Compos e Celta B xogarán un novo enfrontamento amigable este verán en memoria do xornalista santiagués Antonio Bermúdez, falecido hai tres anos. A cuarta edición deste memorial terá como rival ao filial olívico nunha data importante para a capital galega. Un enfrontamento que supón a segunda cita dos nosos nesta pretempada logo da derrota contra o Chaves, no que os nosos deixaron boas sensacións malia levar só dous días de adestramentos.
Moitos xuvenís.
Os irmáns Montes, que tomaron o mando do Celta B este verán, terán ao seu cargo un equipo cheo de xuvenís neste verán. Con moitos integrantes do filial celeste preparando a tempada nas filas do primeiro equipo, terán unha pretempada na que pouco a pouco irán chegando máis integrantes que xogarán ao longo do curso co equipo na Segunda B.
Un equipo vigués que comezou os adestramentos o pasado martes e, despois dunha semana, terá a súa primeira cita preparatoria no Vero Boquete de San Lázaro. Un verán no que terán que verse as caras con equipos da Terceira división coma os nosos, Ourense CF e Choco, e fronte filiais importantes do fútbol portugués.
Cuarta edición.
Neste 2019 chegamos á cuarta edición do Memorial Antonio Bermúdez. Un torneo amigable que arrincou coa visita do Deportivo ao Vero Boquete de San Lázaro na volta dos nosos á Terceira división. Unha primeira ocasión na que o primeiro equipo coruñés asinou unha gran goleada, igualando o resultado conseguido antes polo seu filial en Abegondo na primeira xornada de liga.
Outro gran representante do fútbol galego pasou por Santiago para a segunda edición. O Lugo volveu deixar ao Compos sen o trofeo local cunha nova goleada que repetía a diferenza do ano anterior, neste caso sen opción aos nosos na casa.
E á terceira chegou a vencida. Fronte a outro rival de categoría superior, o Pontevedra neste caso, o premio quedou na capital. Un partido que rematou con triunfo branquiazul grazas a un único gol de Brais Abelenda e que xogou coa tempada xa en marcha, no mes de outubro.
Boas sensacións na estrea.
Para os homes de Yago Iglesias, esta será a segunda proba do verán. Con só dous adestramentos, o primeiro enfrontamento rematou cunha derrota sen importancia contra o Chaves portugués, equipo da segunda categoría lusa, Un partido no que as sensacións sobre o verde foron boas con moitas estreas, sobre todo na segunda metade, e no que non houbo que lamentar baixas nin problemas físicos significativos.
Fútbol e festa.
Compos e Celta B abrirán unha noite de festa en Santiago. A noite que rematará cos fogos artificiais, arrincará cun partido no Vero Boquete que suporá a segunda cita deste verán para os nosos. Un partido que se xogará este mércores ás 19:30h e para o que as entradas terán un prezo de 5 euros mentres que aboados e menores de idade non terán que pasar pola billeteira. Ademais, para quen non puidera ir antes, a oficina estará aberta de xeito excepcional antes do xogo para que quen queira poida facer o seu abono antes.
Por contra, para quen non poida asistir, poderase seguir a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario