O Compos sumou un novo empate contra un Marino de Luanco que chegou a Santiago coa intención de saír vivo e así foi. Un partido sen gran fútbol, nun dos peores xogos dos nosos no que vai de tempada, e que se xogou ao que quixeron os visitantes, regalando o balón, perdendo todo o tempo posible e aproveitando un erro en defensa nos primeiros intres de xogo. Un empate moi válido para os asturianos e insuficiente para a Esedé.
Sen ideas e moitos erros, sen dar dous pases seguidos. Así empezou un Compos que se viu por debaixo no marcador antes dos cinco primeiros minutos. Un gol que chegaría cun erro de Guille Torres nun pase atrás e que non desaproveitou Steven para anotar a pracer. A partir de aí, comezaría unha constante perda de tempo dos visitantes que, co premio no peto, buscaron evitar que se xogara todo o posible indo ao chan en cada contacto ou, incluso, pedindo as asistencias en varias ocasións antes de saír substituído como foi no caso de Steven.
Co paso dos minutos, o Compos foi mellorando en ataque. Coa posesión do esférico e pechando aos luanquinos no último cuarto do encontro, o equipo buscou a velocidade de Parapar. O extremo coruñés sería o principal perigo pola dereita e crearía a primeira ocasión de Primo, que sairía por pouco, e tería unha no engadido que atrapou o porteiro na mesma liña de gol.
Ao ataque.
O segundo tempo foi, agás algunha excepción un perigo constante sobre a portería visitante. O Compos saltou coa intención de facerse co esférico, cun home máis en ataque, e as ocasións non tardarían en chegar con Parapar, de novo, como protagonista. Non obstante, serían entre os dous puntas que fabricarían a xogada do gol cun pase de Escudero para Primo que non á primeira pero si á segunda sería quen de bater a Buru.
Empate no marcador, posiblemente o máis xusto visto sobre o marcador cun equipo cheo de imprecisións e outro sen intencións de máis, e de novo acometidas dun Compos tendo Pablo Durán a mellor á contra. Tamén respondería o Marino, case sen tempo, cun disparo que salvou Pato cunha man salvadora.
Con isto, o equipo suma o seu cuarto empate consecutivo que, de momento, evita que saia dos postos de promoción de ascenso e mantén ao equipo a tres puntos do líder, que segue a ser o Unión Adarve. A semana que vén, á casa do último clasificado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario