Volve ao Compos

 Último día de mercado e chega o tan desexado e necesario reforzo para o centro dunha defensa falta de efectivos. Matías Vesprini volve aceptar a opción do Compos saíndo de Lugo por segundo ano consecutivo en forma de cesión ata 2022. 

 Nado en Quilmes, Arxentina, hai 21 anos, Matías Vesprini criouse e formouse entre a base do Celta e a do Lugo, onde comezou a súa carreira senior no filial en 2018 para chegar a Santiago dous anos despois. Ás ordes de Yago Iglesias non debutou ata decembro, tendo a súa primeira aparición como central en Ibiza e deixando moi boas sensacións. Xa na segunda volta, sería titular en Guijuelo e Pasarón e tería minutos contra o Celta B participando tamén nalgúns partidos da segunda fase, sempre como lateral en lugar de Jimmy. 

 Neste verán, participou na pretempada do Lugo sendo un habitual nos onces titulares. Ademais, tamén entrou nas dúas primeiras convocatorias co primiero equipo sen chegar a contar con minutos quedando fóra na última cita, o pasado sábado, negociando a súa saída. 

 Con capacidade para xogar tanto de central como de lateral esquerdo, é a peza que lle faltaba a un Compos con só Casas, Guille Torres e Joel como centrais, posición na que tamén participou Baleato durante a pretempada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario