O trofeo vai para Vigo

O IV Memorial Antonio Bermúdez rematou con triunfo visitante. Unha goleada do Celta B cun resultado abultado deixando mostras do bo facer dos homes de Jacobo Montes en ataque. A parte, igualdade, sobre todo no primeiro tempo, cos homes de Yago Iglesias levando perigo sobre a portería rival grazas ás bandas. Un encontro no que o mellor foi a volta de Jimmy, xogando algo máis de media hora, e o peor foi a lesión de Mon cando levaba algo máis de dez minutos sobre o verde. A iso hai que engadir un bo número de xogadores da base, restando aínda máis importancia ao resultado. 

Primeira metade con igualdade. 
Yago Iglesias non quixo deixar nada á imaxinación e saiu cun once que ben podería ser o titular en liga. Con Pato baixo paus, os irmáns Seoane nas bandas, e Queiruga facendo parella con Casas no centro da zaga. Un centro do campo, moi ben reforzado con Pablo Antas e Samu creando xogo e Miki e Brais Abelenda facendo das súas polas bandas con Hugo Sanmartín e Rodri buscando, sen acerto, superar a Fran. 
A igualdade durante os primeiros corenta e cinco minutos foi case total sobre o terreo de xogo con reparto de posesión e constantes loitas polo esférico no centro do campo. Para rachar con ese empate apareceu Manolito Apeh coa velocidade que o caracteriza para desfacerse en carreira da defensa e superando a Pato cun disparo potente. Un resultado que puido igualar antes do tempo de lecer o Compos cunha dobre ocasión primeiro de Brais Abelenda, que petou co gardamallas celeste, e de Rodri posteriormente cun disparo que saiu logo de petar nun defensa. 

Máxima efectividade. 
A segunda metade comezou co segundo gol do Celta B, obra de Riki. Non obstante, a peor nova foi a lesión de Mon, que chegou ademais acompañada, intres despois, do terceiro gol visitante que deixaba encamiñada a vitoria. E con media hora por diante, o ritmo caeu cos nosos xa sen opcións e os vigueses deixando unhas sensacións case inmellorables. Non obstante, aínda chegou un cuarto, de Salomón Obama, cun centro dende a banda e gol do canteirán do Atlético de Madrid. 

Agora, o Compos terá que preparar unha nova cita sen case descanso xa que o sábado haberá unha nova cita na que os nosos medirán forzas co Clube Deportivo Lugo, outro rival de superior categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario