Só vale gañar

 Pechamos novembro e facémolo cun partido entre dous dos grandes favoritos para acabar na parte alta da clasificación nun momento onde é chave sumar de tres para un Compos que vén de encaixar o seu primeiro golpe. Diante, un Real Avilés que quere volver ao camiño da vitoria logo da dura derrota encaixada a mans dun Pontevedra que xa carbura. 

 Co obxectivo en mente. 

 O Real Avilés Industrial chega a este primeiro terzo da tempada como un deses rivais aos que non é nada doado seguir o ritmo. Terceiros na clasificación, seguen cumprindo co obxectivo de estar na parte alta ocupando un dos postos privilexiados dende a quinta xornada, na que conseguiron facerse un oco. Un equipo que, malia ser un dos recén ascendidos, pode dar a cara e superar a calquera. 

 Como mostra disto, o histórico equipo asturiano asinou un total de 20 puntos no que vai de tempada, só superado neste caso por un Unión Adarve que vai sen freos e sacando xa unha vantaxe de 7 puntos aos seus principais perseguidores. Isto conseguírono grazas a 5 vitorias, outros tantos empates e só 2 derrotas, sumadas ambas as dúas no último mes de competición. Todo iso grazas a 14 goles a favor e 12 en contra sendo o equipo da zona alta, xunto co Pontevedra, que máis goles encaixou ata o momento, recibindo 3 na última cita.

 Un equipo que diante da súa afección convírtese nun dos máis duros pero a domicilio non é quen de amosar esa superioridade. Tal é así que lonxe de Avilés só foron quen de gañar en Palencia. Por contra, só caeron na súa visita a Langreo. A parte, ata 4 empates repetindo o resultado sen goles en 3 deles. En Ponteareas, Navalcarnero e Salamanca non serían quen de marcar facéndoo, mais sen conseguir nada máis ca un empate, no campo do Llanera. 

 A nivel individual hai que destacar ao que é, ademais, o seu máximo goleador. Natalio chegou en 2020 a Avilés para devolver ao equipo á categoría de bronce e seguir aumentando a súa carreira que o levou por equipos coma Córdoba, Almería ou Numancia sumando máis de 300 partidos no fútbol profesional español. Agora, suma 5 goles na liga e 2 asistencias. 

 Igualdade. 

 Que hai máis este ano en 'Casa Compos' que igualdade? Pois máis do mesmo houbo ao longo da historia deste enfrontamento que comezou alá por 1969, cando a Terceira división si era realmente a terceira categoría do fútbol español. E, ata o de agora, 11 tempadas nas que tiveron que verse as caras que remataron cun total de 8 vitorias para cada equipo e 6 empates, algo que se iguala aínda máis cos goles, xa que cada un fixo un total de 27. 

 En Santiago, esa igualdade non existiu ou non foi tan significativa. Aínda así, o Compos non sería quen de gañar ata a terceira cita en Santa Isabel para chegar a esta nova oportunidade cun total de 6 vitorias, 3 empates, só un sen goles, e 2 derrotas, en 1971 e 1984. 17 goles a favor e 9 en contra con algunha goleada como a colleitada en 1992 por 5-1 ante a que nada puido facer o, naquel momento, pechacancelas. 

 A antes citada sería a primeira vez que o Compos sería quen de marcarlle aos asturianos máis de 2 goles en partido oficial na capital galega pero non a última. En 2015, con Iñaki Alonso no banco, os nosos pechaban a tempada cun 3-1 no que Jimmy marcaría o segundo gol. 

 Derrotados. 

 Tanto Compos coma Real Avilés non puideron sumar na pasada fin de semana sendo os dous únicos da parte alta da clasificación que non puideron nin sequera empatar encaixando un a súa primeira derrota da tempada e o outro a primeira como local. 

 Os nosos visitaban o Mariano González de Navalcarnero. Un campo onde aínda ningún visitante fora quen de marcar e ao que se chegou co resultado inicial ao tempo de lecer malia ter o Compos as mellores ocasións para adiantarse. E tanto perdoar levou, unha vez máis, a pagar ao equipo de Rodri cun gol antes da hora de partido. Por sorte, Escudero foi quen de transformar un penalti antes cometido sobre el mesmo pero a ledicia durou escasos segundos cun segundo tanto que sería definitivo nunha segunda parte sen grandes oportunidades. 

 Horas antes, en Avilés, outro enfrontamento pola zona alta da clasificación. O Real Avilés recibía a un Pontevedra obrigado a gañar despois de dous esvaróns e a cousa non puido ir mellor para os granates, adiantándose en só 3 minutos cun gol de Brais Abelenda. O ex branquiazul asistiría tamén a Charles no segundo e Yelko asinou o terceiro e definitivo no treito final do encontro. 

 A día de hoxe, os galegos suman así 3 xornadas sen gañar, con 2 empates, e os asturianos asinaron 1 dos últimos 6 puntos en xogo e 4 dos últimos 12. 

 Medio ano sen perder. 

 O Vero Boquete abrirá as súas portas este sábado para unha nova cita dos nosos. Un campo do que non saen os tres puntos dende o mes de maio, cando o Marino de Luanco, nun partido sen emoción nin bo fútbol, no que os nosos se deixaron ir. Sería o derradeiro partido de Yago Iglesias na capital. 

 Por outro lado, pasaron xa 8 meses dende a última derrota en liga. Foi contra o Celta B despois duns primeiros minutos con erros en defensa e un recital de fútbol ofensivo por parte dos nosos, mais sendo incapaces de superar a Sequeira e un muro defensivo moi poboado. Supuxo a única derrota na casa da pasada tempada se temos só en conta a liga regular, sumando un total de 3 no que vai de ano. 

 Guille Torres, única ausencia.

 Por unha semana máis, Guille Torres será ausencia no equipo branquiazul. O central catalán, cunha microrrotura, xa estivo fóra do equipo nas últimas xornadas e tampouco estará nesta fin de semana, apuntando a baixa tamén contra o Arosa. A día de hoxe, e a falta de dúas baixas máis por decisión técnica, é a única ausencia confirmada. 

 De negro. 

 Este sábado, haberá unha diferenza sobre o terreo de xogo. E é que o Compos, apoiando a loita contra a violencia de xénero e a campaña de 'Compostela en negro', xogará coa segunda equipación. Será a primeira vez que o faga dende 2018, cando abriu a tempada coa segunda equipación fronte ao filial do Lugo. 

 O partido arrincará ás 17 horas nun Vero Boquete que espera poder superar de novo os mil seareiros para dar cor e ambiente a unha bancada que sempre suma. De balde para abonados, os que non o sexan terán que pasar polas billeteiras cos prezos habituais de 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna para adultos e 5 e 10 euros respectivamente para menores. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo a través da TVG2, así como seguirse nas contas de Twitter da Curva e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio', en Twitch. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario