Chega o que xa é un clásico dos veráns branquiazuis. Compos e Clube Deportivo Lugo volverán verse as caras esta fin de semana por cuarta vez nos cinco últimos anos. Un partido complicado, agora con dúas categorías de diferenza e moito nivel que se verá sobre o verde do Municipal A Medela, en Taboada.
A Segunda división, obxectivo principal.
Un ano máis, o Lugo está a preparar un curso no que o obxectivo principal é o de manter a categoría. Para iso, xa coas primeiras fichaxes confirmadas e varios xogadores do filial que tiveron unha boa imaxe a pasada tempada na Terceira, puxeron xa en marcha a súa pretempada sendo este, ao igual que para os nosos, o terceiro amigable do mes.
Con pezas importantes coma Pita, Iriome ou Seoane, o cadro albivermello mediu xa forzas co primeiro equipo do Celta, ante o que perdeu por goleada cos goles de Pita en propia porta, Santi Mina e Iago Aspas na que era a estrea tamén do único representante galego na Primeira división e que este ano promete moito. Ademais, este pasado mércores enfrontáronse ao Avilés en terras asturianas con resultado máis que favorable para os albivermellos.
Un equipo que chega con xogadores coma os antes nomeados, Cristian Herrera, Borja Domínguez, Manu Barreiro e o dianteiro que deixou boas mostras de calidade na nosa categoría Antón Escobar. Outra peza que pode ser importante nos plans de Eloy Jiménez é Hugo Rama. O santiagués chegou ao equipo o pasado curso e asinou o ascenso á categoría de prata co Mirandés, agora de baixa ata aproximadamente o mes de decembro.
Boas sensacións, malos resultados.
Este será xa o terceiro amigable dos nosos nesta pretempada, días antes da estrea branquiazul o mércores na Copa Deputación cun rival aínda por coñecer. Nos dous anteriores, dúas derrotas e un equipo titular nos primeiros tempos que deixou boas sensacións námbalas dúas citas fronte ao Chaves e o Celta B, mais sen ser quen de anotar ningún gol.
Non obstante, o máis importante nesta preparación non é outra cousa que o estado físico dos xogadores e aí aparecen xa algúns problemas. Sergio Pereira aínda non se puido estrear mentres que Mon sufriu unha lesión aos dez minutos de entrar ao terreo de xogo contra o filial vigués.
Pola súa parte, o Lugo xa sabe o que é gañar, fíxoo por goleada contra o Avilés, así como o que é perder, logo de inaugurar a súa pretempada contra os homes de Fran Escribà.
Un clásico de verán.
Compos e Lugo xa se coñecen á perfección estes últimos veráns. E é que este será o cuarto verán que se vexan as caras case de xeito consecutivo. Un emparellamento que deixou mal parado ata en tres ocasións ao equipo dirixido por Iñaki Alonso en dous veráns, cun pleno de triunfos lugués e que se completan coa vitoria tamén albivermella hai dous veráns no II Memorial Antonio Bermúdez xogador no Vero Boquete. Un total de 13 goles a prol dos lugueses e 1 para os nosos neste enfrontamento non oficial.
Lonxe da casa.
O Municipal A Medela, en Taboada, acollerá esta cita este sábado 27 de xullo. Un partido que dará comezo ás 19:00 horas e cuxas entradas terán un prezo de 10 euros, entrando ademais no sorteo dunha camisola do Compos e outra do Lugo entre todos os asistentes ao partido.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario