Repetimos?

 Terceira xornada de liga e segunda consecutiva que os nosos terán que desputar no Vero Boquete. Unha nova data no calendario branquiazul que nos leva a ver outro enfrontamento inédito ata o momento contra un Móstoles que se estrea na antiga Segunda B este curso con ganas de asinar a súa primeira vitoria nun campionato onde, polo momento, non é nada doado sumar de tres. Diante, un Compos que sabe o que é gañar goleando pero que quere seguir mellorando o seu xogo. 

 Dende os infernos. 

 A historia do Club Deportivo Móstoles URJC, antes chamado CD El Soto ou Juventud de Móstoles, comezou alá polo ano 2005 na Terceira madrileña. Un ano no que deixarían atrás a derradeira categoría do fútbol autonómico logo de saír campións pasando tres anos na Segunda, asinando o ascenso no 2009. Como terceiros ascenderían por segunda vez consecutiva en 2011, chegando neste caso a unha Preferente que deixarían en 2014 como campións. Máis tempo pasaron pola Terceira división madrileña, unha das máis duras, xogando a fase de ascenso á Segunda B en 2017, na que caerían contra o Peralada catalán, e 2019, superando á Peña Sport pero caendo contra o Socuéllamos na segunda rolda. Sería no 2021, cando chegaría ese tan desexado ascenso deixando polo camiño a Torrejón e Moratalaz. 

 Nesta tempada que acaba de comezar, na que se estrean nunha nova categoría, xa saben o que é caer, a mans do Salamanca no Helmántico, e empatar, facéndoo no engadido na súa primeira proba como locais contra un Pontevedra que non comezou con bo pé. Un equipo que no que levamos de liga, que non é moito, anotou dous goles e encaixou tres e que non gaña lonxe da casa dende o mes de marzo, na derradeira saída da primeira fase.   

A nivel individual, contan cun equipo que mestura moita xuventude coa experiencia de xogadores coma Mantovani, ex do Leganés en Primeira división, ou Portilla, gran coñecedor do fútbol madrileño. Con eles, ata 8 xogadores menores de 23 anos e outros tantos que non superan os 25 entre os que figura Salomón Obama, o canteirán do Atlético de Madrid que destacou nun torneo de verán hai uns anos xunto co seu irmán grazas ao seu poderío físico. Todos eles dirixidos por Víctor González, adestrador dende hai dous anos co que conseguiron o tan desexado ascenso. 

 Segundo recén ascendido no camiño. 

 Por segunda xornada consecutiva, o Compos terá que enfrontarse a un recén ascendido. Logo de superar ao Palencia Cristo Atlético, nun partido no que o peso do partido foi para os visitantes en boa parte do tempo, con máis efectividade que bo xogo, chega outra proba contra un ex-Terceira. 

 Fronte aos palentinos, o partido non puido comezar mellor. Unha falta na frontal antes dos dez minutos de xogo rematou co primeiro tanto de Jordan. Un gol que serviría aos nosos para chegar ao tempo de lecer por diante, non sen sufrir pero evitando a remontada grazas a Pato. Na segunda parte, Primo e Pablo Antas conseguiron pechar a primeira goleada branquiazul e deixar atrás unha das peores xeiras como locais. 

 Pola súa parte, o Móstoles xa sabe o que é enfrontarse a un rival galego. Un partido no que se viviron diferentes erros en defensa e na que os locais serían quen de adiantarse no primeiro tempo grazas a un gol de Gassama. O Pontevedra, por contra, melloraría coa entrada no campo de Rufo sendo o madrileño o autor do primeiro gol e, só tres minutos despois, Charles asinaría a remontada. Non obstante, no engadido chegaría o empate definitivo, obra de Álvaro Portilla, logo dunha mala saída do porteiro granate e ata dous disparos freados pola defensa. 

 O gol, asegurado. 

 Nesta segunda xornada consecutiva no Vero Boquete hai dous datos a ter en conta que case aseguran a presenza do gol nesta cita. A primeira é que se viu gol en todos os partidos xogados no Vero Boquete dende xaneiro e a outra é que, nos últimos seis anos, sempre houbo gol asegurado en xornadas consecutivas xogadas na casa. 

 Dende que arrincou a segunda volta contra Unionistas, alá polo mes de xaneiro, en cada partido no Vero Boquete houbo gol ata agora. Nas vitorias contra Coruxo e Cristo Atlético, nos empates fronte Racing de Ferrol, Salamanca e Langreo e nas derrotas a mans de Celta B, Numancia e Marino de Luanco, sempre se puido ver algún gol. 

 Ao anterior hai que engadir que repetir dúas semanas consecutivas na casa non só deixa goles asegurados nos últimos anos senón que, ademais, tampouco houbo empates. Outro dato curioso é que o primeiro partido sempre o gañaron os nosos mentres que Fabril en 2017, Bergantiños en 2018 e Arosa en 2019 serían os únicos en saír cos tres puntos do Vero Boquete. Con isto, sempre que os nosos deixaron a porta a cero, a vitoria quedaría na capital galega. 

 Segundo equipo de Móstoles. 

 Antes da chegada deste novo equipo, na cidade de Móstoles había outro Club Deportivo Móstoles. Un equipo fundado en 1955 e que desapareceu en 2012 chegando á Segunda B na que o seu mellor posto sería o un décimo asinado en 1999. Tal foi así que conseguiron ascender ata en catro ocasións á categoría de bronce e só asinaron a permanencia na mesma en dúas. 

 Sería na súa primeira campaña na Segunda B, na 1990/91, cando se verían as caras cun Compos que acabaría ascendendo a Segunda por primeira vez na historia. Dous partidos onde os nosos gañarían pola mínima grazas aos goles de Juanito en terras madrileñas e Puertas, en propia portería, en Santa Isabel.

 Volve Saro. 

 A mellor nova con respecto á pasada fin de semana é a volta de Saro. O lateral santiagués non puido estar fronte ao Palencia Cristo Atlético, ocupando o seu posto Roque e deixando boas sensacións, pero xa puido adestrar co grupo no final desta mesma semana. Por contra, seguirá sendo baixa Jimmy.

 Mesmo horario. 

 Repetimos escenario e tamén repetimos horario. O domingo, o Vero Boquete de San Lázaro abrirá as súas portas para un partido que arrincará ás 17 horas. Para o mesmo, volverá haber entradas para os non abonados en Preferencia por 15 euros e a 5 euros para menores de idade. 

 Por contra, para quen non poida ir, poderá seguirse na segunda canle da TVG e nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario