de posesións longas e sen arriscar en ataque. Con isto, o equipo tentou sorprender polas bandas, sobre todo pola dereita con Rafa Mella, chegando así as mellores oportunidades para un equipo que non sería quen de materializar as mellores ocasións do primeiro tempo.
A primeira oportunidade, non obstante, chegaría a balón parado cunha falta que bota Samu e non foi quen de transformar, no rexeite, Rafa Mella. Un primeiro aviso que se sucedería minutos despois con dúas oportunidades aínda máis claras. A primeira, cun disparo de Primo que petou no pau e a seguinte cun intento de Escudero que sacou Uña na mesma liña de gol.
Na outra portería, na defendida por Pato, ningún problema para o gardameta uruguaio que a piques estivo de ter algún que outro problema cun erro defensivo ante o que tivo que deixar a súa portería e cometer unha falta perigosa na frontal pola que se gañou un cartón amarelo.
Tocou pagar.
Se na primeira parte foi lixeiramente mellor o Compos, na segunda igualáronse aínda máis as forzas e o Navalcarnero amosou todas as súas cartas. O conxunto local mantivo o seu estilo e aproveitaron a desconexión habitual dos nosos en defensa nos primeiros minutos do segundo tempo para crear unha serie de corners e, nun deles, facer o primeiro gol da tarde.
A resposta non se fixo esperar e o cadro dirixido por Rodri volveu chegar con certo perigo pero sen poñer en risco ao porteiro madrileño. Sería Escudero, á contra, o que obtería a oportunidade para igualar o resultado forzando e materializando un penalti moi discutido pola defensa. Unha ledicia que durou menos de dous minutos cun gol de Mendes cando levaba escasos segundos sobre o verde.
Con moito tempo por diante, a Esedé fíxose coa posesión do esférico no que sería un monólogo ofensivo mais sen conseguir crear o perigo suficiente para poñer en risco a vantaxe local. Só Roque, cun disparo lonxano puido probar sorte nun final con varias xogadas a balón parado freadas pola defensa.
Case tres meses dende que arrincou a tempada e primeira derrota dun Compos que sae dos postos altos da táboa nun campo onde aínda non fora quen de marcar ninguén. Agora, a pensar no Avilés no Vero Boquete nun partido coa zona alta en xogo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario