O Compos sumou o segundo triunfo consecutivo deixando mostras de mellora nun xogo que, por primeira vez nesta tempada, si recordou ao que viña realizando o equipo nos últimos anos. Un equipo con posesión, con perigo constante e moi fortes en defensa. En ataque, boa efectividade con Pablo Antas, Primo e Salado anotando os tres tantos branquiazuis. Atrás, estrea segura de Matías Vesprini esta tempada acompañando a Casas e Roque volveu deixar unha boa actuación no lateral dereito completando os noventa minutos.
O guión do que sería este encontro púidose ver dende o comezo. Un Compos serio, seguro co balón, e un Móstoles con problemas en defensa que só puido frear ao ataque santiagués con dúas faltas nos primeiros dez minutos, a primeira sobre Josiño no lateral do campo e a segunda sobre Primo na área. Sobre os once metros, Pablo Antas non perdoou facendo o seu segundo gol de penalti en dúas xornadas consecutivas. Sería, ademais, a segunda xornada seguida na que os nosos chegarían ao minuto 10 por diante no marcador.
Co resultado favorable, o ritmo non baixou. As acometidas sucedéronse tanto polo medio como polas bandas, con moito xogo directo tamén superando por alto a zona media do campo. Non obstante, sería logo dunha xenialidade de Josiño cando chegaría o segundo tanto, obra de Primo cunha fermosa volea. Segundo gol e certa tranquilidade diante dun equipo con máis cartóns que ocasións no primeiro tempo.
Pato fíxose grande.
Na segunda metade sería o Móstoles o que tentaría levar algo máis o peso do partido. Non sen complicacións, puxeron en perigo en varias ocasións a un Pato que volveu ser determinante para o equipo. O uruguaio salvou ata dúas ocasións moi claras nos primeiros vinte minutos mantendo unha vantaxe que acabaría aumentando.
Logo de perdoar esas dúas oportunidades, o Móstoles acabaría pagando. Un Compos que acariñou o terceiro en varias ocasións, con Pablo Durán moi activo pola dereita, pero sería nunha contra liderada por Fer Beltrán e culminada por Salado cando chegaría o terceiro tanto, xa no treito final. Unha vantaxe de tres goles que duraría cinco minutos cun gran gol de Álvaro Sánchez coa cabeza superando por alto a Pato. Un acerto que non serviu tampouco para meter aos madrileños no partido.
Agora, o equipo que pasará esta semana como líder, terá que preparar a primeira saída da tempada fóra de terras galegas para medirse ao filial do Leganés na Cidade Deportiva de Butarque o domingo pola mañá.

Ningún comentario:
Publicar un comentario