Só pasan dous días dende o comezo da pretempada branquiazul e xa está aquí o primeiro partido deste verán. Un Compos xa totalmente armado e ben reforzado terá que saír de terras galegas para un torneo de verán no país veciño que cumpre este ano a súa décimo novena edición. O rival, o Grupo Desportivo de Chaves que este ano xogará na Segunda Liga portuguesa logo do seu paso pola máxima categoría do fútbol luso, da que descenderon neste pasado mes de maio.
Porto, Celta, Sporting de Braga...
Só van 19 edicións deste Troféu do Município de Melgaço mais xa contaron con grandes campións. De feito, foi o Porto o primeiro campión deste torneo amigable derrotando nesa final ao Sporting de Braga, outro que logo tivo a súa oportunidade de gañar o trofeo alá polo 2011. Tamén o levaron para casa equipos coma Marítimo en catro ocasións, Estoril Praia, Penafiel, Gil Vicente, Paços de Ferreira, Belenenses, Boavista ou o propio Chaves, gañador no 2015. Non obstante, o equipo que máis veces se fixo coa vitoria foi o Celta de Vigo, gañador en 5 ocasións e participante noutras 3 facéndoo por última vez no 2016 con remontada incluída fronte ao Valladolid.
Un portugués no camiño, outra vez.
Hai xa cinco anos, en agosto de 2014, un Compos dirixido por Iñaki Alonso e con aspiracións moi altas na Segunda B, preparaba a tempada contra o Vitória de Guimarães, un equipo da máxima categoría portuguesa e que ese mesmo curso conseguiría clasificarse para competicións europeas. Un enfrontamento que rematou naquel verán con vitoria branquiazul contra os de Rui Vitória grazas aos goles de Manu Rodríguez e Iván Pérez.
Nese curso, o 2014/15, o Compos rematou sexto na Segunda B quedando ás portas da fase de ascenso á Segunda división.
Primeira proba para os recén chegados.
Un equipo cheo de experiencia e calidade dará o seu primeiro paso sobre o verde nun amigable este mesmo mércores. Un partido onde non se verá nin moito menos unha pequena parte do que será logo durante a tempada. Unha proba para ver de novo de branquiazul a Pato e as posibles estreas de Antas, Baleato, David Soto, Gabri, Hugo Sanmartín, Queiruga e Rodri así como a estrea neste curso dos 11 renovados. Ademais, os xogadores da base Pedro Leis, Andrés López e Christian Fernández probarán sorte ás ordes de Yago Iglesias.
Pola súa parte, no Chaves haberá probas nun equipo reformado case por completo logo do descenso.
Atravesando fronteiras.
Na fronteira con Galiza, só separados polo Miño, atópase Melgaço. Un pobo do distrito de Viana do Castelo no que moitos equipos portugueses e galegos deciden arrincar as súas pretempadas. Este é o caso do Chaves, concentrado na vila melgacense para preparar tanto este amigable coma o que xogarán días despois fronte ao Gil Vicente.
O partido dará comezo ás 19:30 horas no Estádio de Melgaço e poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario