Con só dous adestramentos enriba, o Compos viaxou a terras lusas para xogar o seu primeiro amigable deste verán, que xa conta cun bo número de citas confirmadas entre amigables e a Copa RFEF, á que volverán os nosos para verse as caras a vindeira semana fronte ao Estradense. Neste primeiro partido, do que non se pode sacar nada claro, o equipo caeu deixando unha boa imaxe fronte a un rival de superior categoría.
O Grupo Desportivo Chaves, equipo da Segunda liga portuguesa, demostrou ter mellor nivel que os nosos e, sobre todo, levar máis tempo preparando a tempada manexando o ritmo do xogo no primeiro tempo, facendo as mellores ocasións pero sen conseguir superar a porta defendida por Anxo, primeiro en defender a portería branquiazul.
Uns goles que si chegaron nunha segunda parte na que o Compos foi algo mellor cos trocos mantendo só catro pezas que partiron no once titular, o debutante Gabri entre eles. Os tantos que deron a vitoria e o Troféu do Município de Melgaço ao Chaves foron obra de Tanko e Platiny nos cinco últimos minutos deixando sen opcións a unha Esedé que volve con boas sensacións da súa estrea e que terá a súa segunda parada o vindeiro mércores xa no Vero Boquete fronte ao Celta B no IV Memorial Antonio Bermúdez.
Estreas.
Hoxe Yago deu a oportunidade de estrearse co primeiro equipo aos recén chegados. Pablo Antas, Hugo, Gabri e Rodri apareceron no once titular mentres que Andrés, Santi, Rial e Christian fixeron o propio no segundo tempo. Ademais, Pato e Queiruga volveron vestir a elástica branquiazul.

Ningún comentario:
Publicar un comentario