Compos e Coruxo empataron en Pardellas nun partido sen emoción nin grandes ocasións no que as defensas foron fundamentais. Sen goles, é a primeira vez no que vai de curso no que os nosos quedan sen ver portería pero, á vez, é a segunda xornada consecutiva na que non encaixan ningún tanto, sendo a primeira vez que isto pasa neste 2021. Con isto, gran partido dos centrais branquiazuis así como de Pato salvando as acometidas dun equipo local que tivo opcións de adiantarse no primeiro tempo.
Os primeiros minutos do partido foron, con claridade, para un Compos que entrou mellor. Unha falta perigosa que despexa Amigo e unha chegada clara de Escudero con intento de cesión para Rafa Mella foron as mellores intencións dun equipo que non volveu ter oportunidades tan claras co Coruxo indo de menos a máis.
Entre imprecisións e dificultades para pasar do centro do campo, a primeira ocasión para os vigueses chegaría aos vinte minutos cun disparo de Borja Domingo que non atopou portería. Si que tivo máis acerto, na última do primeiro tempo, Diego Silva véndose freado por Pato de maneira maxistral e levando ao tempo de lecer o primeiro 0-0 para os nosos.
Josiño mellorou a imaxe.
A segunda metade comezou case do mesmo xeito que a primeira. Samu, nunha falta directa, e Primo tiveron as dúas únicas oportunidades para o Compos mandando o balón, nos dous casos, por enriba da portería defendida por Amigo. Despois, e ata o final, moito respeto por parte dos dous equipos, medo e, sobre todo, faltas. Os trocos, agás o de Josiño, non melloraron en gran medida a imaxe dos equipos e os porteiros non foron máis que espectadores de luxo dun partido que se moveu lonxe das áreas.
Finalmente, un empate máis, e van seis, nun partido onde ningún dos dous equipos mereceu levar os tres puntos. Como parte positiva, o equipo segue puntuando e xa son dez xornadas sen perder.

Ningún comentario:
Publicar un comentario