Este domingo chega unha nova cita do Compos para seguir sumando triunfos e xornadas sen perder nesta nova 2ªRFEF. Un partido complicado, contra un Coruxo en horas baixas e que por mor das obras no Vao terá que ser en Pardellas, en Ponteareas. Un derbi con moita historia e que nos últimos anos contou con moita igualdade na categoría de bronce, á que chegou o cadro vigués en 2010 e da que non volveu saír.
A permanencia como obxectivo.
Cun gran grupo de xogadores arrincou o Coruxo esta nova tempada, cun bloque habitual en tempadas anteriores e bo trato do balón. Non obstante, todo iso non foi suficiente para que cheguen os bos resultados e o cadro vigués, que non poderá xogar na casa ata a segunda volta, ocupa un dos postos máis baixos da clasificación por segundo ano consecutivo cando, para moitos, o seu sitio podería estar pelexando pola parte máis alta da táboa.
Logo de 9 xornadas, os de Gonza só puideron facer 8 puntos. Sumaron de tres contra Arosa e Langreo e empataron, sen goles, contra Avilés e Salamanca, ambos os dous partidos en Pardellas movéndose sempre en resultados moi axustados, con só un gol de diferenza en cada un. Contra Palencia Cristo Atlético, Adarve e Pontevedra, serían quen de marcar pero non puntuar e tanto en Navalcarnero coma en Ceares non poderían nin anotar. Con isto, fixeron 6 goles e recibiron 9.
A nivel individual contan con grandes xogadores que, malia non conseguir os resultados, teñen nivel de sobra para acadar o obxectivo. Entre eles, nun equipo que mestura unha gran experiencia en todas as súas liñas con moita xuventude, destaca o capitán Antón de Vicente. Capaz de xogar en varias posicións, o vigués suma a súa sexta tempada como integrante do cadro verde sendo unha parte vital do equipo.
Moita historia.
Compos e Coruxo son xa vellos coñecidos. Dous equipos que se enfrontaron en 26 partidos de liga cun claro gañador ao longo de todo este tempo: un Compos que sumou algúns dos mellores resultados da súa historia fronte aos vigueses. Non obstante, ese dato é bastante peor cando se trata dos partidos en Vigo.
En total, o Compos gañou 16 deses partidos con ata 60 goles a favor. Resultados como 7-0, 2-6 ou 8-1 ocuparon os primeiros anos desta rivalidade que se foi igualando co paso do tempo vivindo resultados curtos e só unha goleada, por 5-1 a prol do conxunto verde sendo a mellor vitoria dos vigueses. A isto hai que engadir que o Coruxo é o cuarto equipo contra o que os nosos marcaron máis goles, despois de Alondras, Celta B e Arosa, cun total de 60 tantos.
En Vigo, os resultados non son tan favorables. De 13 partidos, 6 acabaron con vitoria branquiazul, o último en 1990. 3 empates, os dous últimos sen goles, e 4 derrotas para os nosos entre os que destaca o antes recordado 5-1 con tres goles de Santi Comesaña e con Rafa Mella completando o partido nos locais.
Empate.
Gañar no Vao nunca foi doado. Tampouco para o Compos de Yago Iglesias. A tempada pasada, os nosos visitaron o campo vigués na terceira xornada e, ao igual que na anterior fin de semana, o partido acabou sen goles.
Un bo primeiro tempo dun Compos sen gol non foi suficiente para sacar máis dun punto do Vao contra un Coruxo que acabaría con ata 5 cartóns amarelos. Un partido que poderían repetir, nas filas branquiazuis, ata 8 xogadores, agora baixo o mando de Rodri.
Invictos tamén a domicilio.
O arrinque do Compos está xa entre un dos mellores da historia do clube. Unha xeira de 9 partidos consecutivos sen perder, con 4 vitorias e 5 empates para unha estrea inmellorable de Rodri no banco como primeiro adestrador supoñendo un dos mellores debuts dun adestrador no Compos nos últimos anos. A iso hai que engadir que o equipo, que a tempada pasada pecaba de falta de gol, anotou polo menos un tanto en cada partido e foi quen de deixar a súa porta a cero en 2 citas.
Lonxe do Vero Boquete, onde as vitorias non chegan con tanta facilidade, houbo que esperar á cuarta saída. Empates en Pontevedra, Leganés e O Carballiño dun equipo que rachou unha xeira de 8 meses sen gañar a domicilio en Posada de Llanera. Nun campo moi pequeno, facendo un partido moi serio e remontando por primeira vez no curso, o equipo santiagués sumou o seu primeiro triunfo lonxe da casa hai dúas semanas con dobrete de Pablo Durán. Sería, ademais, o primeiro dunha xeira aínda máis positiva que aumentou a pasada fin de semana contra a Gimnástica Segoviana no Vero Boquete nun partido que quedará marcado por ser o primeiro no que Pablo Antas non é quen de transformar un penalti coa camisola do Compos, perdendo a pelexa co porteiro. Escudero, que está a ser do mellor neste arrinque de curso, e Fer Beltrán, que volvía de lesión, fixeron efectiva a vitoria moi merecida.
E se falamos do Coruxo, hai que falar tamén dunha remontada. A pasada fin de semana, os de Gonza foron quen de adiantarse contra o Pontevedra grazas ao primeiro gol da tempada de Silva. Non obstante, os pontevedreses meteron unha marcha máis no segundo tempo e Charles e Javi Rey, éste no treito definitivo, conseguiron darlle a volta ao resultado deixando os tres puntos en Pasarón. A semana anterior, en Pardellas, sería o Salamanca o que sairía vivo, cun empate sen goles.
Dúas baixas seguras.
Unha semana máis, volvemos contar con dúas baixas que, de momento, non teñen data de volta aos terreos de xogo. Jordan, cun edema óseo, pendente das sensacións que vaia tendo nos adestramentos e que sumará a súa cuarta semana de baixa. Pola súa parte, Jimmy seguirá fóra unha semana máis completando a recuperación.
Son, a día de hoxe, as dúas baixas confirmadas ás que haberá que sumar unha máis antes do partido para completar a convocatoria.
Volvemos a Ponteareas.
O Compos volve a Ponteareas despois de 3 anos. Un pobo que será a cuarta vez na que os nosos teñan que xogar e onde só puido gañar en 1990 con goleada incluída. Tanto nesa ocasión coma un ano antes, sería contra o Juvenil de Ponteareas. En 2018, o equipo volvería para enfrontarse á Cultural Areas volvendo sen nada dun partido polémico.
O encontro comezará ás 16:15h, 45 minutos antes da hora programada para asegurar a boa iluminación, e, segundo informou o Coruxo non aseguran que poida haber entradas para os seareiros santiagueses nun campo cunha capacidade para 300 afeccionados e con prioridade para abonados do Coruxo e do Juvenil de Ponteareas.
Para quen non se queira arriscar, o partido poderá verse a través da TVG2 e seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario