Unha nova cita de pretempada, terceira para os nosos, e as sensacións seguen a mellorar sobre o verde. Cun equipo que se asemella ao que pode ser o habitual durante a liga, os homes de Yago Iglesias puxeron en serios problemas a un Lugo que tivo que agardar ao treito final do encontro para marcar o gol que lle daba o II Trofeo Alfredo Rey Alvelo no Municipal da Medela, en Taboada.
Gran primeira metade.
Un once cos mellores para enfrontarse a un Lugo de Segunda división. Así saltou un Compos no que Soto estreaba titularidade e no que xa se pode esperar rotacións na portería, con dúas titularidades para Anxo e unha para Pato no que vai de pretempada.
A primeira parte, igualada sobre o terreo de xogo, contou coa Esedé levando a cabo a mellor oportunidade de gol dos corenta e cinco minutos. Foron tres, non unha, as oportunidades claras que chegaron sobre a portería defendida por Varo con dous intentos de Pablo Antas que petaron na madeira e outro de Gabri que sacou o gardamallas que hoxe facía de local na mesma liña de gol.
Cuestión de tempo.
Durante a segunda metade foron chegando os trocos que levaron ao Lugo a mellorar sobre o verde. Non obstante, malia a superioridade do cadro albivermello, o marcador mantívose co resultado inicial ata os intres finais. O santiagués Manu Barreiro foi o autor do único gol do xogo para dar a vitoria aos seus xa case sen tempo para reaccionar por parte dos nosos.
Agora, o Compos terá que preparar a súa primeira cita oficial contra un rival que sairá do partido que xogarán mañá Sofán e Soneira en Vimianzo. O enfrontamento contra os nosos, a domicilio, será o mércores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario