Volve o fútbol ao Vero Boquete e, con el, o Compos buscará volver á vitoria despois de tres empates consecutivos. Buscando facer mellores os tres empates anteriores e seguir no máis alto dunha clasificación cada vez máis axustada, con tres puntos de diferenza entre os nosos, terceiros, e o Navalcarnero, que ocupa o posto de promoción de permanencia. Diante estará un Marino de Luanco que volve ao Vero Boquete sendo o último equipo capaz de gañar na capital galega, nunha tempada na que só puideron gañar dous equipos.
Un histórico asturiano.
O Marino de Luanco é, sen ningunha dúbida, un histórico do fútbol asturiano. Un equipo con 90 anos de historia e que comezou no máis baixo do fútbol rexional para estrearse nos 50 na Terceira división, cando aínda era o terceiro nivel do fútbol español. Ascendería de novo, neste caso á Segunda B, en 1996 facendo historia. Sería a primeira das 14 tempadas que pasarían nunha categoría de bronce á que volverían en 2019 despois de 4 anos na Terceira.
E como a historia non xoga, imos falar do que está a facer o Marino nesta tempada. Un equipo que ocupa os postos de descenso despois de conseguir 6 puntos en 6 xornadas con 2 vitorias, consecutivas ante Ceares na maior goleada do que levamos de tempada e Salamanca, e 4 derrotas. Aínda así, trátase dun dos equipos con máis goles a favor, con 9, e, pola contra, tamén dun dos equipos que máis tantos encaixou, con 10.
A domicilio, xa saben o que é gañar nun dos campos máis complicados da categoría logo de superar ao Salamanca CF hai dúas semanas grazas aos goles de Adrián Trabanco e Steven Prieto. Antes, si puideron marcar tanto en Avilés como en Langreo, nos dous casos con 2-0 no marcador, pero sen chegar a puntuar.
Trátase dun equipo con moitas pezas que conseguiron a permanencia a pasada tempada e, entre eles, está a destacar unha das novidades. Steven Prieto, que chegou este verán procedente do filial do Oviedo e xa é o máximo goleador, con 3 goles.
Historia compartida.
Se antes falamos do pasado do cadro luanquín, agora hai que falar dunha breve historia conxunta. E é que os dous equipos coincidiron en catro tempadas no pasado, todas elas na Segunda B, con resultados moi favorables para os nosos, e un final da categoría un tanto diferente.
Comezamos con dous partidos hai vinte anos. Na tempada do último ascenso á Segunda división dos nosos e na que os asturianos conseguiron a súa mellor clasificación, quedando ás portas da promoción, o Compos gañou 0-2 a domicilio e 5-1 en San Lázaro. Dúas vitorias de dous partidos que non se poderían conseguir en 2013 xa que cada equipo levaría os tres puntos na súa casa. E volvería ser a Esedé quen sumaría todos os puntos na 14/15.
Nos enfrontamentos máis recentes, na pasada tempada; non pasarían do empate sen goles en Miramar, único reparto de puntos ata o momento, mentres que no Vero Boquete serían os asturianos os que sumarían de tres convertíndose nos últimos en gañar no feudo branquiazul na Segunda B.
Chegan os problemas.
Ningún dos dous equipos foi quen de sumar de tres a pasada fin de semana. Os nosos non puideron pasar do empate en Espiñedo, nun partido complicado e con pouco fútbol na segunda metade, mentres que os asturianos caeron contra o Pontevedra na que foi a primeira vitoria do cadro granate no que vai de curso.
O Compos visitaba O Carballiño. O Arenteiro esperaba nun Espiñedo en, quizais, mellores condicións que anos anteriores pero, aínda así, insuficientes para a práctica do bo fútbol que vén presentando o equipo de Rodri nas últimas datas. Se a iso lle sumamos que os de Fran Justo non se decantaron por facer fronte cun bo fútbol e as lesións de Rafa Mella, no primeiro tempo, e Jordan, no segundo, déixanos un partido que non paga a pena volver ver. O bo foi volver ver a Primo anotando outro gol para a súa conta particular e o negativo foi a cuarta xornada consecutiva encaixando un gol, neste caso obra de Renan.
Pola súa parte, o Marino de Luanco recibía ao Pontevedra coa intención de encadear a terceira xornada consecutiva con vitoria ou, como mínimo, puntuando. Non obstante, un dos mellores partidos dos de Ángel Rodríguez traduciuse na primeira vitoria grazas aos goles de Alex González, Rufo e Yelko supoñendo así, despois de cinco semanas sen facelo, o primeiro triunfo dos de Pasarón.
Dúas partes moi diferenciadas.
No que vai de tempada, falamos moito de que o Compos xoga moi ben durante unha parte do encontro e pásao realmente mal na outra. O paso por vestiarios cambia ao equipo para ben ou para mal e pódese ver moi claramente mirando os minutos nos que se puideron ver, tanto a favor como en contra, os goles nos partidos.
En Pasarón, a diferenza do resto de encontros, o equipo non comezou ben e Charles aproveitaría para adiantar aos seus. Sería o único gol encaixado no primeiro tempo ata o momento. A partir de aí, nos cinco partidos seguintes, houbo un gol branquiazul, dous no caso do partido ante o Móstoles, antes do descanso. Seis tantos dos que, ademais, a metade chegarían antes do minuto 10.
Diferentes foron as segundas partes. Se ben é certo que en Pontevedra chegaría o empate na reanudación, acabarían sendo un momento onde aproveitaron os rivais para crear o seu mellor xogo. Contra o Cristo Atlético serían os palentinos os que terían mellores oportunidades, aínda que a puntería estivo do lado local con dous goles que pechaban a goleada sendo o único partido sen recibir ningún tanto. Contra o Móstoles, partido no que volverían marcar os nosos no treito final, chegaría o gol visitante nos últimos intres mentres que o Leganés B empataría a seis minutos para o final do tempo regulamentario. Bergantiños e Arenteiro, pola súa parte, aproveitarían un baixón nos primeiros dez minutos para anotar os seus goles que lles servirían para facerse cun punto.
Dúbidas.
Ás baixas de Baleato e Fer Beltrán, que aínda estarán unha semana fóra polo menos, poderían sumarse outras dúas ausencias máis para este partido. Rafa Mella e Jordan tiveron que retirarse do partido en Espiñedo e non estarán esta fin de semana. O primeiro recibiu un golpe nas costas que o obrigou a pasar polo hospital mentres que o segundo recibiu unha dura entrada no nocello e serán dúbida ata última hora logo de non poder adestrar co grupo durante a semana. Por outra parte, Jimmy apunta á convocatoria despois de perderse os cinco últimos xogos.
Volta ao horario habitual.
Esta semana, a diferenza das que vindeiras xornadas que xa coñecemos os horarios de xeito oficial, o partido será o domingo ás 17 horas. O Vero Boquete, xa con posibilidade de aforo completo, abrirá as súas portas para unha nova cita importante dun Compos que quere volver gañar diante da súa afección. Un partido para o que volverán estar dispoñibles as entradas tanto en Tribuna, a 20 euros para o público xeral e 10 para menores de idade, como en Preferencia, a 15 e 5 euros respectivamente.
Un partido que se poderá ver a través da TVG, seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube e escoitarse en 'Esedé Radio'.

Ningún comentario:
Publicar un comentario