O Compos volve sacar outro empate a domicilio, segundo deste curso na segunda saída, nun partido onde se chegou ao treito final co resultado favorable. O Leganés B, que non baixou os brazos en ningún momento, buscou un gol que chegou no treito final, deixando sen premio a un equipo que é incapaz de gañar lonxe de Galiza dende hai tres anos e que sumará outras dúas semanas sen facelo a domicilio.
Por terceiro partido consecutivo, o comezo non puido ser mellor. Un Compos seguro co balón, cómodo e sen presa e que chegou aos dez minutos de encontro por diante no marcador por terceira xornada consecutiva. Tamén por terceiro xogo seguido sería Primo autor dun gol moi importante para os nosos despois dunha gran xogada que el mesmo inicia cun pase á banda para Rafa Mella e asistencia do extremo no segundo pau para que o cántabro anotase o primeiro.
A partir do gol, o Compos buscou xogar co balón, sen arriscar nin permitir erros diante dun rival que só viu nas faltas a forma de frear a zona de creación branquiazul, acabando o primeiro tempo co dous centrocampistas sancionados. Aínda así, chegarían outras dúas oportunidades antes do descanso con Fer Beltrán e Escudero como principais protagonistas e Primo, nas dúas ocasións, como axudante.
Mellora local.
O segundo tempo comezou co Leganés B avisando. Malia non ter o balón, cada posesión do filial madrileño levou un gran perigo á portería defendida por Pato. Por sorte, a defensa, a falta de puntería nos atacantes e, sobre todo, unha gran actuación do gardameta uruguaio permitiron que se mantivera o marcador favorable para os nosos. Un asedio constante sobre a porta visitante pero ben solventado con máis ou menos sorte.
Na portería contraria tardaron en chegar as ocasións de novo. Primo tería unha no arrinque do segundo tempo mentres que a segunda non chegaría ata o treito final con Pablo Durán como protagonista. O dianteiro de Tomiño tivo algo menos de media hora pero tivo tempo suficiente para provocar tres ocasións de sumo perigo así como a expulsión de Samed que deixaba aos locais cun home menos case quince minutos máis o tempo engadido.
Sería con dez e cando mellor estaba o Compos que chegaría o tanto do empate. Novo centro á área, forma habitual de crear perigo, e gol de Iker Muñoz con algo de fortuna aproveitando o barullo na área compostelanista. Un tanto merecido para os madrileños que buscaron con insistencia un empate co que sumar un novo punto e deixar aos nosos sen ese terceiro triunfo consecutivo.
Finalmente, malia non encadear outra vitoria, si chega a cuarta xornada consecutiva sen perder. Un gran inicio de curso para pensar con máis ganas nos dous derbis que veñen nas vindeiras xornadas. O seguinte, o sábado, contra o Bergantiños no Vero Boquete.

Ningún comentario:
Publicar un comentario