Logo de dezasete anos, o Compos volve a Madrid. A segunda saída desta tempada chega coa intención de seguir sumando, de manterse nos postos máis altos da clasificación, contra un rival que sumou de tres fóra da casa pero non puido facer o propio na casa. Un Leganés B que, ademais de ser o único filial do grupo, apunta a ser un dos rivais máis complicados.
Máis de vinte anos de espera.
O filial do Leganés está de volta na Segunda B, agora chamada Segunda RFEF, logo de máis de vinte anos entre Terceira e categorías autonómicas, chegando a xogar un ano en Primeira madrileña. Un equipo que ao longo da súa historia estivo ata en dúas ocasións na categoría de bronce sendo incapaz, en ambas as dúas tempadas, de asinar a salvación caendo no 96 na fase de permanencia contra o Sabadell.
A esta nova Segunda RFEF chegaron logo de ser campións do seu subgrupo con 6 puntos de vantaxe sobre o Móstoles e mesma diferenza coa que comezaron a segunda parte do campionato sobre o Unión Adarve, ao que superarían por coeficiente e non así por puntos ascendendo os dous e obrigando ao Móstoles a seguir xogando unha fase máis.
Nesta tempada suman tres partidos nos que asinaron dúas vitorias, as dúas a domicilio, e unha derrota, na súa estrea como locais. Comezaron cun triunfo a domicilio contra o Ceares por dous tantos de diferenza mentres que en Pasarón sería por 1-2. Na Instalación Deportiva de Butarque non poderían superar ao Salamanca nun partido pobre e con escasas oportunidades onde se viron moitas imprecisións e erros non forzados.
Trátase dun equipo moi novo, con só dous xogadores que superan os 23 anos e algúns en dinámica do primeiro equipo como Naím García, que xa puido ter minutos en Segunda división. Con el tamén se estreou contra a Real Sociedad B na primeira xornada Diego García mentres que outros catro esperaron a súa oportunidade no banco de suplentes.
Mellorando.
Como é normal, os equipos van collendo ritmo e mellorando cousas nas primeiras xornadas de liga. Iso foi o que lle pasou a pasada fin de semana a un Compos que deixou unha gran imaxe contra o Móstoles e mantivo o acerto de cara a porta. Pola súa parte, o Leganés aproveitou os erros dun Pontevedra que non arrinca e que segue sen gañar con só 2 puntos de 9 posibles.
Nun partido marcado por temas extradeportivos, no Vero Boquete non houbo opción para o cadro visitante. A Esedé saltou ao terreo de xogo con intención de gañar e convencer e antes dos dez minutos xa estaría por diante, grazas a un novo gol de Pablo Antas dende os once metros. Tamén se puido ver unha gran versión de Primo, vítima do penalti e autor do segundo gol mentres que Salado pecharía a conta con asistencia de Fer Beltrán. Un gran partido en xeral dun equipo que xa empeza a demostrar o seu nivel real tanto en ataque coma en defensa, tendo en Pato un gran seguro baixo paus e con Roque e Vesprini demostrando que poden desputar a titularidade a Saro e Guille Torres.
En Pasarón, o guión sería diferente. O Pontevedra tentaría levar o peso do encontro pero seguirían cometendo erros que lle custaron de novo os tres puntos. Pola súa parte, o filial madrileño conseguiría adiantarse no primeiro tempo grazas a un gol de Alba e aumentaría a súa vantaxe aos cinco minutos de comezar o segundo cun gol de Campos. Os locais mellorarían coa entrada de Rufo, autor do único gol granate, pero sería insuficiente para puntuar nuns minutos finais nos que faltou fútbol.
Case dúas décadas despois.
Por terceira xornada consecutiva, estamos ante un enfrontamento que se dará por primeira vez na historia. Non obstante, non será a primeira viaxe, nin moito menos, do Compos a Madrid. Si é certo que hai que botar unha ollada case dúas décadas atrás para ver cando foi a última vez que os nosos xogaron na capital española, sendo aquela unha tempada negra para o clube descendendo no campo e nos despachos, entrando no capítulo máis negro dunha historia que, pouco antes, tinguíase de dourado.
A última visita foi ao campo do Sanse, do que non se volvería con puntos. Tampouco dos campos do Fuenlabrada, Alcorcón nin Real Madrid Castilla. Si que volverían cun empate das visitas a Alcalá, Majadahonda e ao filial do Atlético de Madrid. Para a última vitoria hai que ir vinte anos atrás, a 2001, cando chegaría a última ata o momento no campo do Getafe.
E se ben é certo que nunca houbo un partido contra o Leganés B, si se pode falar de triunfos diante do primeiro equipo. Dende 1990, coa primeira visita dos branquiazuis a Santa Isabel, chegaron outras 13 citas máis nas que os nosos gañarían ata en 6 ocasións. Na mesma cifra se atopan os empates e só 2 partidos acabaron con triunfo madrileño, as dúas en Butarque e no ano 2000.
A seguir polo bo camiño.
Un ano máis, o Compos comeza a tempada polo bo camiño. Tres xornadas consecutivas sen perder como pasou nas tres últimas campañas de Yago na Terceira, non así na primeira nin na última. Non obstante, este arrinque non foi tan habitual na Segunda B para os nosos ao longo da historia.
Na categoría de bronce, non suma un arrinque así dende 2001, encadeando 7 xornadas sen perder, nunha tempada que acabaría en ascenso. Na sexta xornada chegaría a primeira derrota en 1990. E nas dúas primeiras tempadas dos anos 80 chegarían tamén 2 vitorias e 1 empate nas primeiras datas do campionato. Na 82/83 ocorrería o mesmo pero sumando despois 4 empates seguidos.
Por contra, a nota negativa actual está nos partidos a domicilio. O Compos non gaña fóra da casa dende que o fixo en Pasarón, en febreiro. Máis de 200 días sen sumar de tres lonxe de San Lázaro encadeando 4 empates e 1 derrota, en Soria. Dita xeira negativa está aínda lonxe dos 308 días sen gañar en 2020, os 378 días entre 2015 e 2016 ou os 441 entre xuño de 2013 e setembro de 2014.
Non hai dúas sen tres.
O Compos ten, este domingo, a posibilidade de encadear unha terceira vitoria consecutiva na Segunda RFEF. Un fito que o ano pasado, con Yago Iglesias ao mando, non foi quen de conseguir despois de gañar ao Coruxo na casa e conquistar Riazor empatando en Guijuelo. Tres vitorias seguidas nunha categoría como a de bronce do fútbol español non é doado para ninguén e como mostra diso, o Compos só foi quen de facelo en catro ocasións ao longo da súa historia.
A primeira foi na tempada 77/78, a inaugural, e non serviría para evitar o descenso. Vitoria por 2-4 na casa do Basconia e en Santa Isabel por 2-1 fronte ao filial do Athletic Club e 3-1 diante do Mirandés. Na seguinte xornada pecharían a liga cun empate a 4 contra o Pegaso con dous goles dos locais nos 20 últimos minutos e que deixaría sen permanencia aos nosos.
A segunda foi na 90/91. Logo de empatar en Lugo, os de Castro Santos golearían ao Galáctico Pegaso por 6-0 e deixarían a porta a cero, tamén na casa, contra Cambados e Real Madrid Castilla, gañando por dous e un goles respectivamente. Hai que sumar tamén un triunfo en Oviedo, fronte ao filial ovetense, por 1-3. O equipo caería na sexta xornada contra o Langreo e despois encadearía 9 xornadas sen perder para acabar a liga ascendendo á Segunda división por primeira vez na historia.
O segundo ascenso á categoría de prata chegaría na 2001/02 e, casualmente, tamén atopamos outra serie de 3 vitorias. Logo de catro xornadas sen perder, con vitorias fronte Alavés B e Aurrera-Vitoria na casa e empates en Vigo e Pontevedra, os nosos encadearían tres triunfos contra Gernika e Ponferradina en San Lázaro e en Xixón contra o Sporting B. Como curiosidade, en cada un deses partidos, o Compos anotaría 3 goles e só encaixaría un diante da Ponferradina. A primeira derrota da tempada chegaría no Couto na xornada 8.
Catorce anos moi duros pasarían para, ás ordes de Iñaki Alonso, volver ver tres vitorias branquiazuis consecutivas na Segunda B. Triunfos contra Atlético Astorga e Tropezón na casa por 2-0 e 4-2 e tres puntos conseguidos en Zamora cun gol nos minutos finais para un equipo que soñaba con meterse entre os catro primeiros. Despois chegou outra serie de 3 empates seguidos e as aspiracións desapareceron.
Último partido sen Jimmy?
Por terceira semana, o lateral esquerdo titular non será Jimmy. O santiagués será baixa de novo neste partido e podería volver para a visita do Bergantiños a San Lázaro. A súa baixa, ben cuberta no campo por Salado, apunta a ser a única do equipo para esta cita na que aínda non hai sancionados tampouco.
Hai un meigallo?
Volvemos saír de Galiza e volve Footters. A plataforma online que retransmite a 1ªRFEF e algúns partidos da 2ªRFEF terá de novo ao Compos como protagonista. A tempada pasada serían 7 os partidos que veríamos pola web e o único positivo serían 4 empates, dous deles sen goles, e outras 3 derrotas. Antes, en 2018, teríamos os 3 partidos a domicilio da fase de ascenso á Segunda B e tampouco se conseguiría gañar ningún. Si que mellora a estadística na Copa do Rei xa que contra o Mensajero chegaría un triunfo para a historia.
Por sorte, este domingo chega a oportunidade de desfacer esta estadística e gañar nun partido emitido por Footters. Será a partir das 11:30 horas na Instalación Deportiva de Butarque e, para quen poida asistir, haberá entradas dispoñibles por 15 euros. Por contra, para quen non poida, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario