Empate caro

 Por sacar algo positivo, o Compos segue sen perder. Sexta xornada consecutiva puntuando, terceiro empate consecutivo e un novo gol de Primo. Como punto negativo, ademais dun mal xogo do equipo, hai que contar con dúas lesións máis. Dun campo en malas condicións como é Espiñedo, volven tocados Rafa Mella e Jordan, dous xogadores que non estiveron nin vinte minutos sobre o verde. Ademais, Pablo Durán e Pato tiveron serios problemas durante o transcurso do partido. 

 O encontro comezou co Compos buscando a posesión e o Arenteiro presionando e esperando un erro para saír á contra. Sería así, aos quince minutos, cando terían os locais a primeira ocasión cun disparo que petou na madeira. Só tres minutos despois chegaría a primeira mala nova coa lesión de Rafa Mella, logo de levar un golpe nas costas minutos antes. 

 Moi pouco fútbol, moitas interrupcións e escaso perigo nas áreas no transcurso dun partido marcado máis polo mal estado do terreo. Con isto, non se puido ver ao mellor Compos, que pasouno moi mal nun primeiro tempo moi igualado e sen oportunidades por moito tempo. Sería Samu, antes da media hora, e Primo, no final do tempo regulamentario, os que terían as mellores ocasións con disparos que saíron por riba da portería. Sería o cántabro, aproveitando unha mala saída do porteiro, o que anotaría, no engadido, o gol branquiazul. 

 Segunda metade sen fútbol. 

 Arrincou o segundo tempo e chegou outra mala nova. Renan Zanelli non desaproveitou a primeira oportunidade dos seus logo da reanudación e asinou un bo gol para a igualada. Un tanto ao que puido respostar Parapar só dous minutos despois topándose co porteiro. A partir de aí, acabouse o fútbol. 

 As interrupcións sucedéronse. Moitas faltas, moitas perdas de tempo por parte dos locais e a lesión de Jordan marcaron un segundo tempo no que o Compos case non foi quen de pasar do centro do campo, tendo só unha oportunidade xa no engadido de Pablo Durán, e no que tivo que aparecer Pato para evitar o segundo dos carballiñeses. 

 Agora, con outro punto no peto, hai que pensar na seguinte cita, na que recibiremos o domingo pola tarde ao Marino de Luanco co obxectivo claro de sumar de tres. Na clasificación, case sen trocos caendo un posto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario