Álvaro Naveira, que xa asinara o seu contrato para seguir por terceiro ano nas filas do Compos, pediu a rescisión de dito contrato para poder dar un paso adiante na súa carreira. O lateral esquerdo coruñés deixa a Esedé despois de dous anos nos que foi unha peza fundamental e asina polo Pontevedra, na Segunda B, onde terá unha vinculación de dous anos co obxectivo principal de chegar ao fútbol profesional.
Chegado dende o filial do Deportivo en 2017, Naveira foi unha peza chave nos plans de Yago Iglesias. O único lateral esquerdo puro destes dous últimos anos e que chegou a superar os 60 partidos xogados entre liga, fase de ascenso e Copa do Rei. Un gran camiño ao que só lle faltou o ascenso, quedando ás portas nas dúas tempadas, que acada xa neste mercado de verán.
Dende a súa posición, poucos goles son os que puido facer, sendo un dos grandes asistentes do equipo. De feito, só asinou un gol que contou cunha gran importancia. O coruñés foi o autor do gol que poñía por diante aos nosos no Helmántico contra o Salmantino na ida da final da fase de ascenso.
Agora só queda desexarlle moita sorte na súa nova etapa na categoría de bronce, que seguro chegará con moitos éxitos. E pola nosa parte, esperar á chegada dunha nova peza importante que cubra a súa posición.

Ningún comentario:
Publicar un comentario