Tingamos Espiñedo

 O espectáculo continúa e o Compos quere sumar unha nova xornada sen caer, asinando a primeira vitoria a domicilio. Nun campo sempre complicado como é Espiñedo e fronte a un rival que de momento non perdeu na súa casa, os de Rodri queren encadear a sexta xornada sen gañar contra un Arenteiro que suma 4 dos seus últimos 6 puntos en xogo contra os dous grandes favoritos da categoría. 

 Un gran bloque. 

 Con Fran Justo ao mando por segundo ano, o Arenteiro estréase nesta Segunda RFEF coa intención de manterse cun bloque de grandes xogadores da Terceira galega, moitos deles con pasado no Couto e algún que xa sabe o que é xogar tamén de local no Vero Boquete. Un Arenteiro que segue co mesmo guión do curso pasado e que non perde na casa dende decembro de 2019 sumando unha gran xeira de case dous anos. 

 Un equipo que volveu á Segunda B, agora con nome un tanto diferente e un nivel máis abaixo, despois de máis de 30 anos. E é que O Carballiño xa foi un pobo de bronce ao final dos anos 80 durante dous cursos. Conseguiron o ascenso en 1987, logo de quedar segundos nunha liga na que tamén estaría o Compos, e na seguinte campaña sumarían a permanencia, non sen sufrir, grazas ao seu bo facer en Espiñedo. Non obstante, volverían á Terceira un ano despois. 

 Nesta tempada, os de Fran Justo suman 5 puntos despois doutros tantos partidos. Unha vitoria, fronte ao Salamanca CF, e dous empates, contra Langreo e Pontevedra, aos que sumar dúas derrotas, en Vilagarcía e Xixón nos dous únicos partidos nos que non foron quen de ver portería. Con isto, hai que sumarlles 4 goles a favor e 6 en contra para un equipo que marcou en todos os seus partidos na casa do ano agás un, na pasada tempada, contra o Arosa.

 A nivel de xogadores, contan con grandes futbolistas do noso fútbol. Xente con experiencia como Portela ou Adrián Cruz e outros que aínda suman os seus primeiros anos de fútbol profesional, como Víctor Eimil, Marquitos ou Adri Castro, cunha gran carreira por diante. Xunto a eles, pezas moi importantes como Renan Zanelli ou Sylla, que volveu atopar o seu sitio despois de non chegar ao seu mellor nivel no Coruxo. 

 Algunhas coincidencias. 

 Se ben é certo que no pasado hai máis xente que pasou por Arenteiro e Compos, como no caso de Castro Santos, que descendeu co cadro do Carballiño e chegou a Santiago no mesmo verán para facer unha historia xa máis que coñecida. Por iso, falemos dos que vestiron as dúas camisolas nos últimos anos. 

 Comezamos esta serie con Toño. O central do Ourense CF pasou polas filas do Compos no seu comezo de carreira deixando o Vero Boquete en 2010. Nove anos despois chegaría a Espiñedo e sería unha parte fundamental do cadro verde. Menos importancia tería nos ourensáns Martín, que pasou pola Esedé en dúas etapas compartindo nunha delas vestiario con Mitogo, outro dos que pasou por ambos os dous equipos. Tamén, con máis importancia nos verdes que, por mala sorte, na capital, pasou polos dous campos Hugo Sanmartín, agora nas filas do Choco. 

 E chegamos á actualidade. Tres ex Compos ocupan a día de hoxe as filas do Arenteiro. Portela, capitán do equipo; Naveira e Sobrido son, a día de hoxe, os únicos xogadores do Arenteiro con pasado na Esedé. Pola súa parte, Borja Rey fixo o camiño contrario, do Carballiño a Santiago, e volverá á que foi a súa casa despois de renovar por outros dous anos comezando así a súa etapa senior no equipo da capital. 

 Historicamente favoritos. 

 Ata en 15 ocasións se viron as caras Compos e Arenteiro ao longo da historia. Un enfrontamento cun claro vencedor ata o punto de que, en partido oficial, os carballiñeses nunca conseguiron levar todos os puntos. Si foron quen de sacar tres empates quedando só un partido sen goles, na última visita dos nosos a Espiñedo. 

 Esta historia comeza nos anos 60. De 1964 a 1967, ata en seis ocasións se puideron ver as caras. Con goleadas se abría esta serie de encontros, sumando nove goles nos dous primeiros partidos a prol dos nosos, igualándose no tempo ata o punto de que na 86/87 repartirían os puntos nos dous partidos, repetindo o 1-1. Sería, por outro lado, a última vez na que o Arenteiro faría un gol contra os nosos. Seis partidos máis con triunfos branquiazuis ata o presente e un empate sen goles nun emparellamento un tanto desigualado no pasado e moi diferente nun presente no que todo podería pasar. 

 Empate, sempre. 

 Na pasada xornada, tanto Compos como Arenteiro sumaron un punto nos seus respectivos partidos, os cales levaron un camiño un tanto diferente. Uns comezaron gañando e encaixaron o golpe no segundo tempo. Os outros comezaron gañando e acabaron case pedindo a hora fóra da casa e contra un dos grandes da categoría. 

 Comezamos polo Vero Boquete. Un Compos que chegaba de empatar en Leganés tiña que enfrontarse ao Bergantiños, que viña de empatar contra o Pontevedra nos intres finais. Mantendo o guión de semanas anteriores, o primeiro tempo foi para un Compos que se adiantou grazas a un gol de Escudero. Tres ocasións perdoadas despois polos nosos, o Bergantiños asinou o empate dende os once metros. 

 E se antes falabamos do empate do Pontevedra nas Eiroas, agora hai que facelo en Pasarón a pasada fin de semana. Renan e Adri Castro adiantaron ao Arenteiro na primeira metade pero Charles foi quen de igualar eses dous goles de diferenza na segunda, en menos de cinco minutos. Nos minutos finais, sería o conxunto granate o que a piques estivo de sumar os seus tres primeiros puntos contra un Arenteiro que viña de facelo contra o Salamanca.

 Dúas baixas importantes. 

 Os problemas físicos no Compos non van a menos. Despois da baixa por tres semanas de Jimmy, quedando fóra tamén a pasada fin de semana; chegan outras dúas baixas importantes para as vindeiras xornadas. Baleato, que non puido estar na convocatoria o pasado sábado, ten unha microrrotura no recto anterior dereito mentres que Fer Beltrán, que tivo que saír en padiola no primeiro tempo, sufre unha rotura de fibras no aductor que o terá fóra dos campos para as tres vindeiras semanas aproximadamente. Dúas ausencias que complican un centro do campo que se completará esta xornada con catro pezas para tres postos no caso de manterse o mesmo debuxo táctico. 

 Primeiro gran desprazamento. 

 Xa cos aforos completos, a afección branquiazul volverá desprazarse como antes da pandemia. Espiñedo, que xa tivo unha gran entrada hai dúas semanas, podería colgar o cartel de 'non hai billetes' nun partido para o que houbo a oportunidade de comprar as entradas en Santiago, evitando así colas nas billeteiras do estadio verde. Entradas que estiveron, e estarán as que aínda queden dispoñibles, a 15 euros para adultos e 5 euros para menores de idade, mesmo prezo que en San Lázaro e o habitual na gran parte dos campos da categoría. 

 O partido, este domingo, dará comezo ás 17 horas e, para quen non poida asistir, poderá verse en directo a través da TVG 2 así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario