O Compos suma o seu terceiro empate, segundo consecutivo e primeiro na casa. Quinta xornada sen perder para un equipo que volveu chegar ao tempo de lecer por diante no marcador e que non foi quen de manter o nivel nos segundos corenta e cinco minutos. Escudero, logo dunha gran xogada colectiva, foi o autor do tanto branquiazul mentres que Remeseiro, de penalti, asinou a igualada nun partido marcado pola chuvia e o frío. Non obstante, hai unha moi mala nova coa lesión de Fer Beltrán.
Mantendo o guión dos anteriores encontros, os nosos saíron con enerxía chegando a primeira oportunidade sobre a portería de Canedo antes dos cinco minutos. Un gran arrinque se enfriaría coa lesión de Fer Beltrán, que estaba a ser do mellor na zona de creación, ao cuarto de hora tendo que retirarse en padiola. Aínda así, por sorte, non pareceu afectar e pasaron dez minutos de serio perigo coas bandas como grandes protagonistas.
Rafa Mella, moi activo pola dereita, buscou a Salado, moi ben chegando dende atrás, pero o lateral non sería quen de ver portería por moi pouco. Si o faría o extremo da mesma banda, Escudero, despois dunha gran xogada de combinación con Primo pola esquerda anotando o seu primeiro gol da tempada. E, de novo co marcador favorable, sería o '9' dos nosos o que volvería crear dúas oportunidades de claro perigo antes do tempo de lecer.
Desconectados.
Mantendo o guión dos últimos partidos, un tempo bo e outro non tan bo. Nesta ocasión non foi diferente contra un Bergantiños ao que lle sentou ben o paso por vestiarios. A segunda parte comezou cunha nova ocasión perdoada e, só cinco minutos despois, un penalti de Matías Vesprini sobre Cano á contra que non perdoaría Marcos Remeseiro enganando a Pato.
Co gol chegou tamén a entrada no campo de Parapar. O extremo pasou a ser o gran protagonista do segundo tempo participando nas mellores ocasións, pasando por el case cada balón do ataque. Non obstante, teríamos un segundo tempo con moitas interrupcións, con algún que outro erro arbitral e sen case ocasións sobre a portería de Canedo, contra un Bergantiños que se conformaba co empate e case non crearía perigo sobre a meta de Pato.
Nos últimos minutos, sería Parapar o protagonista das mellores accións. Primeiro, sería o encargado de obter un córner que non sería quen de materializar Guille Torres e, minutos despois, probaría a Canedo cun disparo que sacaría o porteiro coas pernas.
Finalmente, un punto que sabe a pouco, nun partido onde o Compos tivo as mellores oportunidades para sumar un triunfo pero que serve para seguir sumando por quinta xornada seguida. Un empate que facer bo a vindeira semana na saída a Espiñedo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario