Chegou o día máis desexado. Chega o comezo dunha nova competición. Volve o fútbol e volve o Compos. A Segunda RFEF arrinca esta fin de semana e faino cun dos partidos máis desexados no noso grupo. Unha visita a Pasarón, un dos campos que apunta a ser dos máis difíciles do campionato, e no mellor momento posible para poder volver cos tres puntos na que será a estrea oficial de Rodri como primeiro adestrador.
Verán intenso.
Logo de sufrir a pasada tempada para conseguir a permanencia na Segunda RFEF, na segunda fase, o Pontevedra buscou un cambio no equipo elevando a calidade do mesmo. Conseguiron fichaxes importantes coma as de Samu Araújo, procedente da Cultural Leonesa, ou as de Brais Abelenda e David Soto que, durante unhas semanas, pensábase que irían acompañados de Bicho e Yago Iglesias. Tres grandes reforzos que terá ás súas ordes Ángel Rodríguez, chegado dende o Langreo.
En canto á súa pretempada, superaron a Estradense, Racing Vilalbés, Juvenil de Ponteareas, Vilalonga e Verín e caeron fronte a Racing de Ferrol, Deportivo e nos penaltis contra o Alondras na Copa RFEF. Un verán con moito fútbol para encaixar as pezas nun equipo obrigado a pelexar polo ascenso á Primeira RFEF.
Faltou o gol.
Se na pretempada do Pontevedra houbo goleadas, o Compos mantivo a súa falta de gol, sobre todo nas primeiras datas. Moitas probas para dar cun equipo importante, moitas rotacións para chegar ao equipo que deixou moi boas sensacións e un gran estilo contra o Fabril o pasado sábado.
Derrota contra o Lugo, con boas sensacións na primeira parte do partido, e o mesmo, pola mínima, contra Racing de Ferrol e Estradense, neste caso na prórroga. Tamén se empatou contra Arosa e Fabril, atopando o camiño do gol, e se puido superar a Noia e Fabril.
Un total de 5 goles a favor e sen ningún dianteiro anotador, con Joel abrindo o casilleiro, Roque estreándose como goleador, Antas mantendo o seu acerto dende os once metros e Josiño e Samu demostrando que teñen un oco no once titular.
Historia moi igualada.
Se ben é certo que o Compos foi quen de superar ao Pontevedra en máis ocasións que ao contrario, o maior número de partidos, superando a metade deles, acabou con reparto de puntos. E, en moitos deses empates, incluso sen goles.
Empecemos coas vitorias do equipo pontevedrés, para seguir a orde histórica xa que a primeira visita dos nosos ao feudo granate, alá por 1977, acabou con 3-2 para os locais. 7 anos despois, repetiría vitoria o cadro de Pasarón por 2-0. Por contra, terían que esperar ata 2009 para asinar o seu último triunfo, único en San Lázaro, por 1-3 nun partido no que estaría Jimmy no once titular.
En canto aos triunfos branquiazuis, que serían 6, non comezarían a chegar ata 1981 cunha vitoria pola mínima en Santa Isabel. Tamén en Santiago chegarían as seguintes en 1986, por 3-2, e 1990, con 2-0 no marcador mentres que a única en San Lázaro sería en 2016 por 3 goles a 0. Habería que esperar a 2010 para ver o primeiro triunfo dos nosos en Pasarón, por 1-2, e a última chegaría a pasada tempada grazas ao gol de Miki, hai algo máis de medio ano.
Con todo.
Ao longo da pretempada, as ausencias por molestias sucedéronse nun Compos no que xa parece que poden estar todos os efectivos ás ordes de Rodri incluíndo a Matías Vesprini, última fichaxe e que xa adestra dende hai uns días co resto dos seus compañeiros.
Menos sorte hai no Pontevedra. Rufo, peza fundamental no equipo do Lérez, terá que perderse esta primeira xornada de campionato cumprindo unha sanción da pasada tempada. Unha baixa que, sen dúbida, farase notar no conxunto local.
Volvemos viaxar!
Con esta nova tempada chega unha novidade moi importante e interesante. Non só volve o fútbol senón que, ademais, aumentan os aforos dos estadios ata o 40% eliminándose ese límite de 1.000 afeccionados. Con isto, poderá haber sitio de sobra en Pasarón superando os 4.000 afeccionados de capacidade. Para isto, o clube granate pon a disposición dos seareiros entradas a 25 euros para a Tribuna e 15 euros para o resto do estadio. Por contra, os menores de 16 pagarán 15 euros na Tribuna e 8 no resto.
Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá verse a través da segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario