O líder ven ao vermú

 San Lázaro, que apunta a ter a mellor entrada do ano este domingo, volverá abrir as súas portas para unha sesión vermú. Un dos mellores partidos que se poden ver actualmente no Grupo I da Segunda RFEF entre o líder e o terceiro clasificado, único equipo que aínda non sabe o que é perder, e que pode aumentar aínda máis a emoción nun grupo no que as sorpresas están á orde do día. O Unión Adarve, que visitará Santiago por primeira vez na súa historia, buscará ser o primeiro equipo madrileño en facerse cos tres puntos en case vinte anos.

 Só foron a mellor. 

 O Unión Adarve chegou á Segunda B en 2017, participando no grupo I con outros equipos galegos. Dúas campañas conseguiría manterse o conxunto madrileño na categoría de bronce enfrontándose a rivais cos que hoxe comparte de novo grupo, como é o caso de Pontevedra, Gimnástica Segoviana, Navalcarnero, Coruxo ou Salamanca. Agora, despois de dous anos na Terceira división, xogando en ambos os dous a fase de ascenso, volve coa intención de quedarse e facer historia cun bloque de futbolistas cos que ascenderon aos que engadir fichaxes que aumentaron aínda máis a calidade do equipo. 

 A estrea na nova categoría non puido ser mellor para os do barrio do Pilar. Líderes en solitario con 4 puntos de vantaxe sobre o seu primeiro perseguidor, un máis con respecto ao conxunto santiagués, e moi boas cifras. Trátase do equipo con máis vitorias, 7 en total, e un dos que menos veces empatou, cun total de 2 empates a domicilio. Por contra, ata o momento, só contabilizan 1 derrota, a mans do Real Avilés en terras asturianas. A maiores, hai que dicir que se trata, xunto co Pontevedra, do equipo máis goleador do grupo con 19 tantos e o terceiro que menos encaixou, só superado por Salamanca e Compos, con 9 goles en contra, cifra que comparte con outros tres equipos. 

 Sen rival no Vicente del Bosque, onde gañaron todo o que xogaron; non corren tanta sorte cando saen da casa. Gañaron en Pardellas, campo complicado para todos, e fixeron o propio no Helmántico, outro dos grandes campos da categoría. De Palencia e Langreo sacaron un punto, nos dous casos repetindo o mesmo resultado (1-1) mentres que en Avilés non foron quen de puntuar. Con isto, hai que destacar que tamén marcaron en todos os seus partidos, tanto de locais como visitantes. 

 Se antes falabamos de que as incorporacións melloraron aínda máis o nivel dun bo equipo, entre eles está Álvaro Montejo. O dianteiro madrileño ascendeu co Adarve e pasou a xogar mes e medio no fútbol islandés, polo que pasou a metade da súa carreira con 4 equipos diferentes. No curso do ascenso, en Terceira, sumou un total de 15 goles e este ano vai coa intención de mellorar esas cifras. Titular sempre ata o de agora, anotou xa 7 goles. 

 O gol está asegurado. 

 Entre Compos e Unión Adarve temos a dous dos equipos con máis goles do grupo sumando un total de 34. Se ben é certo que tamén son dos mellores en defensa, aseguran bo xogo, ocasións e goles en cada partido, quedando só o cadro branquiazul sen ver portería no enfrontamento contra o Coruxo en Pardellas. 

 Ao bo momento polo que pasan os dous equipos hai que engadir algo máis, e é que o gol está presente no Vero Boquete dende o empate sen goles contra o Unionistas, no mes de xaneiro. Dende aquela cita, pasaron outras 12 e en todas, xa sexa para un lado ou para o outro, se viviron 31 goles. Deles, 18 foron para os nosos nun escenario onde Bergantiños e Marino de Luanco puideron sacar un punto. 

 Así chegan.

 A pasada fin de semana, os dous equipos conseguiron puntuar en partidos moi complicados. Non obstante, o Compos non foi quen de pasar do empate mentres que o Adarve, con remontada incluída, sacou algo máis de vantaxe con respecto a un dos favoritos.

 En Pardellas, Coruxo e Compos non puideron pasar do empate sen goles nun partido sen case ocasións, con numerosas interrupcións e no que os dous tiveron a oportunidade de sumar de tres sendo vitais as actuacións dos porteiros. 

 Antes, en Madrid, o Pontevedra sería quen de adiantarse nos minutos finais do primeiro tempo mentres que o segundo tempo foi totalmente para os locais. Cidoncha avisou na reanudación mentres que Montejo, desde os once metros, e Tellechea non perdoaron para seguir no máis alto da clasificación sacando máis vantaxe con respecto aos seus perseguidores.

Difícil para os madrileños. 

 Ao longo da historia, Santiago non foi unha cidade doada para os equipos madrileños. Unha cidade, a capital galega, da que non saca os tres puntos ningún equipo madrileño dende que o fixo o Getafe alá por 2003, cando os nosos aínda estaban na Segunda división. No fútbol profesional, tanto Real Madrid como Atlético e os seus filiais gañaron no fútbol profesional no Vero Boquete completando así a lista de 5. 

Na Segunda B, só os filiais dos dous grandes foron quen de sacar a vitoria de Santa Isabel na tempada 77/78. Máis de 40 anos pasaron sen unha derrota branquiazul, en Santiago, contra un equipo madrileño entre os que xa hai que engadir ao Móstoles URJC. 

 O equipo das remontadas. 

 Se por algo se está a caracterizar o Unión Adarve este ano é polas remontadas. Un equipo que se fixo ver forte dende a primeira xornada de liga, coa maior goleada do que vai de liga fronte á Gimnástica Segoviana, tendo que remontar un 1-1 no segundo tempo. A partir de aí, terían que levantar tamén os partidos contra Arosa, Ceares e Pontevedra. 

 Por outro lado, nos dous empates empezaron gañando e encaixaron o gol da igualada no último treito do partido, co gol do Palencia Cristo Atlético no engadido perdendo dous puntos cando xa estaba o tempo cumprido. 

 Perigo para as segundas partes. 

 Se antes falamos de goles, agora hai que falar de tempos. O Compos fixo 8 tantos no primeiro tempo, 6 deles na primeira media hora de xogo sendo o treito onde máis acerto semella ter o noso equipo. Outros 5 chegarían nos últimos 25 minutos mentres que só 4 foron entre os minutos 35 e 55. Por outro lado, Pato encaixou 7 goles, 4 deles a partir do tempo de lecer. 2, contra Bergantiños e Arenteiro, chegaron antes do minuto 10 do segundo tempo demostrando así a desconexión característica dos nosos no arrinque dos segundos tempos. 

 Pola súa parte, o Adarve anotou ata 13 goles nos segundos tempos, con ata 6 goles antes do minuto 60, mentres que, en contra, recibiron 6 goles no primeiro tempo defendendo mellor, ou atacando máis, no segundo. 

 O quinto que pode chegar a 100. 

 Despois de Jimmy, que xa vai camiño de 350 partidos oficiais coa camisola do Compos; Saro, Samu e Álvaro Casas, este domingo pode chegar a 100 partidos oficiais outro xogador branquiazul. Trátase de Pato, que está cumprindo a súa terceira tempada na súa segunda etapa como porteiro do clube. Un fixo tanto con Iñaki Alonso coma con Yago e Rodri e que conta xa co récord histórico de minutos consecutivos sen encaixar un gol. 

 Baixas importantes. 

 Esta fin de semana poderían estar de volta, se os médicos non o desaconsellan, tanto Jordan como Jimmy, recuperados das súas doenzas que os tiveron fóra dos terreos de xogo nas últimas semanas. Por contra, Rodri contará coa ausencia segura de Pablo Antas, primeiro en cumprir sanción por acumulación de cartóns, á que debe sumar dúas máis; mentres que no Adarve será baixa Montejo pola mesma razón quedando sen o seu mellor dianteiro.

 Sesión vermú. 

 Por segundo encontro seguido no Vero Boquete, teremos sesión vermú con fútbol de calidade e, se todo vai ben, a mellor entrada da tempada. Co reparto de invitacións para os abonados, todo apunta a unha mellor imaxe nas bancadas. Por outro lado, quen non tivera a sorte de obter unha desas invitacións, as entradas estarán igualmente dispoñibles nas billeteiras do estadio o día de partido ao prezo habitual: 15 euros para adultos e 5 euros para menores de idade e 20 e 10 euros respectivamente en Tribuna. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo a través da TVG2, seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva coma do clube e escoitarse en 'Esedé Radio', en Twitch. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario