Punto merecido

 Compos e Pontevedra arrincaron esta nova tempada cun empate a un gol en Pasarón nun partido onde cada equipo tivo un tempo para demostrar o seu nivel. Marcado polo físico dos xogadores, esgotando os trocos Rodri no minuto 70, o primeiro derbi para os nosos acabou cun resultado merecido grazas ao gol de Pablo Durán nunha gran estrea do tomiñés a pase de Escudero, outro debutante que deixou unha moi boa imaxe. Charles marcaría, no primeiro tempo, o gol local. 

 Os primeiros intres de partido deixaron ver unha igualdade sobre o verde. O Compos con intención de desputar o balón a un Pontevedra mellor situado e gañando terreo co paso dos minutos. Tal igualdade desfíxose segundos antes de chegar aos dez minutos cunha chegada de Alex González pola banda esquerda, superando en velocidade a Saro, e un centro para Charles que lle gañou a marca a Guille Torres cabeceando a gol a primeira ocasión do encontro. 

 A resposta non tardou en chegar cunha xogada intelixente de Josiño á que se adiantou Soto evitando o disparo de Escudero. Sería a única oportunidade que terían os nosos durante todo un primeiro tempo no que mandarían os pontevedreses creando numerosas oportunidades e facendo traballar a un Pato que evitou unha goleada importante antes do tempo de lecer. 

 Cambio radical. 

 Para o segundo tempo, con Pablo Antas e Pablo Durán no campo, mellorou moito a imaxe do equipo de Rodri. Sería o segundo quen, na súa estra, puido celebrar o seu primeiro gol como branquiazul. Un gran centro dende a esquerda de Escudero directamente ao segundo pau e chegou o de Porriño para non perdoar. Gran gol e mellor carta de presentación do xogador máis novo do primeiro equipo. 

 Co resultado igualado, o balón pasou a ser para un Compos máis seguro e cómodo. Non obstante, só Josiño puido probar sorte cun disparo que saiu lambendo o pau da portería local nunha segunda parte que acabou marcada polas dificultades físicas nos dous equipos típicas das primeiras xornadas do campionato. Tal é así que Rodri esgotou os cinco trocos con vinte minutos por diante, tendo que retirarse Samu con molestias. 

 Un empate merecido nun dos campos que apuntan a ser dos máis difíciles do campionato e contra un Pontevedra que, por segundo ano consecutivo, acusou a falta de acerto nos metros finais. 

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario