Vermú con vitoria

 O Compos volve gañar na casa despois de case mes e medio e faino deixando unha das mellores imaxes da tempada. Un equipo serio e sólido en todas as liñas que segue sumando, de tres por segunda semana consecutiva, e que deixou a súa portería a cero despois de facelo na segunda xornada do campionato, contra o Palencia Cristo Atlético. Un partido no que valeron os goles de Escudero e Fer Beltrán e no que os trocos foron determinantes para un triunfo que sitúa aos nosos aínda máis arriba na clasificación. 

 Compos e Gimnástica Segoviana deixaron unha boa imaxe sobre o verde do Vero Boquete. Uns primeiros minutos de igualdade, cos visitantes buscando o balón e con moito respeto e cos nosos de menos a máis nun gran enfrontamento físico foron unha boa carta de presentación para o que chegaría co paso dos minutos. Non obstante, eses primeiros quince minutos pasarían lonxe das áreas, chegando a primeira ocasión nas botas de Parapar, a pase de Primo, superado o primeiro cuarto de hora. Tampouco tardaría en avisar Guille Torres nunha xogada a balón parado cun testarazo que saíu por moi pouco. 

 Coas dúas primeiras ocasións, o equipo de Rodri xa se vía máis cómodo sobre o verde, metendo pouco a pouco á Segoviana no seu campo. Non obstante, tería que ser nunha xogada a balón parado cando chegaría o primeiro tanto do encontro, mediado o primeiro tempo. Un centro de Samu á área e, coa cabeza, Escudero pon o balón lonxe do alcance do porteiro. Gran gol do extremo zamorano e que tería, dez minutos despois, unha resposta ante a que aparecería Pato por primeira vez na mañá. 

 Os trocos cambiaron o partido. 

 Comezou a segunda metade e, na primeira xogada, penalti sobre Escudero. Dende os once metros non sería quen de transformar a pena máxima Pablo Antas parando o porteiro visitante o lanzamento do de Monterroso. Un erro, ou acerto do rival neste caso, que abríu uns minutos nos que o Compos tivo, e soubo, sufrir coa Segoviana dando un paso adiante. Un cuarto de hora no que apareceron de novo as pantasmas sobre o Vero Boquete e que tardaron en desaparecer, sendo precisos os trocos que cambiaron o treito final. 

 Primo sería o encargado de intentar afastar esas pantasmas pero a sorte non estivo do lado do cántabro de casa a portería. Primeiro, tería unha oportunidade moi clara, gañando o balón ao porteiro, pero un esvarón fixo que non puidera marcar. E uns minutos despois, logo de irse tamén do gardameta, pegaríalle mal mandando o balón ás nubes a portería baleira. Por sorte, na seguinte chegada, Josiño aparecería pola banda para poñer un gran balón ao corazón da área e apareceu Fer Beltrán, que volvía despois da lesión, para marcar cun gran testarazo. 

 Cos dous goles, a tranquilidade por fin apareceu no Vero Boquete. Rafa Mella, outro dos que entrou no segundo tempo, tería a posibilidade de facer o terceiro pero, finalmente, o resultado quedou cos dous tantos de vantaxe permitindo ao equipo colocarse como o único equipo sen perder no que vai de curso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario