Viaxe a Asturias

 Chegamos á cuarta parte do campionato e o Compos viaxará esta fin de semana a Asturias por primeira vez no que vai de curso. Un partido contra o pechacancelas da categoría na que será a primeira visita branquiazul ao Pepe Quimarán, a unha Unión Deportiva Llanera que deixou atrás a Terceira división por primeira vez na súa historia. 

 Tempada para a historia. 

 A UD Llanera chega á Segunda RFEF, antiga Segunda B, para facer historia. Un equipo que hai quince anos estaba na Segunda Autonómica e agora na nova cuarta categoría do fútbol español, só un ano despois de recibir ao Celta na Copa do Rei. Agora, recibirán ao Compos na súa casa coa intención de rachar cunha xeira negativa de dúas derrotas consecutivas. 

 Logo de sete xornadas desputadas, o equipo de Posada de Llanera ocupa o último posto da clasificación con 6 puntos. Só unha vitoria no seu haber, contra o Ceares a domicilio, e tres empates, ante Avilés, Arosa e Langreo, para un equipo que non sabe o que é gañar diante da súa afección dende o mes de maio, cando superaron ao Llanes pola mínima. A iso hai que engadir 5 goles a favor, supoñendo puntos cada un deles, e 9 en contra. 

 No Pepe Quimarán, campo de herba artificial e pequenas dimensións, conseguiron empatar contra Avilés e Langreo, nos dous derbis asturianos que tiveron na casa. Por contra, na última cita como locais caeron contra o Salamanca pola mínima cun gol de Jairo Morillas. A iso hai que engadir que só L'Entregu, Avilés e Lenense completan a lista de equipos que puideron gañar alí dende finais de 2019. 

 A nivel individual, hai que destacar ao dianteiro Saha. O senegalés de case dous metros aproveita o seu físico para sacar aínda máis vantaxe dun campo moi complicado para os visitantes. No que vai de tempada suma 2 goles, os mesmos que nas dúas últimas tempadas na categoría de bronce, pero con capacidade de facer gran cantidade de goles, sumando case 50 goles nas tres últimas campañas na Terceira división. 

 Falemos de empates. 

 Se hai algo que está de moda en Santiago este ano son os empates. 13 partidos acabados con reparto de puntos de 23 xogados neste 2021 con 4 consecutivos sendo a terceira xeira neste sentido máis grande da historia do clube, igualando a feita na 82/83. Antes, na 78/79, o equipo encadearía 5 empates consecutivos, todos con goles, mentres que na 83/84 foron 7 empates consecutivos. 

 A maiores, hai que dicir que estes catro últimos resultados, todos repetidos, entran tamén dentro dunhas xeiras máis longas do equipo marcando gol pero sen conseguir os tres puntos, igualando a da 97/98, con 3 empates e 1 derrota. Por enriba, 2 empates e 3 derrotas na 99/00, 3 empates e 3 derrotas tanto na 96/97 coma na 13/14 e 6 empates e 2 derrotas na 78/79 sumando a maior xeira de partidos marcando pero sen gañar na historia da Esedé. 

 O mellor arrinque? 

 Por terceira vez na historia do clube, o equipo suma as 7 primeiras xornadas sen encadear ningunha derrota. Un comezo que só se puido mellorar nunha ocasión na Terceira, en 2008. Nas anteriores ocasións, as dúas xeiras remataron, ademais, a domicilio. 

 En 1982, o equipo comezou con empate sen goles contra o Andorra. Na primeira visita, ao Binéfar, chegou o primeiro triunfo que se sucedeu do primeiro en Santa Isabel fronte ao Erandio. Real Sociedad B, Racing de Ferrol, o Andorra aragonés e Sporting B tampouco puideron cos nosos sendo o filial asturiano o primeiro capaz de facer un gol nunha serie de catro empates consecutivos. A xeira tería o seu fin en Huesca na oitava xornada. 

 En 2001 sería moi diferente. San Lázaro viviría as dúas primeiras vitorias, contra Alavés B e Aurrera, e a domicilio chegarían os dous únicos empates desta xeira nas dúas primeiras saídas, a Barreiro e Pasarón. Gernika, Sporting B e Ponferradina non puideron facer nada contra un equipo que sumaría tres goles por partido neses tres triunfos. Por contra, O Couto poría fin a este gran arrinque con remontada do Ourense incluída. 

 Case sete anos despois. 

 En xaneiro de 2015, na primeira xornada do ano, o Compos de Iñaki Alonso visitaba ao Avilés. Un gol de Quim Araujo serviría para volver a Santiago cos tres puntos na que sería a última vitoria, ata o momento, dos nosos en Asturias. 

 Villaviciosa, Xixón, Luanco e Langreo recibiron en anos seguintes ao Compos sendo o máis positivo un total de 3 empates sen goles. Só en 2015, contra o Lealtad, sería quen de anotar o noso equipo, Josu para ser máis exactos, nun partido que remontarían os locais para levarse un 3-1 final.

 Por outro lado, o equipo visitará por primeira vez Posada de Llanera sendo así o decimoitavo rival asturiano na historia do Compos e o cuarto equipo que, neste curso, se enfrontará á Esedé por primeira vez na súa historia, algo que pasará ata en oito ocasións ao longo desta primeira volta.

 Dúbidas. 

 Rodri está, por fin, a recuperar efectivos. Rafa Mella xa está totalmente dispoñible logo do seu golpe nas costas en Espiñedo mentres que o nocello de Jordan non lle permitirá viaxar. Si poderían estar, son dúbidas de momento, tanto Baleato como Fer Beltrán, dúas pezas moi necesarias para este tipo de partidos en campos onde o xogo directo por alto vai ser chave. 

 Un campo complicado. 

 O Pepe Quimarán será un dos campos máis difíciles da categoría para moitos equipos. De herba artificial e dimensións moi pequenas, con case vinte metros menos de campo tanto ao largo coma ao ancho en comparación con San Lázaro, trátase dun campo do que non saíron moitos puntos nos últimos anos, con só 5 derrotas en 2 anos. 

 Por sorte, o Compos mellorou o seu facer nos partidos con este tipo de terreo e só queda por superar os malos resultados conseguidos en liga nos encontros emitidos por Footters. Coa plataforma de partidos que este ano leva a maior parte da categoría, o cadro branquiazul nunca foi quen de gañar en liga a domicilio, facéndoo na Copa do Rei contra o Mensajero en La Palma.

 O encontro dará comezo este sábado ás 16:15 horas no Pepe Quimarán e, para quen non poida asistir, poderá verse en Footters ou seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario