Chega a primeira

 O Compos non puido conseguir mellor resultado na súa estrea no Vero Boquete. O equipo de Rodri, malia non facer un bo partido, superou a un Palencia Cristo Atlético que puido sacar algo mellor nun primeiro tempo no que foron superiores co balón pero sen ser quen de bater a un Pato moi seguro baixo paus. Na outra portería, Jordan, Primo e Pablo Antas non perdoaron asinando así a maior goleada deste 2021 para un equipo que volve gañar na casa máis de medio ano despois. 

 O partido comezou cos dous equipos buscando a posesión da pelota. Os nosos buscaron meterse en campo contrario e o primeiro premio tardou seis minutos en chegar. Falta na frontal e Jordan, cun toque sutil, supera á barreira e pon a pelota fóra do alcance do porteiro. Un gran gol de falta directa para poñer por diante ao equipo por primeira vez esta tempada. 

 A resposta palentina non se fixo esperar. Edu desfíxose da defensa con certa complicación e probou a Pato, o mellor do primeiro tempo. Sería o uruguaio tamén protagonista co paso dos minutos nun partido onde os visitantes se fixeron coa pelota, probaron sorte de cara a portería pero perdoaron máis do permitido nun primeiro tempo que rematou cos nosos sendo inferiores en canto ao xogo.

 Os trocos melloraron ao equipo. 

 A segunda metade comezou coa entrada de Pablo Durán, un dos xogadores que mellores sensacións deixou sobre o verde nunha tarde onde se demostrou que o equipo aínda non está ben fisicamente. Con iso e co primeiro gol de Primo que nun primeiro intento, a centro de Escudero, non foi quen de bater ao porteiro pero si na segunda, coa cabeza dende o chan. 

 Cun resultado xa máis cómodo, foi a Esedé quen levou o peso do xogo. Con algo máis de calidade individual que un bo xogo en equipo, Pablo Durán e, minutos máis tarde, Fer Beltrán, quen se topou coa madeira, terían a oportunidade de ampliar vantaxe. Non obstante, a quince minutos para o final, sería Pablo Antas quen non perdoaría dende os once metros logo dun claro penalti sobre Salado. 

 Os minutos finais, cun contundente 3-0 no marcador, chegaron con numerosas interrupcións e pouco xogo entre dous equipos xa moi cansos e lonxe do nivel que esperan acadar nas vindeiras datas. 

 Un resultado importante para un Compos que, malia non deixar bo sabor de boca en canto ao xogo realizado, suma a súa segunda xornada puntuando, asina a primeira vitoria e deixa a portería a cero na casa, onde recibirá a vindeira fin de semana ao Móstoles. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario