Volta ao bo camiño

 O Compos volve gañar lonxe de Galiza despois de tres anos, cando o fixo na Copa contra o Mensajero, nun campo moi difícil e sen poder amosar o seu mellor fútbol. Un partido moi difícil, contra un Llanera que non se quixo deixar nada e aproveitou o seu coñecemento nun terreo moi diferente ao que están acostumados os nosos. Ademais, primeiro triunfo fóra da casa despois de oito meses. Isto chegou grazas a dous goles de Pablo Durán, que se coloca como o segundo máximo goleador do equipo.

 No Pepe Quimarán foi chave o fútbol directo. Cada balón en longo desde campo contrario servía para chegar á área e cada saque de Pato supoñía o nacemento dunha ocasión perigosa. A iso hai que engadir que cada xogada a balón parado, xa foran desde o curruncho ou ben desde a banda, eran medio gol. Foi dende o córner como chegou a primeira oportunidade, cun saque directo de Samu ante o que tivo que intervir o porteiro. E sería dende o lateral do campo que chegaría o primeiro gol do partido na media hora de xogo e sen case avisos previos. Un saque longo de Roque e gran golpeo de volea de Pablo Durán para poñer por diante ao equipo por sexta vez no que vai de tempada. 

 Non obstante, co resultado desfavorable mellorou o equipo local e nos dez minutos seguintes chegaron as mellores oportunidades para igualar. Sería Saha, minutos antes do tempo de lecer, quen igualaría o partido despois dun córner nunha segunda xogada. 

 Miguel salvou aos seus. 

 A segunda parte comezou con Primo probando sorte de cara a portería, cun disparo que saiu por pouco. Non obstante, o gran protagonista sería o porteiro local Miguel, intervindo ata en tres ocasións a tiros de Escudero, Primo e Rafa Mella impedindo a vitoria branquiazul. 

 Os nervios chegaban, o Compos non era quen de facer un bo fútbol e os catro empates recentes aparecían. Non obstante, quen tamén apareceu, de novo, foi Pablo Durán. O dianteiro aproveitou un balón longo, superou ao porteiro co control e anotou a porta baleira o segundo e definitivo. 

 Nos minutos finais, pouco fútbol, moitos nervios e o Llanera buscando o empate intentando facer boa cada contra fronte a un Compos que, coñecendo dos problemas á hora de defender, buscou o balón e buscou un terceiro gol que non chegou por moi pouco. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario