Non hai dúas sen tres

 Chega a terceira cita no Vero Boquete e, con ela, o primeiro derbi na capital galega. Un partido duro contra un Bergantiños de José Luis Lemos que aínda non coñece a vitoria pero que encadea tres empates consecutivos, o último cunha gran remontada. Un derbi para a historia e que será a primeira vez que se xogue nunha categoría superior á Terceira división con Rodri e Lemos nos mandos. 

 Buscando a primeira. 

 Un Bergantiños que volve á que para a RFEF aínda é a Segunda división B con outro nome despois de 32 anos, busca a súa primeira vitoria despois de catro xornadas onde os resultados non foron os máis desexados, esperando ata a cuarta para facer o seu primeiro gol, imitando nese sentido ao Compos da pasada tempada. 

 Comezaron o curso cunha derrota importante en Langreo, chegando con opcións ao treito final e recibindo dous tantos nos minutos finais. Despois, dous empates sen goles contra o Ceares nas Eiroas e no Helmántico fronte ao Salamanca. E se non era suficiente deixar sen triunfo a un dos favoritos, conseguiron igualar un 0-2 en contra fronte ao Pontevedra.

 Un equipo que se fai forte na casa pero que suma xa medio ano sen sumar de tres a domicilio. Dende o final da primeira fase no curso pasado, en Fisterra, non saben o que é gañar lonxe das Eiroas. As Somozas, Vilagarcía, Cangas, O Carballiño, Langreo e Salamanca recibiron ao cadro carballés e de alí non saíron os tres puntos, conseguindo como mellor resultado o empate no Helmántico. 

 A nivel individual hai que falar de moitos xogadores. Antón Escobar, autor dos dous goles que leva o equipo; Marcos Remeseiro, Uxío, Yelco... grandes pezas entre os que está a destacar este curso Canedo, o porteiro titular nestas catro primeiras xornadas. 

 Un gran enfrontamento dos últimos anos.

 Se ben é certo que compartiron categoría durante varios anos entre Preferente e Terceira, Compos e Bergantiños tiveron o mellor momento da súa rivalidade coincidindo coa chegada de Yago Iglesias. Oito enfrontamentos, case a metade dos que houbo ao longo da historia entre os dous conxuntos, que nos deixaron unha gran igualdade con vitorias para os dous equipos e, sobre todo, moito espectáculo. 

 A primeira parte desta historia chega nunha tempada 62/63 da que o único dato é que o Compos gañou todos os partidos ascendendo sen complicacións á Terceira. E sería na Terceira, 24 anos despois, cando o cadro bergantiñán se tomaría a súa vinganza con dous triunfos pola mínima. Sería a única vez na que levarían todos os puntos e comezando a década dos 90 con dous empates. 

 Xa neste século, en 2006, volverían verse as caras na Preferente e xa comezaría algo habitual ata o de agora. O Compos sumaría os tres puntos en San Lázaro mentres que o Bergantiños faría o propio nas Eiroas. Seis cursos despois, nunha nova proba, serían os nosos os que sumarían os seis puntos por última vez xa que, coa chegada de Yago, volvería haber reparto habitual de puntos. 

 Na 16/17, o Compos gañaría 4-2 no Vero Boquete pero caería en Carballo por 3-1. Un ano despois, nunha tempada na que os dous equipos pelexarían por ser campións ata o final, habería unha vitoria por equipo e, curiosamente, chegarían no campo do rival. Menos sorte e máis goles chegarían na 18/19 coa vitoria por 2-3 do Bergantiños en Santiago e o empate, nos minutos finais, a 2 goles nas Eiroas. E rematamos isto con outro triunfo para cada equipo, neste caso para os locais e repetindo o 1-0.

 Empates. 

 Compos e Bergantiños chegan a esta quinta cita do campionato dun xeito non tan diferente. Dous equipos que encadean varias xornadas sen perder e que, ademais, empataron na súa última cita, hai unha semana, con goles nos minutos finais. 

 Os nosos viaxaron ata terras madrileñas para medirse ao filial do Leganés. Un partido que, por terceira semana consecutiva, comezou cos nosos por diante antes dos dez minutos de xogo. Non obstante, como diferenza dos anteriores, non chegaría un segundo gol compostelanista senón que serían os locais os que, a cinco minutos para o final, porían o empate no marcador. 

 Pola súa parte, o Bergantiños recibía ao Pontevedra nas Eiroas nun partido onde a vitoria era de vital importancia para os dous conxuntos. Os carballeses levarían o peso do partido no primeiro tempo contra un rival que atacaba con máis forza sobre a portería de Canedo. Sería no segundo tempo, cando a balanza se decantaría cara o lado granate e Charles, dende os once metros, e Brais Abelenda deixarían encamiñado o triunfo. Non obstante, a relaxación dos de Ángel Rodríguez cos dous goles de diferenza saiu cara e, cun dobrete de Antón Escobar, acabaría empatando o Bergantiños no engadido acabando así os dous equipos con tres puntos en total e ocupando postos da zona baixa da clasificación logo de non ter gañado aínda ningún partido. 

 Ata onde pode chegar? 

 O inicio de tempada do Compos é, sen dúbida, para ter moi en conta. Catro partidos dous dúas vitorias e dous empates. Sen perder aínda no que vai de curso. Un arrinque, posiblemente, non tan estraño na Terceira pero non tan habitual na Segunda B, onde só se fixo algo semellante en tres ocasións antes. 

 A primeira ocasión que se conseguiu algo así foi na tempada 82/83 cos mesmos resultados que este ano e aumentando a xeira ata a xornada 8, cando chegaría a primeira derrota en Huesca. Posteriormente, o equipo acabaría 11º e non gañaría ningún partido a domicilio en toda a segunda volta.

 Un tanto diferente sería na tempada 90/91. Un empate no Anxo Carro chegaría sucedido de catro triunfos, tres deles en Santa Isabel. Cinco partidos e só dous goles en contra. A primeira derrota chegaría na sexta xornada, en Langreo, e o equipo asinaría o ascenso á Segunda división por primeira vez na súa historia. 

 O mesmo final tería a tempada 2001/02. Cun guión idéntico ao deste ano, gañando os da casa e empatando os de fóra, o equipo conseguiría chegar á oitava xornada sen perder. Sería nesa, no Couto, onde caería por primeira vez contra o Clube Deportivo Ourense. Antes, outras tres vitorias consecutivas. 

 Neste aspecto, hai que falar de só tres xeiras positivas que remataron no Vero Boquete. A primeira, na Segunda división, en 1998, contra Osasuna na xornada 5 e as outras dúas, na Terceira. A primeira sería en 2008 contra o Lalín na xornada 21 e a última, en 2019, a mans do Bergantiños na xornada 6. 

 Grupo completo. 

 Logo de tres semanas, Jimmy xa volve adestrar co resto dos seus compañeiros. O grupo volve estar completo coa volta tamén de Saro e Joel, baixa contra o Leganés B. Tres regresos que será Rodri o encargado de decidir se están dispoñibles para esta nova cita na casa.

Todos xuntos. 

 Máis de ano e medio pasou, dende a derrota contra a Unión Deportiva Ourense, da última cita do Compos na que puidemos estar todos xuntos, sen ningún tipo de limitación de aforo, no Vero Boquete. E este sábado volverá a haber a posibilidade de encher o estadio. Sen ningún tipo de límite de aforo e só as normas coas que levamos nos últimos meses. Con isto, seguirá habendo entradas a 15 euros para adultos e 5 euros para menores de idade para Preferencia 20 e 10 euros na Tribuna, para a que, agora si, haberá entradas dispoñibles. 

 Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá verse en directo na TVG2 e seguirse polas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario